“Ennovelados no fulgor da lua
os faroles nas pozas aluciantes,
co xesto recadado do asesino
lavan as longas mans cheas de sangue.
Pol-as ruas eivadas desprunaba
o albar riola das fuxidas horas.
O tempo foi deitarse antr'as montanas
no leito branco e mol das nubens mortas.
No silenzo hai un crimen inconfeso
a noite ten o corazón fendido
dos seus ollos cegados pol-as tebras
escoa a vida nun xemer de río”
Luís Amado Carballo, Proel
Se fai cousa dun par de semanas tiveramos o enorme pracer de visitar e coñecer unha das fervenzas máis impresionantes da Serra do Barbanza, a do Cadarnoxo, desta volta quero amosarvos outra máxica ruxidoira que baixa desta serra atlántica conformando unha gran cantidade e variedade de pozas ó seu redor. Xa tiveramos ocasión de coñecer algún que outro recuncho fluvial no que o río e os elementos foron moldeando as rochas e conformando pétreas pozas ó seu paso, como as do Río Cerves en Melón ou as Caldeiras do Río Castro. É un auténtico pracer refrescarse nestes valiosísimos recunchos naturais sen medo a sermos arrastrados polas correntes. É por iso que decidimos achegarnos até a Pobra do Caramiñal para procurar, desta volta, as senlleiras Pozas do Río Pedras.
Para dar coas pozas e fervenzas do Pedras tivemos que procurar o lugar de Aldea Vella e, unha vez alí, camiñar un bo anaco por un sendeiro e baixo dunha foresta de xestas, piñeiros i eucaliptos. Hai quen di que a carón do curso do Río Pedras pasaba unha pequena calzada romana que uniría as terras de Boiro coas de Porto do Son. De camiño, cando xa comezabamos a escoitar o murmurio do río preto de nós e o afastado estrondo das fervenzas, albiscaríamos ó lonxe unha pétrea e antiga ponte que chamaría a nosa atención e que nos dividiría sobre da súa suposta orixe. Atravesámola ponte, coñecida popularmente como “romana”, e comezariamos a ascender por un estreitísimo vieiro de terra a carón do leito do Río Pedras. A ascensión non resultou nada doada, o abrupto terreo, o intricado vieiro ateigado de xestas e silveiras e a abafante calor, fixeron daquela corredoira un treito infindo e fatigoso.
Cando chegamos ó alto albiscaríamos a primeira gran fervenza, o primeiro gran chanzo granítico deste impracticable treito do río. Ao seu redor comezaríamos a albiscar tamén unha pequena parte da foresta autóctona destas terras, encarnada en carballos e salgueiros que semellan agonizar baixo a alongada sombra dos eucaliptos. Ficamos abraiados ante aquela primeira fervenza que baixaba preguizosa sobre dunha gran poza de augas serenas e transparentes. Mollamos os nosos pés naquela xigantesca poza e albiscamos no afastado horizonte un mar ateigado de bateas. Logo de refrescármonos, decidimos descender até o terceiro gran chanzo desta fervenza ateigada de saltos, de pozas e de escuma. Alí acharíamos unha fervenza e unha poza moi similares á anterior, mais desta volta a ruxida era menos pronunciada e as augas semellaban descender máis de vagar.
Moitas das pozas que fomos achando eran practicamente inaccesibles, mais verdadeiramente fermosas. Xa no treito final, á altura daquela antiga ponte que tanto nos chamou a atención, seguiríamos descendendo até o cuarto chanzo deste río que nace na bravía Serra do Barbanza. Desta volta ficariamos inmersos nun auténtico paraíso. Ante nós tiñamos unha gran poza de augas transparentes acubillada ó abeiro dun auténtico verxel. Ó fondo, unha pequena pero máxica fervenza que semella brotar por antr’as pedras. Pousamos os nosos corpos un bo anaco a carón daquela poza e de fronte daquela pequena pero fascinante fervenza.
Cantos recunchos máxicos e de infinda beleza atesoura este noso húmido e verdescente país, cantos pequenos paraísos se perden por esta nosa infinda e variada xeografía. Ficamos calados, ollando os nosos rostros no calmo leito do río, recendendo o quente e inconfundible arume dos piñeiros, deixándonos levar polo murmurio das correntes. Canta paz atopamos neste pequeno verxel da marisqueira Pobra do Caramiñal, canta serenidade, canta silencio, canta beleza. Dende logo non agardabamos achar neste pequeno recuncho tal cantidade de pozas, tal cantidade de fervenzas. Se algunha conclusión sacamos deste paraíso de fervenzas e de pozas é que estas últimas semellan moito máis grandes e seguras que as das Caldeiras do Castro, e a variedade e cantidade das mesmas semella superar ás do Río Cerves no concello ourensán de Melón.
Despedímonos desta máxica e fermosa paraxe da Pobra, destoutra impoñente fervenza do Barbanza, no preciso intre no que, como diría o gran Luís Amado Carballo; “o tempo foi deitarse antr'as montanas”.
4 comentarios:
Parabéns pola reportaxe, fermosas pozas e fermosas as verbas de Amado Carballo.
Bo día
Moi bo día, Patricia. Moitísimas grazas polas túas verbas. Unha aperta!
grande entrada, estaria ben que subiras a wikiloca as túas andainas jeje
Moitísimas grazas, Miguel. Debo confesar que adoitaba subilas ó Panoramio, pero esta tarefa rematei por deixala debido a que ás veces me resultaba moi complexo e fatigoso atopar certas localizacións moi concretas como mámoas, dolmens ou petróglifos. Agradézoche moito a suxerencia, o certo é que nunca antes o pensara, pero tereino en conta.
Unha aperta e grazas por pasáreste pola fraga!
Publicar un comentario