"A ti meu Cambados
probe e fidalgo e soñador,
que ó cantareiro son dos pinales
e ó agarimo dos teus pazos lexendarios,
dormes deitado ó sol
a veira do mar"
Ramón Cabanillas
Esta semana adentrámonos de cheo no corazón do Salnés, no concello de Cambados. Esta fermosa vila mariñeira das Rías Baixas pontevedresas agocha o encanto do señorial Pazo de Fefiñáns, a Torre de San Sadurniño e as súas mexilloeiras pedras ribeirás, ademais de ver nacer ó poeta da raza, Ramón Cabanillas, e ós escultores Francisco Asorey, Manolo Paz e Francisco Leiro. Esta vila de pazos, a carón da desembocadura do río Umia, está catalogada como Conxunto Histórico Artístico, e a súa historia fala de invasións viquingas dende o S. IX, e ante este perigo erguéronse as murallas defensivas da Torre de San Saturniño, que agora agonizan testificando os lendarios combates da súa anterga historia. Cambados ten un produto estrela, o Albariño, e o primeiro fin de semana do mes de agosto celébrase a festa deste autóctono blanco con Denominación de Orixe Rías Baixas, que non pode faltar na farturenta e admirada mesa galega. Así que xa sabedes, este agosto, todos a Cambados! Que nunca nos falte Cambados, nin albariño, nin o Poeta da Raza, pois “A nosa terra é nosa”!
4 comentarios:
xa o dicía Cabanillas, xa...
Unha compañeira miña de Cambados estívonos falando onte da homenaxe que lle van facer alí ao seu poeta.
Unha aperta, camarada!!!
e que viva a NOSA terra!!
Unha homenaxe ben merecida, dende logo. Gracias por te pasares, Rosalía. Unha aperta
Ás veces sinto envexa por certas vilas de Galicia por ser berce de tan grandes escritores; lugares que deron ao mundo persoeiros que tanto fixeron polo noso país e a nosa cultura: Rianxo con Castelao, Dieste e Manoel Antonio; Celanova con Curros e Celso Emilio; Ponteceso con Pondal; e por suposto Cambados por darnos a Cabanillas.
Alén diso, Cambados ten tamén a maxia de ser a capital do Albariño, un dos mellores brancos do mundo.
En fin, moi boa entrada coma sempre e fermosa foto, inda que xa nos vas tendo acostumados a este nivel. jejeje.
veña, un saudo:
Saude, sorte... e República!!!
Gracias a tí por ser o máis fiel seguidor deste blogue. Unha aperta
Publicar un comentario