sábado, 3 de novembro de 2012

O burgo dos muiñeiros do Folón e do Picón



“Estes muíños que fixeron parte desta paisaxe bucólica
que transformaron durante moitos séculos millo en pan,
das noites de frío na vixilia das horas da rolda familiar
e o fol de coiro de ovella para o gran e a fariña gardar.
Do vento que no inverno se oía, polos buracos asubiar,
a harmonía de moitos barullos que parecían enfeitizar,
un día, esta canle coa auga do cubo, bateu ata cansar”.
Manuel Diz Ramos. Poemas na emigración

Un dos máis de vinte muíños do conxunto do Picón
Cantos muíños teremos atopado no percorrer dos longos vieiros desta fraga! Estas vellas construcións, moitas veces semellan pasar desapercibidas e ata ignoradas, asolagadas baixo as hedras e a maleza. Mais sempre fican presentes, sumidas no silencio, coma testemuñas pétreas dun tempo onde as vellas labouras do campo marcaban a vida e a historia da aldea galega. Nembargantes, poucas veces paramos a pensar en que a existencia dos muíños está intimamente ligada ó elemento máis importante da nosa cultura e da nosa historia: a auga. Onde se viu unha aldea galega pola que non corran un ou varios regatos? Cada ferrado, cada leira, cada chanzo desta terra marabillosa súa eternamente auga e humidade.
O muíño, nembargantes, somentes vén a facilitar a tarefa máis básica e anterga, a da elaboración do pan, o sustento primordial dos nosos antergos e de toda a Humanidade. Dende os tempos máis remotos, os homes e mulleres desta terra dobraron o lombo para cargar ás súas costas o máis prezado tesouro: o gran do cereal que axudaba a espantar a pantasma da fame e da miseria. Coa chegada dos romanos, produciuse unha auténtica revolución tecnolóxica no eido da moenda, pois foron estes avanzados conquistadores os que introduciron o muíño fluvial, unha tecnoloxía que perdurou sen cambio algún ata fai ben pouco. Mais foi outro feito fundamental na historia do País o que propiciou o auxe e a expansión da cultura dos muíños. No século XVII chegan dende as Américas o millo e a pataca, unhas legumes que pronto se estenden por toda a nosa xeografía, adaptándose con sorprendente facilidade á fertilidade do chan e ó noso clima privilexiado. Produciuse dende entón unha explosión demográfica sen precedentes, aínda que Galicia nunca conseguiu fuxir da fame, da miseria e da soidade. 


No século XVIII, as aldeas galegas amosaban xa un aspecto moi similar ó actual, cheas de cabaceiras, eiras e muíños. Atopamos estas construcións tan necesarias en toda a xeografía galaica, dende a Costa da Morte, onde destacan o conxunto da Toba e os Batáns de Mosquetín; ata o Caurel, agochados en cada regato, en cada devesa; pasando por Bergantiños, co seu conxunto natural de Verdes; no alto de Mesón do Vento, onde se agocha o complexo etnográfico da Costa da Égoa; ou polas terras de Pontevedra, onde podemos admirar os muíños da Barrosa. Polo tanto, non cabe ningunha dúbida de que, a pesares de que a cultura dos muíños hai xa tempo que morreu, a súa importancia foi vital en todo o pequeno pero inmenso chan da vella Patria. Desgraciadamente, da meirande parte dos muíños somentes quedan as ruínas. O son atafegado das labouras dos vellos muiñeiros xa hai tempo que non se escoita, nin o rumor eterno da moa, nin o balbordo enfurecido das augas abatanadas. Somentes o silencio é agora o fiel habitante destas vellas factorías. Os muiñeiros xa fai moito que morreron, mais as súas pantasmas seguen a percorrer as ribeiras dos seus regatos, murmurando as cantigas que aínda lembran as súas existencias, o seu vital paso pola terra. Aínda en soños e cantareas, os nosos vellos murmuran deles.


Nembargantes, aínda existe un lugar no chan galego onde fican os vestixios da máis importante comunidade de muiñeiros, unha paraxe máxica onde podemos imaxinar como era o atafego e as solitarias vidas dos esquecidos pero imprescindibles traballadores do gran, os que fabricaban a tan necesaria fariña coa que se elaboraba o pan, a broa e as súas máis diversas variedades.
Achegámonos ata as fermosas e belidas terras do Baixo Miño, e introducímonos no corazón desta xigantesca península na procura do fértil e paradisíaco val do Rosal, fogar dalgúns dos mellores viños brancos da Terra, e centro agrícola da comarca. Aquí, onde o Miño entrega as súas augas ó fero Atlántico, créase un privilexiado clima e unha natureza exuberante, un auténtico verxel onde a auga e os muíños son os mudos protagonistas. Foi precisamente aquí, nestas terras privilexiadas, onde xurdiu, dende o século XVII, unha activa comunidade de muiñeiros, que disque puido ter a súa orixe na riqueza e importancia do achegado mosteiro de Santa María de Oia.
Carreira de muíños do Folón
Facemos parada preto das aldeas de Picón e Martín, no concello pontevedrés de O Rosal para percorrermos os sendeiros e as intricadas corredoiras da vella cidade dos muiñeiros do Folón e do Picón. Aquí atópase un dos conxuntos etnográficos máis importantes de Europa, e sen dúbida o máis senlleiro do chan galiciano. Comezamos o noso ascenso pola ladeira do Picón, cuberta cunha mesta fraga onde predominan os piñeiros, os carballos e os sanguiños, entre outras especies. Os primeiros muíños aparecen ante nós baixo a sombra dos piñeiros. Camiño arriba, vanse sucedendo as diferentes construcións, unidas por un ancho camiño de pedra que nos fala de tempos mellores, nos que os carros chegaban ateigados de gran, e marchaban ateigados de fariña. Na superficie do pavimento, aínda se poden ollar as profundas rodeiras, os sucos gravados na pedra tras longos séculos de traballo e esforzo. En cada recodo do noso ascenso, os regatos multiplícanse en infinidade de arterias que conducen a auga ata as distintas canles, e forman remansos e pequenas fervenzas, e saltos que se abren camiño polo mesto chan da fraga. Ó seu carón medran multitude de fentos verdescentes, entre os cales destacan o fento real (Osmunda regalis) e o fento heterófilo (Blechnum spicant). Baixo a superficie destas rebuldeiras augas, habitan anfibios de todo tipo, algúns tan singulares como a píntega rabilonga (Chioglossa lusitanica) ou o limpafontes (Triturus boscai). En definitiva, trátase dun bosque máxico, onde os muíños semellan formar parte da paisaxe, igual ca os carballos e piñeiros. Os paxaros apagan a sede nos bebedoiros de pedra que antano foron o alivio das bestas de carga, e o aire fresco da mañá esvaece os derradeiros mantos de néboa.


Namentres ascendemos a empinada ladeira do Campo do Couto, contamos máis dunha vintena de muíños, unidos entre si polo rebuldeiro curso do Río das Penas. Cantos muiñeiros non terán subido e baixado estas intricadas ladeiras, atarefados e cheos de fariña, nun tempo onde o pan seguía a supoñer o alimento máis básico, coma dende sempre. E cantas longas noites de traballo, ó compás da moa, non resoarían por estas fragas os cantares do vello burgo dos muiñeiros.
Chegamos ata o alto de Chan de Cereixeira, onde a fraga vai deixando paso a unha paisaxe máis esgrevia, dominada por pétreos e afiados afloramentos graníticos. O sendeiro diríxenos cara un miradoiro natural, un xigantesco balcón rochoso desde onde se albisca toda a vertente sur do Baixo Miño. O val do Rosal esténdese cara as terras baixas, presidido ó lonxe pola sombra impoñente do Monte de Santa Trega, outeiro sacro da Guarda, vixía perpetuo da unión entre o Miño e o Atlántico, entre Galicia e Portugal. Ós nosos pés ábrese un maxestoso e vertixinoso canón onde verten as súas augas os regatos desta conca. As superficies espidas do val semellan impracticables, e ó pé dos regatos, nas profundidades mesmas do canón, afloran multitude de árbores hidrófilas, coma salgueiros e ameneiros. A riqueza destas augas é o seu sustento, ó igual ca os vellos muiñeiros que antano buscaron aquí o seu porvir.


De súpeto, reparamos nos pequenos e xeitosos tellados que aparecen baixo os nosos pés, serpeando pola ladeira  e sucedéndose uns por riba dos outros, nun inexplicable equilibrio. Trátase, sen dúbida, da máis espectacular e maxestosa das dúas “carreiras” ou aliñamentos de muíños, que podemos ver nesta ladeira do Folón. Comezamos o descenso namentres imos ollando a singular arquitectura que define os muíños do Rosal. Todos eles responden a unha mesma tipoloxía, caracterizada por unha planta rectangular, muros de cachotería e cuberta de tella a unha soa auga. A meirande parte deles amosan pequenas fiestras e unha simple porta alintelada. Estas construcións estaban compostas de dúas estancias superpostas; na superior, coñecida como “termiñado”, ubicábase o espazo onde se moía o gran. O mecanismo estaba composto dun gran funil de madeira, a moega, por onde se introducía o cereal. Este pasaba á moa, enorme pedra circular baixo a cal, e grazas ó efecto xiratorio contra o pé, ou base da moa, esnaquizaba o gran para convertelo en fariña. Na parte inferior, coñecida como “sarteio”, o rodicio move a moa grazas ó impulso da auga sobre das súas aspas. Para mover a pedra, é preciso contar cunha forza hidráulica abondosa. Por iso, a meirande parte dos muíños de Galicia contan cun sistema de canles que axudan a represar e impulsar a auga. Nembargantes, os muíños do Folón e do Picón non precisan de case ningunha canle, pois a propia pendente e o esgrevio do terreo lle proporcionan a forza hidráulica suficiente. Iso explica o afán deses muiñeiros por construíren todos eses muíños, ata un total de cincuenta e sete, nunha paraxe tan impracticable coma esta. Aínda contando con que o acceso ó material o terían ben doado, pois o terreo onde se sitúan fica arrodeado de grandes afloramentos graníticos.


Chegamos ata o fondo do val, e cruzamos o río da Cal, para contemplarmos dende abaixo a espectacular carreira, na que os muíños se amorean, pendurados, formando case parte da rocha. Decatámonos de que aínda resta por percorrer a derradeira carreira desta ladeira do Folón. Nesta parte baixa, os muíños presiden un auténtico verxel que medra nos derradeiros remansos do río. Mais a pasares da fermosura deste lugar, non cabe dúbida de que a vida dos muiñeiros nestas paraxes estaba ateigada de medos, miserias, frío e soidade. Na pequena comunidade dos muiñeiros, todos se coñecían entre si, e non resulta estraño que xurdiran envexas e inimizades entre estas xentes de roupas e cabelos enfariñados. A cultura popular ten inmortalizado a figura do muiñeiro, ata non fai moito personaxe típica e singular das nosas aldeas. Xente solitaria e supersticiosa, cando vivían en comunidade protexían os seus muíños, fonte da súa riqueza, con multitude de símbolos e marcas nos linteis e xambas. Era o medo, o medo ó mal de ollo, ós infortunios e á mala sorte. Aquí, no Folón, aínda podemos ver numerosas marcas en forma de crus, datas, nomes, iniciais, e diversos símbolos protectores de misterioso significado.
Deixamos tras de nós o vello burgo dos muiñeiros, a paraxe inesquecible onde aínda semellan ouvirse ó lonxe, a eterna melodía do xirar da roda escachando o gran. Cantos séculos e cantas moendas viviron estes muíños, e cantos traballos, e cantas soidades baixo a sombra e a humidade. Hoxe, o esquecemento e o silencio presiden a cidade dos muiñeiros do Folón e do Picón, mais as súas vidas, as súas inquedanzas, os seus medos, seguen a ficar tatuados nas rochas destes vellos fogares de traballos e contos, de suores e muiñadas.

1 comentario:

Xoán S. Pazos dixo...

Grande entrada sobre un dos lugares máis fermosos, interesantes e inexplicablemente descoñecidos do noso país. Bo traballo, amigo!