xoves, 31 de maio de 2012

Os ergueitos secadoiros de Redes


"Os berros dos mazaricos
rachan as sedas do mar
no carro das mouras nubens
ven do sur o temporal.
Nas barras e nos peiraos
rompen as foulas cristadas
de lostregos azuados
das estrelas afogadas.
Púxose o ceo de loito
pol-os que van afogar.
As centellas como trallas
baten no lombo do mar".

Luis Amado Carballo. Proel


Os secadoiros na praia de Area Morta
As gaivotas pousan á tardiña nos rexos e ergueitos secadoiros de Redes, alí onde as augas escorregan ata deixar núa a area que peneiran os mazaricos. As vellas gameliñas retornan ó peirao, refuxio de vellos lobos de mar, coma cada xornada. Outras moitas, sen embargo, arriban ata as escaleiras dos seus propios fogares. Aquí, onde as redes son o pasado, o presente e o futuro. 
As balconadas e vidreiras van acendendo as súas luces de vagar, namentres as gaivotas asedian e arrodean as pequenas embarcacións, repletas ás veces de sardiñas e outros moitos peixes que arrincan do mar da Ría de Ares e Betanzos. Os veciños comezan a recollerse, e dan os últimos paseos por antr’a media ducia de rúas que acolle a pequena vila de Redes. A pouca actividade que aínda se albisca atópase na pequena praciña do peirao, onde os mariñeiros arrastran as súas lixeiras gamelas ata o varadoiro. Algúns, os máis cangados de traballo, empregan pequenos carros de ribeira para axudárense a mover as tan coloridas como precisas barquiñas. Os antepasados destes vellos mariñeiros penduraban ó sol as salitrosas e traballadas redes do xeito. Os secadoiros, cravados directamente no fondo mariño, seguen ergueitos coma antano, ollando de fite os rexos e coloridos lares mariñeiros, abertos, coma sempre, ó mar da súa costa. No verán, os veciños de Redes reúnense na Festa da Cabria para lembraren e tratar de transmitir ás novas xeracións a importancia das vellas costumes mariñeiras herdadas dos seus antergos. 


Como é habitual nos pequenos peiraos pesqueiros, as actividades agrícolas tamén supoñen un complemento para a subsistencia. Os pequenos hórreos que emerxen d’antre as casas, a carón da ribeira, fálannos do necesario equilibrio entre a terra e o mar. A bo seguro que houbo tempos nos que estas cabaceiras ollaron abondosas colleitas de millo e patacas; e sen dúbida que, dende sempre, os fogares de Redes contaron cunha boa despensa de salgadura de sardiñas e outras moitas capturas do mar. Co paso dos anos, as costumes pouco mudaron neste pequeno remanso de paz e salitre, inmerso no corazón da Ferrolterra. 

Os fogares e os secadoiros do peirao de Redes
Hai pouco, a rodaxe dunha coñecida serie de televisión levou a Redes a un recoñecemento que nunca antes colleitara. Nos últimos tempos, son moitos os curiosos que se adentran neste pequeno peirao e se mesturan co seu arume. A veciñanza semella xa acostumada a esta repentina sona, e nin tan sequera esta é quen de rachar a paz e tranquilidade destas vidas humildes e traballadoras. Os mozos da vila seguen a usar as limpas augas do peirao para bañárense durante a época estival. As súas nais vixían dende a cociña, namentres os máis novos brincan dende o alto das escaleiras que se afunden no mar, ó pé dos secadoiros onde pousan as gaivotas. Os poucos visitantes prefiren o sosego e fermosura das moitas praias da contorna. Dende Area Morta, os paseantes contemplan pasmados o reflexo das múltiples cores desta pequena vila perdida no tempo. Son os vellos fogares mariñeiros que emerxen das sosegadas augas de Redes.

1 comentario:

navegacruz dixo...

sempre que vexo estas imaxes das escaleiras baixando cara o mar, lembro unha breve estadía en Mikonos; hai un paseo que ten moito parecido.
Un saúdo Iván!