domingo, 27 de xullo de 2014

A misteriosa Pedra da Serpe cormelá


“A nós que puñamo-los praceres
E temos vivido a herexía con dignidade
E cun rigor impecable
Quizais hoxe nos chame a serpe
Que bufa no buraco do terrón”
Manuel Catoira, Hóspede do Rif

Retornamos á sempre bravía Costa da Morte pra achegármonos de novo até unha das vilas mariñeiras máis senlleiras desta atlántica costa de naufraxios. Estamos a falar de Corme, onde xa tiveramos ocasión de coñecer o Roncudo; o berce do mellor percebe do planeta. Desta volta, amais de achegármonos de novo até o Roncudo, tiñamos previsto coñecer, en Corme Aldea, unha das rochas máis históricas e misteriosas destas terras e do noso país; a Pedra da Serpe. Quixemos comezar este retorno visitando, como diciamos, a Punta Roncudo. Achegámonos pois até este mítico encrave costeiro, até este viveiro natural onde se cría o mellor percebe do mundo, atravesando Corme Porto; o núcleo desta pequena pero feiticeira vila. Detivémonos a carón dunha das tres cruces brancas que, sobre dos cons e de fronte ó mar, lembran ós moitos percebeiros e percebeiras que perderon as súas vidas nesta traizoeira costa. Ollamos a punta e o faro do Roncudo, así como a branca escuma que se arremuíña por antr’as pedras deste perigoso obradoiro marisqueiro. Lembramos aquela nosa primeira visita, as primeiras impresións deste recanto, e o característico arume á salitre que sempre fica presente neste recuncho cormelán. 

Cruz en memoria dos percebeiros mortos no Roncudo
Logo de rememorarmos aquela nosa primeira visita a este viveiro marisqueiro, decidimos retornar a Corme Aldea para achegármonos agora até a misteriosa e lendaria Pedra da Serpe, o noso principal obxectivo. Volvemos a cruzar o núcleo da vila e collemos rumbo a Ponteceso. Denantes de saír do pobo decidimos coller un camiño á dereita cara a aldea de Gondomil. 

Pedra da Serpe en Corme Aldea
Achamos esta pedras, e a súa cruz, a carón da estrada e nun cruce de camiños. Detivémonos a carón desta misteriosa rocha e achegámonos ata ela paseniño, ollando cada unha das curvas, cada un dos sucos que semellan revelar unha serpe alada. Estabamos ante o máis histórico e senlleiro monumento desta vila, e ant’outra crus cormelá que recorda, desta volta, a loita da Igrexa Católica por cristianizar antigos lugares de culto e crenzas pagás. A Pedra da Serpe, esta rocha granítica co relevo dunha serpe alada sobre da que a Igrexa chantou unha crus, espertou o interese de moitos historiadores i estudosos, mais a orixe e a datación da mesma segue a ser todo un misterio. 
O culto á serpe data xa de tempos prehistóricos, mais pénsase que a realización desta mítica representación posiblemente sexa posterior; romana, medieval ou mesmo máis tardía. Sábese que a crus actual é bastante recente, debido a que a anterior foi derrubada de xeito accidental. Resulta sorprendente contemplar os profundos e dinámicos sucos onde se revela esta mítica serpe alada, así como a definida cachola deste mítico animal. No noso país, as representacións de serpes remóntanse á época megalítica, aparecendo gravados en algunhas antas que xa tiveramos a sorte de coñecer, como a da Roza das Modias e até en xacementos castrexos como o de Troña, mais ningún destes citados gravados posúe nin a calidade nin a profundidade dos sucos que achamos nesta rocha, e moito menos ás. O relevo figurativo, como o que revela esta serpe, somentes aparece a partires da romanización. 


Pouco se sabe da simboloxía desta serpe alada, aínda que este réptil dende antano semellaba relacionarse coa fecundidade, coa curación e coa eternidade, mais tamén era visto como un elemento de protección ou mesmo demoníaco. Como diciamos anteriormente, a cristianización desta rocha deixou para a posteridade sobre desta serpe pagá, unha granítica crus e, por se fose pouco, tamén unha lenda cristiá. Conta a lenda que Santo Adrián, patrón desta parroquia, librou esta terra dunha praga de serpes. Ó petar co pé no chan, conseguiu facelas desaparecer quedando todas elas encantadas embaixo desta pedra. Contan tamén que no areal da Ermida aínda se albiscan os troncos das árbores da desaparecida vila de Valverde, queimada polos romanos para escorrentar as serpes. Cantos misterios, canta fame de respostas e canta historia incerta arrodean a esta pedra. Despedímonos deste achado, deste legado cormelán aínda en estudo, ateigados de dúbidas, mais coa figura daquela granítica serpe alada aínda presente no escuro coveiro das nosas mentes. Oxalá o porvir aporte un pouco de lus e traia consigo respostas máis precisas ós múltiples porqués desta pétrea serpe alada cuxa historia, simbolismo e datación, segue a ser un auténtico misterio.

2 comentarios:

Tín Herva dixo...

Prezado Mouro : Parabéns... e adiante !
Tes unha grande sensibilidade, froito da cal é esta alfaia de blogue!
- sinceramente, patrimonio de Galicia -!
Cantas cousas boa temos... e das que sabemos grazas a ti!
Eternamente agradecido...non desfalezas, nin te desmoralices...somos moitos os que te necesitamos !
Apertas viaxeiras!

I. Iván Fraga Moure dixo...

Moitísimas grazas amigo, mestre, veciño. Seguiremos adiante!

Unha forte aperta