luns, 23 de febreiro de 2015

O Entroido ourensán nas rúas de Compostela


“Rapaciña, si quixeres
sacares mozo d' a festa,
vai poñendo as castañolas
ou non deixel-a pandeira.
Pro cuida, nena garrida,
de mirar en quen escolles,
qu' às veces métese o demo
drento d' o coiro d' un home.
Baila, nena, c' os mozos d' a vila
ou con quen ó tiveres decote,
e repara qu' en tempo d' antroido
and' o rabo d' o cocho n' o pote”
Aureliano Pereira, Cousas d’a aldea

Agora que rematou o Entroido, o tempo das orellas, do lacón con grelos e das filloas, lembro aquela mañá, aquela última fin de semana de xaneiro, na que a maxia do Entroido ourensán, encarnada en ducias de pantallas, cigarróns e peliqueiros, presentouse na capital para espertar ós máis preguizosos veciños de Compostela. Percorrendo as empedradas rúas da cidade coas miñas compañeiras Mónica e Anabela, topariámonos de súpeto ante o estrondo e colorido do Entroido máis tradicional do noso país, o do triángulo máxico ourensán. O eco das chocas e campaíñas semellaba apoderarse das estreitas rúas e acompasar a rutineira ducia de badaladas da Berenguela. 


Centos de veciños e visitantes forasteiros arremuiñábanse arredor das ringleiras de cigarróns e peliqueiros que botaban a correr por antr’as rúas da capital para lembrar á Galiza enteira que o Entroido estaba a piques de comezar. Outros moitos, nembargantes, serían escorrentados polas misteriosas pantallas e polo seu golpear de vexigas inchadas. Mesturámonos antr’o xentío e achegámonos até unha fileira de peliqueiros de Laza que agardaban a súa quenda para entraren triunfantes na máis que monumental Praza do Obradoiro; no corazón mesmo do noso país. Os peliqueiros, que reciben o seu nome da pelica de animal que teñen pendurada na parte traseira das súas decoradas máscaras, son moi similares ós cigarróns de Verín, e somentes os máis puristas son capaces de diferencialos. 


Os peliqueiros visten camisa branca, garabata e chaquetiña curta da que penduran flocos dourados e galóns que van atados con lazos de tres cores, faixa con cinto de pel do que penden media ducia de chocas, calzón branco arrodeado de pompóns que se completa cas medias de encaixe e ligas de cores. Sobre dos ombreiros levan un pano e calzan zapatos negros. Van ca cabeza cuberta cunha carauta de madeira pintada de diferentes cores rechamantes, que se prolonga nunha mitra de metal con motivos animais. Á fin, aqueles peliqueiros de Laza, fusta en man, comezarían a abrirse camiño antr’a xente dando pequenos chimpos e facendo resoar as súas chocas. Non tivemos a sorte de ver ningunha ringleira cigarróns, mais si algún que outro espallado, pois cando nos topamos co balbordo deste acontecemento, xa fixeran entrada no Obradoiro. 


Os cigarróns de Verín, como dicía, posúen unhas características moi similares ós dos peliqueiros de Laza. Visten camisa branca, garabata e chaquetiña con flocos dourados e galóns que van atados con lazos de distintas cores, faixa con cinto de pel do que penden media ducia de chocas, calzón curto, medias brancas, ligas de cores e zapatos negros. Sobre dos ombreiros, ó igual cos de Laza, portan un pano. Nas súas mans levan as zamarras, unhas fustas coas que asustan ós veciños. A súa indumentaria pesa uns 25 quilos entre a máscara, o traxe e as chocas. As máscaras dos cigarróns están feitas de madeira de bidueiro e rematan nunha mitra de metal decorada con animais e astros. Detrás desta levan, ó igual que os de Laza, unha pelica de pel de animais como o gato, o raposo ou o lobo. Pouco tempo despois, seríamos sorprendidos por un grupo de pantallas de Xinzo da Limia


As pantallas posúen unha indumentaria e unhas características moi distintas ás dos cigarróns e peliqueiros. Atopámolos de costas a nós logo de comezar a escoitar o estrondo que producen cando chocan as súas vexigas inchadas. As pantallas visten camisa e calzón brancos, pano, capa e faixa vermellas e polainas negras. Sobre da faixa levan un cinto de pel sobre do que penduran campaíñas. As pantallas ábrense paso antr’a xente batendo as vexigas inchadas. Adoitan arrodear ós transeúntes que non están disfrazados, incomodándoos batendo as súas vexigas, dando chimpos i emitindo uns berros moi particulares. Adoitan tamén deixalos en paz a cambio de que os conviden a uns grolos de augardente. Mais a tradición manda que endexamais cheguen a tocar a ninguén. 


As pantallas que portan elabóranse de xeito tradicional con cartón, papel, feltro, fariña, auga e pinturas. Estas máscaras ríxidas e decoradas con motivos astrais posúen uns rostros diabólicos con pequenos cornos sobre dos ollos. Debo recoñecer que as máscaras que portan as pantallas resultáronme moi intrigantes. Ollamos detidamente a vestimenta e o activo comportamento das pantallas, os seus chimpos e o estrondo que producen ó bateren ás súas vexigas. Dende logo que impoñen un certo respecto cando se achegan a un. Arrodeamos case na súa totalidade a Praza do Obradoiro impresionados de topármonos con esta importantísima mostra do Entroido galego. Ficamos abraiados, real e felizmente sorprendidos, de recibir en Compostela toda a maxia e todo o espírito destes tres concellos ourensáns, Xinzo, Verín e Laza; deste triángulo no que se concentra o Entroido máis histórico e tradicional do noso país.

2 comentarios:

Unknown dixo...

Que ben o pasamos!!!

I. Iván Fraga Moure dixo...

Iso digo eu miña compañeira e amiga!! Ás veces o destino agocha estas marabillosas casualidades...