luns, 4 de agosto de 2008

Cabo Ortegal, Fronteira de Mares


"¡Irmáns! ¡Irmáns gallegos!
¡Dende Ortegal ó Miño
a folla do fouciño
fagamos rebrilar!
Que vexa a Vila podre,
coveira da canalla,
a Aldea que traballa
disposta pra loitar".

Ramón Cabanillas

Era inverno e, como é lóxico, o mar acostuma a estar embravecido, revolto, rompendo nos cantís estáticos e verticais, impoñentes e fronteirizos. O inmenso Océano Atlántico loita na batalla milenaria co seu rival, e ao mesmo tempo veciño, Mar Cantábrico.

Este fermoso e impoñente espectáculo sorprende e impresiona sobremaneira a calquera visitante que se prece. A vertixinosa altitude é constante e impón unha sensación de inmensidade que poucas veces percibín nas miñas viaxes. A imaxe que expoño non se pode comparar coa realidade, e o conxunto de condicionantes naturais non pasa desapercibido; o ruído do mar e o asubío incesante do vento, así coma o cheiro a salitre ou contemplar o embate do mar cos pequenos e pedregosos illotes (Os tres aguillóns), fan de Ortegal un privilexiado lugar onde evadirse e marabillarse coa forza da natureza. O cabo está ben sinalado e a escasos quilómetros da non menos especial vila de Cariño que, por certo, na estrutura do casco urbán, lémbrame aos concellos da Costa da Morte, con pequenas e coloridas casas, laberínticas rúas e a obrigada presenza aínda do indómito Atlántico.

É un dos cabos máis importantes e impoñentes da costa galega, xunto con Estaca de BaresCabo Fisterra e Cabo Vilán. Se hai algo que represente a este Cabo Ortegal é o vento, que ao longo dos seus días moldeou as rochas, imprimindo esa agresión que se mostra no violento corte das pedras.

O Faro é de morfoloxía cilíndrica, moi semellante ó de Illa Pancha, ó de Punta Roncadoira e ó de Touriñán, con dúas sinxelas plantas. Trátase dunha estructura moi usual nos faros da Galiza. Cabe sinalar que os costeiros cantís do Concello de Cariño son dos máis altos do continente europeo, en concreto os de Vixía de Herbeira, con 613 metros de caída vertical. A fauna varía entre gaivotas, cormoráns, baleas, etc. e presume de ser un observatorio propicio para milleiros de aves migratorias. No mesmo cabo existen paneis con suficiente e clara información ao respecto. Quen non visitou Ortegal, non coñece a Britonia Galega.

5 comentarios:

Xoán S. Pazos dixo...

Paraxe impresionante, das máis impoñentes que vin na miña vida. A Britonia é unha comarca incrible, dende San Andrés ata Ortegal, pasando por Ortigueira, Cariño, Cedeira... en fin, unha desas zonas máxicas.

Apertas dende Compostela.
E parabéns polo teu cumpreanos!!!!

Saudiñññossss

fgul dixo...

Moi boas!

(outro blog para o cesto)

Acabo de topar esta páxina e non podo evitar emitir un pequeno dato.

O poema de Cabanillas está versioneado por Xenreira (grupo galego que todos coñecedes, supoño). Entendo que merece a pena.

Polo demais, recoñezo que nunca estiven en Ortegal (pena de un que non ten tempo), pero entra dentro dos meus vindeiros destinos.
Fermosísima foto, por certo.

Un saúdo

Anónimo dixo...

Fermosas fotos.......
Fermosas palabras.....
Bicos.

Anónimo dixo...

hola
Gústame moito a música que lle puxeches....moi Galega, moi aprópiada.
FELICIDADES!!!!!!!!!

Anónimo dixo...

EU OUTRA VEZ MEU REI,E QUE VOU DECIR EU QUE NON SEPAS TI POIS TODO JAJA QUE ES UNHA MARAVILLA COMA TODO O QUE TI FAS E SIN MAIS (PORQUE TI O VALES) BIQUIÑOS