martes, 1 de maio de 2012

Pazo de Cotón, a vella fortaleza nicrariense


"Irrompe o silencio outonal da tarde nas casas vacías,
na terra rosada
que o longo horizonte conduce ata o infindo.
revélase leda coma unha cascada
a flor da natura:
o remanso e a paz presentidos dende as cordilleiras
anuncian a mesma cansada agonía
do día
que apaga e que morre.
e quedan insomnes 
a áspera condición dos montes sombrizos,
o suave verdor dos campos abertos
que espreitan, submiso.
Hai coma unha longa tradición de vida
séculos infames que deron á terra sabor de ignominia
        *   *   *
Hai que renace-lo leite, a terra e a arxila,
camiñar no vento, na neve, no incendio,
e que o sangue matriarcal nos redima,
Barcala,
solar de verde condición, lindo país de brétemas,
terra miña"
Xosé Manuel López "Ardeiro", Un xardín no tempo

O Camiño Real cara Fisterra atravesa o Pazo de Cotón
Retornamos ás terras do Tambre, ata o corazón mesmo do Val da Barcala. Son estas terras extensas pradarías e fragas enxoitas de vida e de beleza. As vacas pacen nos prados, a carón dos vieiros e camiños. Elas son o piar fundamental da economía e cultura destas fermosas terras do interior coruñés. Os antigos vieiros sobre o río Tambre atravesan os verdes e fértiles vales das terras da Barcala. Non en van, as terras nicrarienses son antigos sendeiros de paso dos peregrinos e camiñantes que, dende numerosos puntos de partida, se dirixían á Fin do Mundo, a Fisterra. Contan tamén que polas terras da Barcala pasaba a vía XX Per Loca Maritima, que unía Grandimirum (Brandomil) con Aquis Celenis (Caldas de Reis)
Segundo nos imos mergullando, a paisaxe preséntasenos ateigada de especies centenarias, vellas árbores que seguen o curso dos ríos que se unen ó Tambre nestas altas terras a carón da anterga capital de Compostela. A riqueza desta comarca fixo que, dende sempre, fose terra de pazos. Estes fogares nobiliarios aparecen ante nós ó longo e ancho do concello de Negreira e algúns dos máis coñecidos son o pazo de Bugallido, Balandrón, ou Albariña, pero o máis senlleiro de todos é o Pazo de Cotón, un dos máis monumentais do extenso chan galego. Achegámonos ata a Nobre e Leal Vila de Negreira para ollar de preto esta marabilla da arquitectura pacega, que tan presente está na nosa terra. 
A historia desta vila gandeira está intimamente vencellada a este Pazo de Cotón, nembargantes as orixes desta poboación, remóntanse ó lendario Reino Suevo de Galicia. A vella Nicraria, hoxe coñecida como Negreira, foi concedida como feudo á mitra compostelá. Coma tantos outros lugares de Galicia, foi destruída polos viquingos normandos, e non sería reedificada ata o 1113 por Afonso de Galicia. A partires do reinado dos Reis Católicos, deixou de estar baixo o dominio do Arcebispado, e pasou a estar baixo a xurisdición real da Coroa. A historia de Negreira, a partires dese momento, foi similar a do resto de Galicia. A partires do século XIX viviu un gran momento de crecemento e esplendor. Non en van, acadou o grao de Vila durante a restauración, e posteriormente o xulgado. 
Negreira medrou arredor do Pazo de Cotón. Tanto é así, que unha rúa principal da vila atravesa, literalmente, a vella casa pacega. É o Camiño Real polo que os peregrinos atravesaban a vila, camiño de Fisterra. Ós pés dos rexos muros de cantería, contemplamos a sobria arquitectura militar do Pazo de Cotón. As catro torres redondeadas e os teitos ameados lémbrannos a primitiva función defensiva dunha fortaleza que ten as súas orixes no Medievo. A reconstrución que sufriu no século XVIII conservou a singular arquitectura militar. 


O pazo é privado, polo que non podemos gozar do seu interior. Nembargantes, dende fóra, podemos albiscar a rexa silueta deste nobre fogar, declarado Monumento Histórico Artístico. Pasamos por debaixo do arco de pedra que semella vixiar o vello camiño. Ó noso carón, vemos que parte dos baixos dos seus muros albergan comercios e locais, unha boa mostra de que o pazo segue a vivir de cara á vila. Ollamos o frondoso bosque que o arrodea, e que se estende ó longo dunhas dez hectáreas en pleno casco urbano. O edificio, pola súa banda, conta con dous mil metros cadrados por planta, un pombal onde cabían máis de trescentos niños de pombas, e algúns dos exemplares de camelia máis antigas e fermosas da contorna. Isto danos unha idea da grandeza deste histórico conxunto pacego. 
Unha vez atravesado o arco, ábrese ante nós unha fermosa alameda que acolle á Igrexa de San Mauro, barroca, con tres naves e unha sobria fachada. Este templo fica unido ó pazo a través dun corredor de pedra ameado, por debaixo do que pasa o Camiño Real. No seu día foi a igrexa do pazo, mais os señores cedérona ó pobo nicrariense para exercer deste xeito, de igrexa parroquial. Sobre os elegantes arcos ollamos os escudos das antigas familias que habitaron esta casa ó longo do tempo. Liñaxes das máis poderosas de Galicia, coma os Mariño, os Lobeira ou os Saavedra, agochan unha parte importante da historia e dos segredos máis ocultos do Pazo de Cotón, a vella fortaleza nicrariense, a carón do caudaloso río Tambre.


2 comentarios:

Anónimo dixo...

Excelente anotación, coma sempre. Ora ben, deberías incluír un poema do finado escritor nicrariense Xosé Manuel López "Ardeiro", que deixou varios libros publicados onde paira o val de Barcala.
Saúde,
Miro

I. Iván Fraga Moure dixo...

Incluído queda, mestre!. Grazas polo consello, o certo é que non o coñecía. Saúde!