sábado, 23 de maio de 2015

A branca saba d'auga do Cadarnoxo


“Daquela pechei os ollos e navegamos acaso
tantas noites de consumo que mareleei da febre
e a pouco vou cos tísicos
na fervenza dos desaucios: limpo o corazón e a morte
incauta e prematura”
Xosé Vázquez Pintor, Seara

Fai cousa dun par de semanas tiven a sorte de retornar até as faldras da impoñente Serra do Barbanza para acompañar ós meus amigos Óscar, Iolanda, Eduardo e Xosé Luís nunha curta viaxe que nos achegaría até as xoias milenarias que se agochan baixo da cortiza terrestre dos montes da Graña e de Sabuceda, nos ermos cumios do Barbanza. Naquela mesma viaxe, denantes mesmo de ascender até os solitarios cumios desta serra costeira que olla de fite ó Atlántico e de coñecer as necrópoles de Armadoiro, Casota do Páramo, a Cavada ou Arca do Barbanza, decidimos detérmonos un intre, pra refrescármonos e coller folgos, baixo a impoñente Fervenza do Cadarnoxo. 

Achamos a Fervenza do Cadarnoxo, que nace no Iroite, no cumio máis alto da Serra do Barbanza e a uns escasos 700 metros de altitude sobre do nivel do mar, a carón dunha estrada comarcal que une os concellos de Boiro e Noia á altura do lugar de Moimenta, na parroquia de Santo André de Cures. Este curto regato, que nace como as bestas bravas e os lobos nouturnos nos indómitos cumios do Barbanza, gaña en pouco traxecto un importante caudal de auga grazas á intricada e vertixinosa orografía da serra. As augas deste regato desembocan no Coroño e acompañan o curso deste río até a súa comuñón coas salgadas augas do Atlántico na boirense Praia Xardín. Alí pechan xuntos parte do instintivo ciclo dunha auga que nin fina nin remanece; que se transforma. 


Somos auga, pensei, namentres ollaba a branca escuma da Fervenza do Cadarnoxo. Este prezado ben, sempre en constante movemento, que se presenta líquido, que torna sólido, que esvaece gasoso, maioritariamente oceánico, ás veces aéreo e terreal, doce e salgado, quente e frío, axitado e sereno; alenta vida, mátanola sede, escorrega polas nosas veas. É parte de nós. Se algo somos é maioritariamente auga. Logo de cavilar por un bo anaco neste máxico elemento, decidín achegarme até ós mesmos pés da fervenza tratando de non escorregar polas húmidas rochas da ribeira. Malia estarmos en primavera, a fervenza amosaba un importante caudal de auga que nos deixou francamente sorprendidos. 


Deixamos tras de nós esta fermosísima fervenza boirense cunha sensación agradable e case que reparadora. Semella como se o balbordo daquelas augas axitadas e transparentes conseguise removérnolas entrañas, aquilo que se agocha trala sólida coiraza de osos e pelicas. 

1 comentario:

Patricia dixo...

Marabillosa e chea de vida, de auga.
Son terras de contrastes e Historia, de pasado e lenda.
Fermosa fervenza.