xoves, 5 de maio de 2011

As Eiras no Camiño de Castela


"Cando no val de Laza o peliqueiro desce
dacabalo dos séculos e a neve,
a bolboreta abana as súas asas
entre choca e facianas engurradas.
A bolboreta morre aos poucos días;
galopa o peliqueiro decote
no val de Laza"

Vítor Vaqueiro, Informe da Gavilla

Chegamos a Laza coma forasteiros “maragatos” para saborear un bo anaco de Bica e pisar terras sanguentas, desexando subir ás Eiras, nunha vertixinosa paraxe onde o silencio e a soidade estoupa cos berros dos corvos e co asubío do vento. As Eiras é un fermoso lugar dentro das Terras de Monterrei que acouga o desconsolo dos peregrinos e enfeitiza a todo aquel ser que a visita. Forma parte da Vía da Prata e do antigo “Camiño de Castela”; un desaparecido tramo de intercambio mercantil con Castela. Na actualidade, somentes os peregrinos e os panadeiros, ousan pisar os vieiros desta fera e vertixinosa paraxe para saudar ós seus serenos veciños. Son eles os auténticos superviventes ó axetreo e á insostibilidade das vidas basura, de usar e tirar. Eles son os mestres da arte máis intelixente e máis tradicional; a sabiduría do minifundio e os contos a carón da lareira. Que As Eiras sigan a ser un recuncho a pé de camiño, nas ladeiras sanguentas da terra de Laza.

mércores, 30 de marzo de 2011

Gaivotas no Rumbo de Sardiñeiro


As gaivotas, veciñas dos cantís e viaxeiras incansables, buscan paz e sosego nas calmas augas de Sardiñeiro. Donas do Mar Atlántico, viaxan alén do mar. O Rumbo é cousa delas.

"E por voar mellor espacio, as velas
das asas das gaivotas máis me valen

Vén unha luz e atmósfera de flores
e impúlsome e respiro o mellor aire

. . .

E por voar o mellor aire vállanme
as asas deses brazos con que abrazas

E por correr auga mellor oriéntome
cruzando a seda do teu corpo, amada

Veñen gaivotas flores a esperanza a dita
o vento Norte a estrela o mar o sol o cante"

Bernardino Graña, Ardentía

martes, 21 de decembro de 2010

Corcubión recende a historia



“En Corcubión a música tolda a luz do dia e a lua e o sol e retrocede
interior e se retrai humana”.
Cesáreo Sánchez

Baixando por San Pedro da Redonda, escoitamos os latexos da vella historia dos Condes de Traba e o seu poderío, mentres que no horizonte comezamos a divisar o fermoso Areal de Quenxe, aloumiñando o mar e sen rompe-la paz da súa ría, na que fican tres dos seus grandes tesouros; o delicioso berberecho, o Carrumeiro e a misteriosa Illa da Lobeira. Esta última, unha das máis misteriosas e lendarias da Costa da Morte, noutros tempos habitada por solitarios fareiros e somentes alugada, na actualidade, ás gaivotas embravecidas dos confíns da terra. Mais esta vila señorial garda en terra a meirande parte dos seu importante patrimonio, historia traballada na pedra e ollada dende aburguesadas galerías, que nos falan dun grandioso pasado e un respectuoso presente. Senón, un só ten que visitar a Igrexa de San Marcos ou O Pazo de Altamira, ou o Castelo do Cardeal, que formou parella no seu dia co Castelo do Príncipe, na Ameixenda e xusto na beira contraria, para defender a entrada da Ría de posibles perigos. As súas rúas e as súas edificacións fan deste lugar un auténtico museo de cantería. Mais a cultura sempre tivo en Corcubión e nos seus habitantes un lugar moi preferente. Boa mostra disto é a creación na diáspora da revista Alborada, a comezos do século pasado, ou a inmensidade de actividades culturais que se deron cita nesta vila, e nas que a figura de D. Rafael Mouzo, alcalde nacionalista deste Concello durante máis de vinte anos, foi decisiva. Por iso fixemos parada nesta vila señorial que fica en paz, secularmente adurmiñada á beira da súa ría para seguir a conservar o seu esplendoroso pasado.