venres, 14 de novembro de 2014

Ás portas do Mosteiro de Santa María de Oseira


“PoI-as augustas bóvedas d' un craustro
d' o Mosteiro d' Oseira, pensatible,
co-as mans en cruz e co-a cogula posta,
o Abade don Sesnando paseaba
abismado cicáes d' o infinito
n-os fondos e subrimes pensamentos,
que son d' os sábeos a perpétua Ioita,
cando n-a torre d' o relós vibrantes,
graves soando e con pousar soléne,
unha tras outra, sete bateladas
repercutiron n-as sombrisas bóvedas
con ecos malencónicos”. 
Valentín Lamas Carvajal, Saudades gallegas

Aló polo mes de maio do presente ano, namentres coñecía algúns dos máis feiticeiros recunchos que se perden pola Provincia de Ourense acompañado polos meus amigos cascarilleiros Adrián Hernanz, Facun Adrián Fariña, decidimos facer unha breve parada nunha das parroquias máis célebres da vila panadeira de San Cristovo de Cea para coñecer un dos máis históricos e coñecidos mosteiros galegos e dar boa conta dos seus inigualábeis produtos. Estamos a falar do Mosteiro de Santa María a Real de Oseira. Uns días antes, o meu gran amigo Antón da Sobreira, contárame que neste mosteiro elaborábase un licor único nesta nosa terra galaica; o Eucaliptine, licor de eucalipto. Antón díxome que este licor era moi saboroso e man de santo para as catarreiras e dores de gorxa. Críallo ben, as follas do eucalipto abren as fosas nasais e despexan o moco. A pesares de que nunca maxinei beber o celme do eucalipto, o certo é que tiña moitísimas ganas de probar este licor. Así foi como nos achegamos até Oseira, até un dos meirandes mosteiros deste noso país.


Hai quen di que deste mosteiro saíu a receita do senlleiro Pan de Cea. Crese tamén que é o primeiro lugar do interior onde se comezaría a conservar o polbo que traían dende a costa, secándoo, e onde nacería a receita e o segredo deste manxar que dende aquel entón e até os nosos días, non pode faltar en ningunha feira galega. Chegamos a Oseira unha mañá solleira e calorosa. Nada máis chegar, sorprendéronnos para ben os fermosos xardíns do mosteiro, ateigados de rosas, caraveis, hortensias  e flores de infindas cores que semellaran abrir de véspera, que semellaban saudar por vez primeira á súa única e finita primavera. 

Estabamos ante as portas mesmas do Mosteiro de Santa María a Real de Oseira, escoitando as taciturnas badaladas que cuspían as horas e vomitaban o paso do tempo, coma un réquiem de minutos e segundos xa finados. Para a nosa sorpresa, as portas do mosteiro estaban pechadas ó público, polo que tivemos que conformarnos con contemplar a grandeza deste mosteiro dende fóra e coñecer as súas entrañas noutra ocasión. 

A historia deste mosteiro comezaría aló polo ano 1137, momento no que unha pequena comunidade monástica se refuxia nestas terras ourensás para vivir en soidade i en harmonía; inmersos na súa fe. Estes integraríanse na orde do Císter pouco tempo despois, no 1141. Nese mesmo ano chegaría a Oseira un grupo de monxes franceses enviados por San Bernardo. O que nun principio era un pequeno e modesto edificio, co tempo iríase ampliando a medida que os monxes ían atesourando doazóns, principalmente por mediación do rei Afonso VI. Chegaron a ter tal riqueza que as súas posesións chegaban até o Couto de Marín e até Zamora. Nembargantes, no ano 1552, o mosteiro sufriría un importante incendio que arrasaría por completo tódalas dependencias, reducíndoas as cinzas. Aló polo ano 1835, a desamortización de Mendizábal asestaríalle o derradeiro golpe e obrigaría ós monxes a saíren do mosteiro. O Mosteiro de Santa María a Real quedaría totalmente abandonado e remataría por ser espoliado, ata que no 1929, os monxes retornan a Oseira e comezan a reconstrución do edificio. 


O templo monástico, de planta de crus latina, posúe un estilo románico oxival e foi erixido entrámbolos séculos XII e XIII. Durante o século XVII solaparíaselle unha fachada de estilo barroco. É unha das meirandes obras mestras da Orde Cisterciense na península ibérica. Foi unha auténtica mágoa non poder coñecer as entrañas deste maxestoso e senlleiro mosteiro ourensán. Denantes de liscar, achegámonos até unha das pequenas tabernas que fican ó carón deste mosteiro, co fin de saber se alí venderían algunha botelliña daquel licor de eucalipto do que tanto me ten falado o meu amigo Antón. Atendeunos unha anciá e a súa neta. Dixéronnos que tiñan o Eucaliptine á venda na súa taberna porque os monxes andaban ó seu e pechábanse moi pronto. Foi toda unha sorte para nós poder liscar de Oseira cunhas botellas de licor de eucalipto e cuns tarros de escurísima mel das abelliñas de Oseira. A mel mercámola na taberna pero tamén era dos monxes. Liscamos de Oseira saboreando moderadamente o famoso “Eucaliptine Ambar” e lendo na súa etiqueta o seguinte:

“Elaborado por los monjes de Santa María de Oseira según una antigua fórmula y combinación con hojas de tres especies de eucaliptus -biminalis, tasmania y rostrata- y otras plantas medicinales. El resultado, un afamado licor de gusto agradabilísimo, fruto del infatigable trabajo de los monjes” 

domingo, 9 de novembro de 2014

De riola por Monforte de Lemos


“Xa non s'ouven as férreas armaduras 
Y-o rinchar d'os cabalos non s'escoita, 
Xa non preséncean fratricida loita 
Isas verdes e prácidas llanuras. 
Ô subir dend'o foso hastr'as alturas 
D'a castillana o peito non enloita, 
D'o amante trovador a triste coita 
Con acento de tristes amarguras. 
Todo o tempo barreu: cal cintinela 
Soilo tí, torre altiva, érgueste agora, 
Mudo tistigo d'unha edá pasada;
Todo o tempo barréu e drento aquela 
Ildara tan fermosa xa non mora 
Pra escoitar esta queixa ô vento dada”
Amador Montenegro, Muxenas 

Xa fai ben tempo que tiveramos a ocasión de percorrer as rúas de Monforte e transitar a carón dalgúns dos monumentos máis históricos e lendarios deste noso país. Xa facía tempo que non percorriámolas ribeiras do cristalino Cabe, que non camiñabamos polos empedrados vieiros sobre dos que regresaba vitorioso o Conde de Lemos. Xa facía tempo que non albiscabámolos niños das cegoñas nos campanarios da eirexas nin no alto de chemineas d’antigas factorías cerámicas arruinadas. Xa facía tempo que non pisabamos unha terra vermella e lamacenta. Achegámonos ata Monforte para lembrar aquela primeira viaxe a esta histórica e importante terra luguesa e visitar algúns dos seus recunchos máis senlleiros. O primeiro que fixemos nada máis chegar a Monforte, o antigo Montis Forte, sería achegármonos até o Conxunto Monumental de San Vicenzo do Pino, o mesmísimo fogar do Conde de Lemos.


Esta fortaleza foi erixida aló polo século XIII. Destacan as súas murallas a as súas torres. A Torre da Homenaxe albíscase dende calquera punto de Monforte e dende as terras da contorna. Posúe catro andares e uns 30 metros de altura, e foi erixida entrámbolos séculos XIII e XV. A súa planta cadrada, atesoura  13 metros de ancho por algo máis de 12 de longo e os seus muros chegan a acadar os tres metros e medio de anchura. No alto da torre destacan as ameas, as seteiras e unhas pequenas xanelas; unha delas, a da Raíña, conserva elementos decorativos trevolados. Tamén chama a atención a súa muralla, erixida tamén polos Condes de Lemos arrodeando o Mosteiro de San Vicenzo do Pino, que data do século X. Esta fortaleza, como non podía ser doutro xeito, sería pasto das chamas durante as revoltas irmandiñas que se sucederon no 1672, ocasionando importantes danos estruturais no castelo. A fortaleza sería restaurada logo da revolta e do incendio. Nos nosos días, o antigo mosteiro e os restos do pazo residencial da Casa de Lemos conforman un Parador Nacional de Turismo de gran sona e renome. 


Tamén se cre que eiquí se localizou inicialmente o Castro Dactonio, asentamento da tribo celta dos Lemavos. No ano 2007 realizáronse unha serie de escavacións neste outeiro mediante as cales saíron á lus diversos restos e vestixios prerromanos.  Logo de coñecer a antiga residencia da Casa de Lemos, decidimos descender aquel outeiro e achegármonos agora até outro dos máis históricos recunchos de Monforte. Dirixímonos cara a Ponte Vella, erixida sobre do leito do Río Cabe. Esta ponte, de orixe romana, posúe tres grandes arcadas que descansan sobre rexos piares e contrafortes. Sería erixida no século XVI por Pedro Rodríguez Remberde. Atravesámolo leito do Cabe unha e outra vez, deambulamos polas súas plácidas ribeiras e atopamos no espello do río as nosas caras baixo a sombra da torre e das pétreas ameas. Logo decidimos coller rumbo cara outro dos lugares máis senlleiros e históricos desta vila medieval; o Colexio de Nosa Señora da Antiga.  


Resulta sorprendente achar un colexio tan monumental e impresionante coma este de Nosa Señora da Antiga de Monforte. Foi erixido polo Cardeal Arcebispo de Sevilla Rodrigo de Castro e a súa construción comezaría aló polo ano 1593 e remataríase tres séculos despois, no ano 1913. Pertence ó estilo denominado Renacemento de Herrara. Conta con dous claustros neoclásicos e antr’os seus muros poden acharse numerosos escudos como o da Casa de Lemos, o Ducado de Alba, o do Cardeal Rodrigo de Castro e dos Padres Escolapios, que foron os que remataron a obra. Na igrexa, de planta de crus latina, descansan os restos do seu fundador e unha estatua de bronce que o recorda. Posúe un retablo barroco de Francisco Moure na que se representan escenas da vida de Xesús e tallas da Nosa Señora A Antiga e de San Ignacio de Loyola. 


Non menos sorprendente son as obras que se conservan no museo do colexio, a antiga sancristía. Amais de numerosos obxectos persoais que pertencían ó Cardeal Rodrigo de Castro, neste museo consérvanse cadros do Greco, o “San Lorenzo” e o “San Francisco”, e o “Xoán Bautista”, “Santa Inés”, “Santa María de Cortona”, “San Pedro” e “Santa Catalina de Alejandría”, da autoría de Andrea del Sarto. Logo de coñecer estoutro monumental legado monfortino, de ficar pampos ante a grandeza e beleza que achamos nestes tres históricos recunchos, decidimos abandonar estas terras de Lemos como cegoñas silenciosas de preguizoso voar, que foxen para volver, que migran pero sempre retornan.

“Ja torna o Conde de Lemus, 
con vitoria e con amor, 
ô lar no que a sua filla 
tan pura e triste deixóu.
Ja anoncian as trompas bélecas 
a intrada do vincidor, 
pra que as gentes do castelo 
o reciban con funciós, 
en troco da limpa groria 
que ôs sarracenos ganóu.
¡Eh, homes, salide ô ponte! 
¿non vés que chega o siñor?” 
Galo Salinas, Lenda de Horrore! A mitra de ferro ardente

sábado, 8 de novembro de 2014

Os cervos do rianxeiro Petróglifo dos Mouchos


“Enas verdes hervas,
vi anda-las cervas,
     meu amigo.
Enos verdes prados,
vi os cervos bravos,
     meu amigo.
E con sabor delas
lavei mias garcetas,
     meu amigo.
E con sabor d'elos
lavei meus cabelos,
     meu amigo”.
Pero Meogo, Cantigas de amigo

Fai cousa dun par de meses viaxei cara Rianxo para tratar de achar algún dos seus máis senlleiros petróglifos onde contemplar cervos gravados en frías e humedecidas pedras, que semellan sobrevivir dende miles de anos atrás por antr’os seus montes. Viaxamos cara a terra nai do noso ilustre médico, poeta, escritor, político, debuxante e dramaturgo Alfonso Daniel Rodríguez Castelao para procurar neste seu Rianxo natal os primeiros debuxos coñecidos que tanto abondan neste noso país e que tan pouco caso se lles fai. Andabamos na procura do Petróglifo dos Mouchos, aínda que sabiamos que non serían mouchos o que nos atoparíamos por estes montes senón máis ben os sucos que conforman a silueta zoomorfa duns máxicos e simbólicos cervos. 


Para dar con eles tivemos que desprazarnos até o lugar de Brión, pertencente á Parroquia de Santa María de Leiro. Nada máis chegar ó lugar de Brión xa puidemos albiscar uns indicadores que nos alertaban da presenza e proximidade dos petróglifos. Puxémonos a camiñar dende a mesma estrada cara un sendeiro que semellaba internarse no monte. Logo duns aproximados 50 metros acharíamos un claro á nosa esquerda e albiscaríamos os afloramentos rochosos onde supuñamos que se atoparían os gravados. E non nos trabucamos. A medida que nos íamos achegando xa comezabamos a ver aqueles cervos de gran cornamenta. Os gravados fican espallados en tres rochas espidas do afloramento. Na primeira rocha que vimos achamos unha figura antropomorfa sobre dunha zoomorfa, algo así como unha representación de equitación. Na parte inferior acharíamos tamén un cuadrúpede sen rematar, amais dunha representación circular con coviñas no interior e un pequeno grupo de cérvidos. 


Os gravados ficaban escurecidos pola humidade e pola sombra. Acto seguido, achegariámonos até outro dos afloramentos e acharíamos un cervo macho solitario dun tamaño bastante considerable. Achegámonos ata el sorprendidos pola profundidade dos gravados e a sinxeleza e claridade coa que semella revelarse. Nesta mesma cara da rocha acharíamos tamén outras moitas figuras zoomorfas e cuadrúpedes pero de menores dimensións. Tentamos achar algún gravado no terceiro afloramento pero non tivemos moita sorte, apenas albiscaríamos algún que outro suco sutil; a sombra do solpor apoderárase da rocha. Foi toda unha sorte coñecer esta gran manada de cérvidos tatuados nestes afloramentos graníticos dende a longa noite dos séculos. Quen sabe o sentido que puideron ter para aqueles primeiros moradores deste noso país, pero somentes o feito de poder achalos, contemplalos e acariñalos, fainos sentir un pouco máis preto deles, das súas teimas e inquedanzas, dos seus soños e crenzas.