"O través d'aguzados penedos
penso ver empinados petoutos,
viñas, hortas, devesas e soutos,
q'apouvigan os ventos d'o Sul.
E saltando regueiros e valos,
cata xa outros bós horizontes,
outros veigas, mariñas e montes,
que se perden n'a brétema azul".
Francisco Añón, A Galicia
Ás veces, as
xoias coas que nos agasalla a natureza fannos sentir ananos, seres doutra época
que non comprenden a longa e sufrida historia do seu pobo, nin os innumerables
legados feitos en pedra que súan e se dilatan, que acougan da chuvia i
ensombrecen as terras. Moitos destes tesouros fican esquecidos e asolagados
polas hedras a carón de grandes estradas, mais ou menos sinalizados. Outros,
pola contra, agochados nos montes da contorna ou a carón dos fogares dalgunha solitaria
aldea. Sacamos folgos para retomar o camiño dos xigantescos penedos que se
agochan na sempre feiticeira Comarca do Condado, no interior da Provincia de
Pontevedra, na mesma terra dos canteiros. Longa é a historia canteira destes
“bós horizontes” do Concello de Ponteareas, pois como xa temos falado con
anterioridade na nosa visita inicial á lendaria Pedra do Equilibrio, estas
terras son o berce de xeracións enteiras de canteiros. Os montes da Picaraña sorpréndenos
cunha variada gama de verdes que se acentúan co azul resplandecente dun ceo
primaveral. Servíndose das sutís correntes do sur, un rutilante corvo semella
acompañarnos na procura dun dos máis impresionantes tesouros herdados, un
conxunto coñecido como A Pedra dos Namorados. No noso camiño ollamos uns montes poboados de
penedos e piñeiros, adurmiñados pola brisa cálida dun verán que non tardará en
chegar. O sol comeza a trazar unha liña
de luz onde fitar de vagar o voo dun pole remexido polas abellas, un norte
ficticio que nos conducía ata a Parroquia de Arcos.
Non tardamos en emprendela
andaina que nos achegaría a outra das moitas formacións rochosas que, ao igual
ca Pedra do Equilibrio, fican como testemuñas vivas do pasado, mostras mudas
que nos fan reflexionar sobre o paso séculos, sobre dos ritos e lendas, e no
caso que agora nos ocupa, tamén sobre do amor. Nun pequeno
outeiro e a escasos metros da estrada nacional, achamos á fin a maxestosa Pedra
dos Namorados, que se sobrepón sobre dos campos de labranza e as escasas
vivendas do lugar. Somentes os máis altos e vellos piñeiros d’arredor son quen
de facerlle, quizais, un pouco de sombra a este espectacular conxunto granítico
onde se sobrepoñen tres xigantescas pezas de incalculable peso. Baixo o cerco
de negra sombra que debuxa de costas ó sol este lendario monumento, fican
silenciosos os carballos e as fieitas.Tamén as pequenas hortas que se
arremuíñan ó redor. A hedra, pola súa parte, gabea polas vertixinosas moles de
pedra do monumento, devecida e sen descanso, procurando unha raiola de luz que
lle mostre o camiño para acadar o ceo. Non foi doado comprender a composición
desta formación pétrea, nin foi sinxelo ollala de preto, pois tanto a súa
sombra como as súas esaxeradas dimensións, non no lo permitiron. Retrocedemos
uns cantos metros, pois este monumento fainos sentir ananos, tal que esquíos e
donicelas.
Xa dende máis
ó lonxe, parámonos a comprender o significado do seu peculiar nome e as lendas
que garda ás súas costas. De feito, tamén chamou a nosa atención a cantidade de
pedriñas que ficaban depositadas na superficie da laxa máis elevada. A lenda conta que os corazóns máis namoradeiros han visitar este monumento herdado dos
antergos e, de costas ó mesmo, lanzarán tres pequenas pedras. Cantas máis
pedras queden sobre desta xigantesca laxa, máis probabilidades terán de cara ó
amor. No caso de non quedar ningunha, as cousas de amores non mellorarán. Arrodeámola
Pedra dos Namorados para contemplar toda a súa impoñente silueta, as súas pezas
moldeadas polo vento, eternamente pousadas unhas sobre das outras, coma se
dunha cálida aperta se tratase. A
formación atópase sustentada sobre dunha xigantesca pena que fica medio
descuberta nun terreo intricado e mesmo desnivelado. Sobre desta enorme rocha,
que supón a base de todo o conxunto, aparece outra peza máis pequena que a
inferior pero aínda así, de tamaño considerable, e sobre da cal se sustentan
outras dúas.Unha delas, a máis pequena de todas é, por así dicilo, a peza clave
que se encarga de sustentar á terceira e definitiva laxe superior, de
dimensións colosais. Contan que esta importante e anterga pena xa fora morada de
primitivos cazadores do Neolítico, e que dende as máis remotas idades serviu de
acougo, de sombra e de fonte de tódolos desexos dos seus diminutos e mortais visitantes.
4 comentarios:
Recoméndoche dentro desta temática a illa dos namorados, preto de Rivadulla.
Un namorado de Vedra
Tomo nota, pois! O certo é que non coñecía o lugar do que me falas, pero xa estiven mirando algo, e ten moi boa pinta. Pasareime seguro. Grazas pola recomendación!
Pois vou ter que ir tirar pedriñas, a ver se me din "Si"; e se non, unha novena a San Antón...
Unha aperta ben forte de Cruz, dende Compostela para ti.
Afina ben a puntería, pois non che é cousa doada. Apertas, compañeira!!
Publicar un comentario