xoves, 5 de abril de 2012

Loito e pranto polas Fragas do Eume


“n-o Mosteiro xigante refrexaban
d' o sol os derradeiros esprandores,
en áscuas d' ouro trasformando os vidros,
e dando âs pedras un coor estrano,
como s' algun incendio as alumase”
Valentín Lamas Carvajal 


Esta semana espertabámonos con outra mala nova para o pobo galego. Os féridos e duros voltaron a acoitelar o corazón da Patria, provocando a que pode ser a peor traxedia ecolóxica en Galicia dende o Prestige. Cando souben que o lume estaba a reducir a cinzas as ladeiras das Fragas do Eume, fiquei incrédulo e impotente ante tan xigantesca e devastadora traxedia. Coas bágoas nos ollos, contemplei as imaxes das voraces lapas consumindo e reducindo a cinzas as máis íntimas entrañas da fraga milenaria, emblema natural co que nos identifican en todo o planeta. Centos e centos de hectáreas de bosque virxe arrasadas por culpa de xente sen escrúpulos, o que sumado ás deficiencias na protección e prevención, foron a causa desta terrible e irreparable catástrofe. Ata fai uns poucos días, calquera galego ou estranxeiro, labrador ou mariñeiro, mestre ou alumno, amante ou non da natureza; podía mergullarse polas Fragas do Eume e ollar o feitizo que a natureza e os nosos antergos tiveron a ben preservar. Non en van, estas fragas milenarias eran un dos poucos bosques europeos virxes que se conservaban no mundo, con especies únicas de plantas e animais. Era un ecosistema singular pola súa frondosidade e fermosura, e tamén por conservar nas súas entrañas dous mosteiros do século XII, que teñen unha gran importancia histórica e artística. Cando un camiñaba polas súas sendas, pontes, ribeiras, soutos e vieiros, descubría un verxel, un auténtico paradiso, a fraga por excelencia que inspirou estoutra Fraga dos Mouros.


Na beira do Eume podían contemplarse aínda fentos únicos que sobrevivían dende o Cuaternario, carballos e castiñeiros centenarios, ameneiros, bidueiros, érbedos, salgueiros, freixos, loureiros, acivros, abeleiras ou piñeiros. Ao noso redor, atopamos ás veces as ánimas do monte, que conforman unha numerosa e singular fauna autóctona. Especies como a marta, o leirón, o gato montés, o picapeixes, o bufo real, o coello, o xabarín, a londra, o falcón peregrino, a píntega rabilonga, o raposo, o corzo ou o porco teixo eran habituais nestas fragas. Despois do incendio, todas estas especies de animais e vexetais forman parte da negra cinza que cobre o antano refuxio da natureza máis anterga, cinza que ameaza agora con precipitarse sobre o río e destruír tamén o ecosistema fluvial do Eume. As Fragas do Eume foron, dende sempre, un referente natural e paisaxístico. As súas máis de nove mil hectáreas entre os concellos de As Pontes de García Rodríguez, A Capela, Cabanas, Monfero e Pontedeume, conformaban unha xoia supervivente ó paso dos séculos, un dos poucos espazos naturais virxes que nos quedaban. Lonxe de tela protexido, a declaración de Parque Natural fixo caer en desuso a cultura forestal tradicional que dende sempre rexeu este lugar. En consecuencia, a limpeza e conservación da fraga viuse prexudicada, e esta foi a causa última da traxedia que vimos de sufrir. Agardemos que se tomen medidas de inmediato para comezar a rexenerar todas e cada unha das vellas cortizas centenarias e os seus verdescentes musgos, agora calcinados. 
Queimaron o pequeno verxel do Eume, esta lonxeva fonte de vida; este xenuíno chan de labirínticas raigames. Prenderon as pólas das centenarias árbores e dos milenarios fentos. Asediaron ás ánimas do monte, os seus coveiros, lobeiras e niños. Espantaron ás aves e ós corzos, sementaron a morte de esquíos e xinetas, marcaron o lume nos ollos do lobo. Reduciron a cinzas os troncos milenarios, ardeu o souto, queimáronse o musgo e mailos liques. Queimaron o corazón de tódolos galegos, queimáronnos a nós mesmos. Que rexurdan baixo as cinzas as raigames centenarias das antergas Fragas do Eume!

6 comentarios:

Anónimo dixo...

É un orgullo contar con xente coma ti, en Galicia....
Parabéns polo teu traballo.
Agustín

I. Iván Fraga Moure dixo...

Grazas, Agustín. E un pracer, tamén, ter lectores coma tí. Pásate por esta fraga as veces que queiras. Unha aperta!

Xoán S. Pazos dixo...

Benquerido camarada,
desgraciadamente Galicia non cambia. O vello e nobre pobo de Breogán segue sumido no profundo sono da "longa noite de pedra", no escuro cavorco onde levamos case cincocentos anos soterrados, asoballados pola desidia, a incompetencia, a soberbia e o egoísmo importado dende a noxenta e estéril meseta. Galicia está chea de langráns, desleixados e subnormales (e digo subnormales, e digo ben, porque para min un individuo que queima un monte está por debaixo da categoría de "persoa", por debaixo do "normal"). Incendiar un lugar tan marabilloso e único como as Fragas do Eume, icono da natureza máis auténtica do país, é un crime non só contra esta xeración, senón tamén contra as xeracións vindeiras. É un atentado abominable contra todo canto queda de puro e auténtico neste país, e constitúe un fracaso do pobo galego como país, como nación. Somentes de pensar nos centos de animais inocentes asasinados, nas árbores centenarias que levan aí séculos gardando nas súas cortizas a historia da terra, no chan queimado e reducido a cinzas... Se tiveramos un pouco de dignidade, estariamos nas rúas cos fusís e as baionetas. Se Galicia fora un país civilizado, baixarían as cabezas rodando dende San Caetano, pero como aquí nos gobernan os chupóns interesados de sempre... ¿Como queremos que nos consideren un país, un pobo libre, se destrozamos todo canto nos queda? ¿Como nos van respetar no resto de Europa se somentes se fala de nós por aí adiante cando acontecen este tipo de catástrofes ecolóxicas? Podemos estar contentos, abofé. Agora as madereiras xa poderán plantar eucaliptos, e os patáns ignorantes e cabezas ocas que tan habituais son no noso atrasado e incorrixible rural xa poderán sementar millo para chupar as subvencións de Europa e seguir vivindo do conto. Xa temos o que queremos. ¡Ai, anterga e triste Galicia! ¡Canto pesan as enferruxadas cadeas, a ignorancia e a incompetencia dos "féridos e duros"! ¡Galicia, Galicia, "vello país domeador de vento"! ¿Ata cando seguirás sobrevivindo a pesares dos teus propios fillos, matricidas incorrixibles?
En definitiva, que a vella e honrada nación de Breogán somentes espertará do seu sono cando aprenda a usar o lume para queimar outras cousas.


"Batede no corazón;
poñédevos de xeonllos
e perguntai con santo amor de fillos,
alá no fondo, alá dentro
onde resoan cristaíñas, craras,
a voz da Raza, a voz do sentimento,
a voz da nosa Terra
máis forte que a oración, que a lei, que o ferro...
decídello á vosa sangre
¿Son chegados os tempos?"

I. Iván Fraga Moure dixo...

Moitas grazas polo teu comentario, amigo Xoán. E qué épico poema de raza!. Que o destino siga traendo consigo viaxes. Unha aperta!

Amelia dixo...

Ante as bágoas da fraga, o triste día dos fogos, quise gritar pola sorte da nosa paisaxe, e gritei cos meus versos:


ARDEN AS FRAGAS



Heraldos do inferno...

inventores de linguas de morte

están a tocar a rebato

no campanario da loucura.

Apóstatas da vida...

verten sobre os coiros da terra

unha humillación de sangue e cinzas.

Promotores do martirio

que só acertan a especular

beneficios no negocio do desastre.



Triste espectáculo

o que interpreta

este exército de angustias

na inhumación dos cascabeis!



Xa só hai muros de lume pregoando a ágora do deserto,

e unha danza infecta de fogo que racha,

no capricho da impostura,

os perfís do día.

Xa, só unha vergoña tinguida en lamentos

que apenas acerta a brandir o seu báculo verde

sobre unha esperanza relada en brasas.



Onde antano bebía festexos

hoxe, só restrebas grises enloitan os meus labios.

Onde pouso os meus ollos na quimera da luz,

o negro apágaos

nunha melancolía de brumas.

Piso con medo sobre os rescaldos

cunha rabia que me paraliza…

Perdoade hoxe as miñas bágoas,

pero é que hoxe, a metáfora impía do lume

transformou os meus bosques

nun silencio pétreo e malsán.



Hoxe, sobre a codia ferida do carballo,

aínda fumega o desconsolo

e nin as ninfas,

adestradas en séculos de intemperie,

puideron tranquilizar o tránsito doente

das chamas.


Tes un blog ben fermoso. Grazas.

Amelia

I. Iván Fraga Moure dixo...

Moitísimas grazas pola túa importantísima aportación, Amelia. Que pedazo de poema!, é fermoso!!. Agradezo enormemente a túa aportación, e aproveito para convidarche a que te pases sempre que queiras por esta bitácora, e que podas deleitarnos moitas veces máis cos teus fabulosos versos. Este sitio é teu.

Un saúdo, Amelia