martes, 29 de xaneiro de 2013

A xigantesca Pedra dos Namorados


"O través d'aguzados penedos
penso ver empinados petoutos,
viñas, hortas, devesas e soutos,
q'apouvigan os ventos d'o Sul.
E saltando regueiros e valos,
cata xa outros bós horizontes,
outros veigas, mariñas e montes,
que se perden n'a brétema azul".
Francisco Añón, A Galicia

Ás veces, as xoias coas que nos agasalla a natureza fannos sentir ananos, seres doutra época que non comprenden a longa e sufrida historia do seu pobo, nin os innumerables legados feitos en pedra que súan e se dilatan, que acougan da chuvia i ensombrecen as terras. Moitos destes tesouros fican esquecidos e asolagados polas hedras a carón de grandes estradas, mais ou menos sinalizados. Outros, pola contra, agochados nos montes da contorna ou a carón dos fogares dalgunha solitaria aldea. Sacamos folgos para retomar o camiño dos xigantescos penedos que se agochan na sempre feiticeira Comarca do Condado, no interior da Provincia de Pontevedra, na mesma terra dos canteiros. Longa é a historia canteira destes “bós horizontes” do Concello de Ponteareas, pois como xa temos falado con anterioridade na nosa visita inicial á lendaria Pedra do Equilibrio, estas terras son o berce de xeracións enteiras de canteiros. Os montes da Picaraña sorpréndenos cunha variada gama de verdes que se acentúan co azul resplandecente dun ceo primaveral. Servíndose das sutís correntes do sur, un rutilante corvo semella acompañarnos na procura dun dos máis impresionantes tesouros herdados, un conxunto coñecido como A Pedra dos Namorados.  No noso camiño ollamos uns montes poboados de penedos e piñeiros, adurmiñados pola brisa cálida dun verán que non tardará en chegar. O sol comeza a trazar unha liña de luz onde fitar de vagar o voo dun pole remexido polas abellas, un norte ficticio que nos conducía ata a Parroquia de Arcos.


Non tardamos en emprendela andaina que nos achegaría a outra das moitas formacións rochosas que, ao igual ca Pedra do Equilibrio, fican como testemuñas vivas do pasado, mostras mudas que nos fan reflexionar sobre o paso séculos, sobre dos ritos e lendas, e no caso que agora nos ocupa, tamén sobre do amor. Nun pequeno outeiro e a escasos metros da estrada nacional, achamos á fin a maxestosa Pedra dos Namorados, que se sobrepón sobre dos campos de labranza e as escasas vivendas do lugar. Somentes os máis altos e vellos piñeiros d’arredor son quen de facerlle, quizais, un pouco de sombra a este espectacular conxunto granítico onde se sobrepoñen tres xigantescas pezas de incalculable peso. Baixo o cerco de negra sombra que debuxa de costas ó sol este lendario monumento, fican silenciosos os carballos e as fieitas.Tamén as pequenas hortas que se arremuíñan ó redor. A hedra, pola súa parte, gabea polas vertixinosas moles de pedra do monumento, devecida e sen descanso, procurando unha raiola de luz que lle mostre o camiño para acadar o ceo. Non foi doado comprender a composición desta formación pétrea, nin foi sinxelo ollala de preto, pois tanto a súa sombra como as súas esaxeradas dimensións, non no lo permitiron. Retrocedemos uns cantos metros, pois este monumento fainos sentir ananos, tal que esquíos e donicelas.


Xa dende máis ó lonxe, parámonos a comprender o significado do seu peculiar nome e as lendas que garda ás súas costas. De feito, tamén chamou a nosa atención a cantidade de pedriñas que ficaban depositadas na superficie da laxa máis elevada. A lenda conta que os corazóns máis namoradeiros han visitar este monumento herdado dos antergos e, de costas ó mesmo, lanzarán tres pequenas pedras. Cantas máis pedras queden sobre desta xigantesca laxa, máis probabilidades terán de cara ó amor. No caso de non quedar ningunha, as cousas de amores non mellorarán. Arrodeámola Pedra dos Namorados para contemplar toda a súa impoñente silueta, as súas pezas moldeadas polo vento, eternamente pousadas unhas sobre das outras, coma se dunha cálida aperta se tratase. A formación atópase sustentada sobre dunha xigantesca pena que fica medio descuberta nun terreo intricado e mesmo desnivelado. Sobre desta enorme rocha, que supón a base de todo o conxunto, aparece outra peza máis pequena que a inferior pero aínda así, de tamaño considerable, e sobre da cal se sustentan outras dúas.Unha delas, a máis pequena de todas é, por así dicilo, a peza clave que se encarga de sustentar á terceira e definitiva laxe superior, de dimensións colosais. Contan que esta importante e anterga pena xa fora morada de primitivos cazadores do Neolítico, e que dende as máis remotas idades serviu de acougo, de sombra e de fonte de tódolos desexos dos seus diminutos e mortais visitantes.  

4 comentarios:

Anónimo dixo...

Recoméndoche dentro desta temática a illa dos namorados, preto de Rivadulla.
Un namorado de Vedra

I. Iván Fraga Moure dixo...

Tomo nota, pois! O certo é que non coñecía o lugar do que me falas, pero xa estiven mirando algo, e ten moi boa pinta. Pasareime seguro. Grazas pola recomendación!

navegacruz dixo...

Pois vou ter que ir tirar pedriñas, a ver se me din "Si"; e se non, unha novena a San Antón...
Unha aperta ben forte de Cruz, dende Compostela para ti.

I. Iván Fraga Moure dixo...

Afina ben a puntería, pois non che é cousa doada. Apertas, compañeira!!