"O meu corpo é a cicatríz
onde navegam todos os vaguios
e prenhado pola luz da tolémia
eivo os furacans
que marcam as horas dos infernos
ao som
de nubeiras trombetas"
José Alberte Corral Iglesias
Logo de atravesá-las chairegas terras de Manuel María no sendeiro da Diáspora, os fogares coloniais comezaban a darnos a benvida a Ribadeo. Esta vila cantábrica é a porta de entrada ó País Galego e comparte as enloitadas augas do Eo co veciño chan astur. A morte do divisorio río onde se asenta esta mariñeira vila é un aluguer invernal para miles de aves migratorias, e está declarada como zona ZEPA (Zona de Especial Protección de Aves). Na Praia das Augas Santas, máis coñecida como As Catedrais, a erosión trócase no máis sabio escultor e canteiro de lousa, e os seus arcos son asolagados a certas horas polas mareas do Sinus Kantabrorun. O Faro da Illa Pancha é unha muxena taciturna nas noites bretemosas para os gameleiros da Mariña Oriental, e fica erguido nas cicatrizadas rochas desta illa dende o 1859. A súa luz acada as 21 millas e a súa estrutura cilíndrica é moi semellante á de outros faros como A Roncadoira, Ortegal ou Touriñán.
"TODOS presentíamos que a noite
preparaba algún sofisma
E o faro extraviado
daba o S-O-S
no morse
-clave Orión-
das estrelas
Eses brazos abertos da vela
son os mesmo do vento
que se despreguizou
Na man do Mar esquencidizo
os loceiros peteiran a bicada
A estrela dos cabarets
cun cigarro nos beizos
pide lume aos catro puntos cardinaes
Pola Galaxia chea de seixos
un astro vello vai co seu farol
Que dan os almanaques
para esta meia-noite?
Pero aínda non sabemos
de que banda vai chegar a meia-noite
E o faro extraviado
vai esgotar o seu stok de S-O-S"
Manuel Antonio, S.O.S.
¡Que a Illa Pancha e a súa muxena de luz non esgoten o seu stok de S-O-S!
5 comentarios:
o meu SOS en clave de Orión agóchase na patria onde medrei.
Quizais por iso entenda o faro da Illa Pancha, porque é semellante a Touriñán.
Unha aperta!
Gracias Rosalía, algún día destaparemos os segredos de Touriñán, un deses lugares máxicos que alumean a Costa da Morte. Unha aperta!
"Eses brazos abertos da vela
son os mesmos do vento
que se despreguizou (...)". Qué forza metafórica; cánta imaxe pendurando nas nosas retinas abraiadas!. A poesía de Manuel Antonio é sempre unha revelación, unha feliz descuberta.
"Encheremo-las velas
coa luz náufraga
da madrugada (...)". Uffff.
Máxico faro e máxica illa en Ribadeo, vila que acocha misteriosos encantos. Teño que dicir que me gustou máis a beleza sinxela e contundente da Illa Pancha que a praia das Catedrais, demasiado "madrileñizada" para o meu gusto.
un saudo dende a capital do país
e saude, sorte...e República!!!
si si todo moi bonito e maravilloso, pero faltan fotos de Viveiro e Covas, erro pola túa parte....asi que xa podes amañalo prontiño...jejejeje.
Publicar un comentario