domingo, 27 de maio de 2012

Os Peares, terra de ningures entre o Miño e o Sil


"Adiós, noites quentes de mayo e d'abril,
adiós, oreliñas pobradas de frores,
de cantos, de cheiros, de gratos remores,
que abrazan garridas ô Miñó y-ô Sil.
Ruinosos castelos d'antigas lembranzas,
pinares sombrisos, debesas sin fin,
recordos subrimes de vellas usanzas,
romaxes alegres, cantares e danzas...
Adiós, que só bágoas me quedan á min".

Amador Montenegro. Muxenas 



Ponte sobre o Río Búbal en Os Peares, onde se funde co Sil e o Miño
Conta o refraneiro que o vello río Miño leva a sona, namentres o Sil leva a auga. Estes dous ríos da terra son os meirandes cursos fluviais da vertente atlántica galega, e os dous máis extensos e caudalosos do País. Tras eles deixan centos e centos de quilómetros, recollendo os pequenos e abondosos caudais doutros moitos afluentes. O Miño nútrese da auga que xurde das entrañas mesmas da Terra Chá, inmensa chaira que actúa coma unha xigantesca conca, onde antano existiu un gran conxunto de lagoas; humidade pura que semella transpirar da terra. O Sil, pola súa banda, nútrese da fría e cristalina auga que baixa por antr’as montañas. O Sil é o río máis caudaloso de Galicia, en parte porque bebe directamente a auga da montaña lucense; dos fríos e mudos Ancares, e do solitario e virxe Caurel. Ámbolos dous grandes ríos galegos acadan os xigantescos e esgrevios macizos que separan as provincias de Lugo e Ourense
Co incesante avance da auga, foron rabuñando as rochas das ladeiras, ata formaren a impoñente e marabillosa Ribeira Sacra. Finalmente, o Miño e o Sil fúndense nunha eterna aperta baixo a sombra das impoñentes pontes de Os Peares; un dos encraves máis máxicos, suxestivos e simbólicos do chan galego. Esta singular e fermosa aldea non pode ser comparada con ningún outro lugar do país. Dende as intricadas ladeiras dos Peares, a Terra contempla asombrada a lendaria unión das dúas arterias vitais da Patria. Aquí, o caudaloso Sil deixa o relevo do seu curso ó Pai Miño, que levará cada pinga necesaria ata a derradeira fronteira do sur, ata os mesmos pés de Santa Trega
Os romanos foron os primeiros que cravaron as súas olladas nestes fértiles e maxestosos vales. O motivo non foi outro que o maior tesouro que aínda agocha a Ribeira do Sil; mencía sacro de césares e emperadores, os caldos máis prezados e afroitados da Gallaecia romanizada. Foron eles os primeiros en traballaren estas faldras, conformando longas e rexas bancadas, coñecidas como socalcos. Estas seguen a presentarse ante nós seguindo o sinuoso curso dos dous grandes ríos. Co paso dos séculos, a arte e laboura de cultivar as vides pasou a mans dos monxes. Os seus mosteiros aínda se albiscan por antr’as fragas, ó longo e ancho da Ribeira Sacra. As comunidades de Santa Cristina e Santo Estevo de Ribas de Sil mantiveron vivas as vellas labouras vitivinícolas de antano, e deron nome a esta comarca e a este viño de césares. 


A importancia de Os Peares, e a súa estratéxica ubicación, fan que sexa unha vila de ninguén. As rexas e penduradas vivendas repártense entre catro parroquias –Pombeiro, Viñoás, Oleiros e Os Peares-, que pertencen a outros tantos concellos distintos –Pantón, Carballedo, A Peroxa e Nogueira de Ramuín-. Por se isto fora pouco, dous deles pertencen á provincia de Lugo, e os outros dous á de Ourense. Os Peares é unha vítima das divisións artificiais que impón o mundo moderno e a burocracia, unha vila en constante litixio. Mais o que antano fora unha plácida terra de mosteiros e socalcos, hoxe en día segue a ser un punto estratéxico no corazón mesmo destas terras sagradas. Pouco a pouco, Os Peares foi quedando baixo a sombra das pontes que nos falan da historia recente deste cruce de camiños. A primeira ponte foi construída pola escola de Eiffel, a comezos do século pasado. A partires de aí, o progreso traería un encoro e un xigantesco viaduto polo que atravesa unha autoestrada. Mais todo isto non foi quen de ferir a beleza e o encanto que aínda conserva esta aldea fronteiriza. 
A vida transcorre en paz, como as augas do Miño. O constante trasfego de vehículos non é quen de rachar a tranquilidade e sosego desta porta da Ribeira Sacra. Os fogares ollan silandeiros o eterno rebulir das augas dende as amplas e transparentes galerías, abertas á aperta onde se mesturan o Miño e o Sil. Os veciños seguen a traballar arreo os socalcos onde medran as vides, as froiteiras e as hortas; e a probar sorte na procura das troitas dun dos mellores encraves de pesca fluvial de Galicia. Os viñedos comparten a auga cos centenarios carballos e castiñeiros, e con multitude de árbores hidrófilas que acompañan o curso dos ríos. 
A auga brinca antr’os penedos no val dos Peares. Semella que estes lendarios ríos avanzan a carón dos vellos e novos camiños que atravesan este encrave crucial do interior galego. A mestura de vieiros, auga, e sangue mencía, fan desta aldea un recuncho máxico e singular; ese lugar sacro onde se alcontran, á fin, os dous vellos ríos irmáns.
"Relocen como diamantes
as miñas pingas de orballo,
nas folliñas do carballo
e nos lirios do xardín;
e son toda craridade
e levo a min a saúde
e estou chea de virtude
contra todo mal ruín.
E che traio, Rei-Meniño
a limpa agua galega
que humilde cantando rega
os eidos do noso chan".
Ramón Cabanillas. Poesías ventureiras

2 comentarios:

Anónimo dixo...

É o meu pai dunha aldeiña da outra beira do río ... e venme agora o recordo de cruzar o río pola vella ponte rota do tren, unha mañá moi cedo rompendo o día...e lembro tamén as bodegas e as maceiras...no medio de ningures, alá embaixo ó salto da presa (que deu de comer a moita xente) e nada máis que o azul do ceo e o verde da montaña.E silencio, moito silencio, roto por instantes polo paso do tren. Un reloxo para aquelas xentes. Coma sempre, felicitacións polo teu traballo. Antonio.

I. Iván Fraga Moure dixo...

Gracias Antonio, é todo un honor terche por esta fraga, e moito máis, traerche ledos e gratos recordos da túa terra ourensá. Unha aperta, compañeiro!