"En Gaioso, ollando a Chá
Hai duas penedas ergueitas.
¡Semellan non ser verdá
redondeces tan ben feitas!
As Penas de Rodas son
dous ollos alucinados
Que espían con atención
Ós eidos máis alonxados.
Si ambas penas se desfán
arde, co mundo, un tesouro:
¡unha pena é de alquitrán,
a outra unha trabe de ouro!
Non sodes, non, cantería,
ouh penas de encantamento.
¡Temo que calquera día
vos poida levar o vento!"
Manuel María
Cantos recunchos extraordinarios se agochan ó longo e ancho do chan galiciano. Cantos montes, chairas, brañas ou fervenzas, nos agardarán aínda por coñecer. O noso país é un infindo vieiro onde coñecer as máis diversas paraxes, deixarse levar polos ríos e descubrir os máis feiticeiros remansos; é un verxel farturento onde a natureza é a eterna protagonista. Un territorio verdescente onde ollar o fero combate do vento e do mar, que vai conformando a nosa costa bravía e asasina. Esa loita, ese traballo escultórico dos elementos da natureza, vai moldeando, refinando i escachando, ó longo dos séculos, a orografía da nosa terra. O incesante azoute das chuvias e dos ventos foi erosionando, de feito, multitude de formacións rochosas do noso País, deixándonos impresionantes xoias graníticas baixo mestas fragas i espidos outeiros. Os ríos foron abríndose paso por antr’os fértiles vales, procurando instintivamente o salitre, carrexando as augas das chuvias e das neves; conformando fragas, alentando colleitas e apagando a nosa sede. Dende o alén da nosa existencia, os climas foron trocando e deixando a súa pegada no noso territorio; conformando a súa morfoloxía. I é que o noso mundo está vivo, en constante movemento, polo que non dubidamos en achegarnos ata unhas xoias pétreas refinadas dende a noite dos séculos polos elementos, e que fican nun precario equilibrio.
Xa tiveramos ocasión de coñecer algunhas das máis impresionantes obras mestras da natureza que se agochan no interior pontevedrés. No Concello de Ponteareas puideramos ollar a máxica Pedra do Equilibrio e a xigantesca Pena dos Namorados. Ámbalas dúas fixérannos sentir ananos. Viaxamos desta volta cara a fértil Provincia de Lugo, na procura de lendarias pedras que xermolaron nos versos dun finado poeta; no vivo maxín dun bardo chairego. Atravesámo-la Terra Chá, o brañal dos bretemosos horizontes, lembrando os versos de Manuel María, aqueles nos que retratou pra sempre a lenda dunhas “penas de encantamento” que ficaban “en Gaioso, ollando a Chá”. Dirixímonos pois, tal e como nos indica o poeta, cara a Parroquia de Santiago de Gaioso, no concello lugués de Outeiro de Rei. O noso procurado destino non era outro que o parque de Penas de Rodas, un espazo milenario onde ollar eses “dous ollos alucinados, que espían con atención, ós eidos máis alonxados”. Por sorte, non nos foi moi difícil chegar a este paradiso de petoutos.
Un amplo piñeiral danos a benvida á Área Recreativa de Penas de Rodas. Nada máis chegar, xa puidemos dar boa conta das proporcións do pétreo monumento que estabamos a piques de coñecer. A xigantesca silueta de dúas pezas circulares de granito que se erixen sobre do chan, pode ollarse dende varias leguas á redonda. Camiñamos paseniño cara as Penas de Rodas, reparando nas súas dinámicas formas, esas “redondeces tan ben feitas” que tanto deberon inspirar ó noso bardo chairego. Canto máis nos achegabamos, máis certeiros se volvían os versos cos que Manuel María pechaba o poema; “¡Temo que calquera día vos poida levar o vento!”. O certo é que de preto, aqueles petoutos semellaban poder vir sobre de nós en calquera momento, co sopro maino do vento, co tremor dunha simple treboada. Sorprende o gran tamaño dos bolos graníticos e o reducido espazo onde se asentan. O lugar atópase a uns 620 metros sobre do nivel do mar, dominando os cháns horizontes deste xigantesco brañal galego. Moitos estudosos sosteñen que este conxunto é unha formación natural, froito da erosión e da acción bioxeoquímica da chuvia sobre das pedras.
Así mesmo, son moitos os que sosteñen que este lugar foi un antigo observatorio astronómico na época dos Romanos, un pétreo almanaque dende o que predicían as témporas; dende o que agardaban as máis propicias alboradas para cultivar. Froito de diversas investigacións realizadas recentemente, moitos afirman que o conxunto fica orientado cara ó solpor no solsticio de verán, e cara o sol nacente no solsticio inverno. O conxunto de Penas de Rodas, como non podía ser doutra maneira, atesoura tamén as súas propias lendas. Unha delas conta que unha das pedras contén ouro, e quen consiga rompela farase o máis rico da contorna. Outra, pola contra, fala de que unha das pedras está chea de alcatrán, e quen ouse rompela, asolagará o lugar, luxando a contorna e causando a morte dos veciños. Por estas datas estarase a preparar a Romaría de Penas de Rodas, onde se rememoran e se recrean as súas lendas. Arrodeámolas penas unha e outra vez, ollando as súas curvas, desafiando a vertixe. Palpamos o granito, os liques, a humidade. Ó noso redor achamos abondosas formacións rochosas que sobresaían sobre da herba miúda. Estabamos a pisar un milenario paradiso de petoutos.
Abandonamos o lugar impresionados, tratando de comprender como dúas pezas graníticas tan xigantescas se poden soster sobre dunhas bases tan reducidas. A quen si puidemos entender foi ó noso bardo chairego. Quen sabe cantas sensacións debeu sentir el diante destas penas, canta inspiración, canta vertixe. Liscamos da parroquia de Gaioso, non vaia ser que os colosais bolos comecen a rebolar sobre de nós. Como vos dicía ó comezo, o noso mundo está vivo, en constante movemento. Nembargantes, o destino e as lendas semellan desexar que estas Penas de Rodas fiquen por sempre aquí; neste milenario paradiso de petoutos. Que as forzas da natureza sigan a esculpir, por moitos séculos máis, as lendarias Penas de Rodas!
2 comentarios:
Eu, que son unha rendida admiradora das pedras, das rochas, xa me está faltando tempo para ir a este lugar. Ca lectura deste artigo non puiden menos que lembrar a Man, que tamén amaba as pedras, e quen tamén tiña a natureza, cas súas diversas formas de erosión, pola súa mellor compañeira de viaxe artística
É un todo privilexio contar nesta fraga cun comentario teu, Beatriz, e foi un pracer moi grande coñecerche en persoa. Alégrame saber que esta entrada che lembrou ó alemán de Camelle, polo que aproveito a ocasión para che agradecer, xa de paso, o feito de plasmares na túa obra a vida de Man, o seu xeito de vivir e de entender o mundo. Debo recoñecer que aínda non tiven a oportunidade de ler "Man, o alemán de Camelle", mais dende aquí fago a firme promesa de adquirir este libro, "para nenos de 0 a 90 anos", co obxectivo de profundar no mundo deste artista diferente e incomprendido. Polo demais, somentes podo dicirche que quedas convidada a pisar estas fragas sempre que o desexes. Unha aperta, Beatriz!
Publicar un comentario