domingo, 4 de outubro de 2015

Lembranza dunha virxe xigantesca


“Xa erguida na punta
De pena sombrisa,
Inmoble cál virxe
De pedra se mira.
A cofia de liño
A os ventos soltada,
As trenzas descoida
Qu' os aires espallan;
Tendídalas puntas
Do pano de seda,
As alas d' un anxel
De lonxe semellan.
Si as brisas da tarde
Xogando con elas
As moven ca gracia
Qu' un anxel tivera”

Rosalía de Castro, Cantares Gallegos


Rebuscando frangullas da vida no vello caixón dos intres finados pra fartar a memoria de nostalxia, acharía entre a piolla, a friúra e as arañeiras do tempo, dúas fotografías que me trasladarían de novo até unha das miñas primeiras viaxes pola terra, até unha daquelas primeiras aventuras onde coñeceramos os meirandes segredos que zumegan da liberdade e os máis pracenteiros riscos que acompañaron a nosa independencia. No branco rostro e tralos celestes liques do manto da Virxe da Rocha reencontraríame comigo mesmo case unha década despois. Aquelas fotografías, como unha vella canción que marcou un tempo das nosas vidas, prenderon na miña mente chamizos apagados; devolvéndome a ledicia e a melancolía das horas fuxidas, dos intres xa finados. Corría unha húmida e fría tarde de novembro cando nos detivemos de fronte á silueta das Illas Cíes e baixo dunha xigantesca e impresionante virxe de pedra no concello pontevedrés de Baiona. 


Lembro como se fose onte o moito que nos chegou a sorprender aquela impoñente silueta da Virxe da Rocha. Naquelas primeiras viaxes non adoitabamos preparar nin organizar en exceso as nosas rutas; preferiamos deixarnos levar e sorprender polo destino. E a Virxe da Rocha non era para nada un dos obxectivos procurados, mais debo confesar que nos engaiolou a súa presenza á beira da estrada e de fronte ó mar, polo que non dubidamos en parar e coñecer este maxestoso monumento relixioso das Rías Baixas. A Virxe da Rocha foi erixida en granito sobre das faldras do Monte de San Roque e trala Punta Sansón, a uns 100 metros de altitude sobre do nivel do mar, polo excelso arquitecto porriñés Antonio Palacios, sendo inaugurada no ano 1930. O monumento posúe uns  15 metros de altura e representa á Virxe sostendo nos seu brazo dereito unha barquiña empregada como miradoiro ó que se accede interiormente por unha pétrea escaleira de caracol. Tanto as mans como a faciana desta virxe son de mármore branco. Estes elementos, xunto coa coroa, construída en porcelana; foron obra do escultor Ángel García Díez. Co tempo, crearíase un parque e un Vía Crucis nos arredores do monumento onde cada ano se celebra unha romaría. Malia a ser este un monumento relixioso, posúe unhas dimensións e unhas características dignas de  coñecer. Deixamos tras de nós esta xigantesca virxe co vago son de afastadas badaladas, apertándonos na brétema, recendendo a marusía; sen ignorar por un intre a paz e a beleza inherentes ó atlántico horizonte das Illas Cíes. 

2 comentarios:

Patricia dixo...

Ben certa é a grandeza da imaxe que agarima o noso vínculo co mar.
Unha aperta

I. Iván Fraga Moure dixo...

Abofé que si, compañeira! Apertas