D'o monte n'o medio,
Levántase ainda
Hidrópico e negro,
Cal xigante hipopótamo morto,
De vermes cuberto,
Rodeado de trévoas e gramas,
O lombo deforme d'o vello mosteiro.
Dend' a alta campana
Cay inda en anélos
A forte cadea
Con triste bambeo.
N'os meus solitarios
Nouturnos paseos,
Sucedem' ás veces
Chegar ó mosteiro;
E caretas facéndom' estonces
D'a lua ó refrexo,
Unha negra vision, d' entr' as ruina,
«¡Qué tempos!» me dice, y-eu digo «¡Qué tempos!»
Manuel Curros Enríquez, Aires da miña terra
A brétema esvaécese cando o sol comeza a alborexar por antr'os intricados cantís da lendaria Ribeira Sacra. Os castiñeiros centenarios ceivan as súas follas, convertendo o chan nunha mesta alfombra que nutre os soutos e as fragas. Polas fendas do val, milleiros de regatos e fervenzas fertilizan e dan vida a este ecosistema único. Todos eles entregan as súas augas ó río máis caudaloso do País Galego: o Sil, o máis importante afluente do Pai Miño. As profundas e azuis augas deste senlleiro río, labraron e esculpiron os macizos montañosos situados entre as provincias de Lugo e Ourense. O Sil foi traballando a dura pedra durante centos de miles de anos, formando uns canóns que constitúen unha das paraxes máis impresionantes, fermosas e únicas do chan galego.
Logo de contemplar de preto estas Ribeiras Sacras, bañadas e bendicidas polas "Fadas do Sil", ascendemos polas fértiles e sinuosas ladeiras, a carón dos esquecidos muíños que fican asoballados polas ramaxes, as hedras e os fentos, que xa fai tempo que tomaron posesión dos vellos muros. Parámonos para poder marabillarnos coa paisaxe que se albisca dende os miradoiros nas terras de Parada do Sil. Alí, no alto das esgrevias ribeiras do Sil, ollando de fite as sagras ribeiras, descubrimos os vermellos tellados do antigo e poderoso Mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil. Ante nós fica un dos complexos monásticos máis antigos, fermosos e grandes do chan galego. Construido dende o século XII, os seus rexos muros gardan multitude de lendas e historias que falan do antigo poderío que colleitou dende sempre.
Nas entrañas do mosteiro
Camiñamos ata o pequeno lugar que precede ó soberbio mosteiro. Dende alí, ollamos as súas fornidas pezas de sillería, a súa multitude de recintos, a amplitude dos seus tellados, e a altura das súas torres.
Cando chegamos á entrada principal, ficamos abraiados pola maxestosa fachada, barroca do século XVIII. Detémonos a contemplar os elegantes detalles decorativos que amosa: unha xigantesca porta alintelada, adornada por fermosos e elegantes frontóns, columnas e imaxes, algunhas delas mutiladas polo tempo. No alto da portentosa fachada, aparece un traballado escudo con nove mitras que nos falan das antigas lendas que agocha este sacro lugar.
Santo Estevo de Ribas de Sil foi fundado por nove bispos que un día decidiron convertirse en ermitáns. Para isto, buscaron un agocho nas profundidades das recónditas ribeiras do Sil. Os seus aneis, gardados nun cofre de prata, foron o comezo das vellas lendas que aínda algúns contan polas aldeas do lugar. Dise que ó redor destas antergas reliquias aconteceron todo tipo de milagres. Pero os aneis, derradeira herdanza dos vellos fundadores, xa fai tempo que desapareceron.
Dende o seu nacemento, este mosteiro nunca deixou de medrar. Os edificios que hoxe podemos contemplar comezáronse a erguer en torno ó seculo XII. Desta época é un dos grandes tesouros que agocha este fornido e grandioso complexo, o Claustro dos Bispos. Nel disque están enterrados os nove piadosos bispos que renunciaron ás súas vidas para viren a fundar este mosteiro. Os seus nomes eran Isauro, Pelayo, Afonso, Osorio, Vimarasio, Pedro, Servando, Froalengo e Viliúlfo. Trátase do claustro máis antigo do mosteiro, do século XII, e un dos poucos de estilo románico que se poden ollar no País Galego. A súa arcada fica adornada por numerosas figuras vexetais, animais, e mesmo as faces dos antigos monxes que nos contemplan de esguello. No alto de cada contraforte, as gárgolas semellan ameazarnos coas súas pétreas e sombrías olladas. Os arcos agochan unha fermosa e elegante bóveda de nervadura. A carón deste claustro hai outros dous, o Claustro Grande e o Claustro Pequeno, de estilo renacentista e con arcadas erguidas a base de columnas dóricas.
A portentosa igrexa monacal non revela no seu exterior a xoia arquitectónica que garda no seu interior. Conta con tres naves de catro tramos, e tres ábsides circulares na cabeceira. Contén unha gran cantidade de obras de arte escultóricas de gran valor e antigüidade, entre as que cabe destacar o retablo principal de Santo Estevo, esculpido en pedra núa. Ante a súa sombría e escura fachada, as vellas tumbas dos esquecidos monxes durmen o sono eterno baixo as torres da igrexa. É o único que queda deles, ademais das súas ameazantes faces gravadas na rocha das entrañas do mosteiro. Na actualidade, xa non habitan monxes baixo estes tellados vermellos. Foi restaurado integramente para acoller a numerosos hóspedes dun luxoso parador. Podemos dicir, polo tanto, que Santo Estevo ten vida antr'os seus muros, mais non o rutinario rebulir da vida monacal. Xa nada queda do extenso imperio de viñedos e fragas, de ferrados e muíños. As antigas adegas, ateigadas da mellor uva mencía, constituiron un dos piares fundamentais do gran poder que chegou a ter. Hoxe, as viñas seguen a peitear as ladeiras, formando longas e innumerables bancadas, que seguen a intricada orografía dos canóns. As vellas cepas fican esparexidas arredor dos pequenos lugares que, coma Amandi ou Cibrisqueiros, seguen a vivir das antergas labouras vitivinícolas.
Santo Estevo despídenos entre as derradeiras brétemas da mañá. Os seus tellados vermellos semellan humedecidos polo bafo do río. Aló embaixo, o Sil avanza sosegado e maxestoso, e o sol aparece polo alto das ladeiras. Que non esmoreza nunca a vida nas entrañas do vello fogar dos abades de Santo Estevo!
2 comentarios:
Xogas con vantaxe: sabes que calquera lugar da Ribeira Sacra vai ter éxito. jejeje. Agora en serio, moi boa reportaxe. Especialmente impresionante a foto dos canóns do Sil. Noraboa
Sen dúbida, compañeiro!, unha xoia herdada dos antergos. Unha aperta.
Publicar un comentario