“Antr'as negras ribeiras manso e lento,
Como corre o abatido pensamento
Antr'os tristes remorsos y á esperanza,
Iña á compas do vento
Correndo tras d'a estensa lontananza.
Mais cabe d'ancha
orela,
Misterioso e agachado un centinela,
N'un-ha lancha d'o Miño apousentaba;
Y á arma n'a man y en vela
A través d'a ramaxen axexaba”.
Rosalía de Castro, Follas Novas
Aló onde o Miño
alenta os socalcos, por antr’as sacras e traballadas ribeiras miñotas, cada
remanso recende a historia adormecida. As marxes do noso máis lendario río
atesouran aínda numerosos mosteiros, torres, pontes e santuarios que foron
testemuña de moitos sucesos acontecidos nesta sacra terra. Logo de visitar a
Torre da Candaira e coñecer máis de preto a súa historia, collemos rumbo ó veciño
concello lugués de Paradela. Alí, na parroquia de San Facundo de Ribas de Miño,
agardaban por nós as historias da súa antiga e fermosa abadía. Logo de deixar
atrás o núcleo urbano de Portomarín e o balbordo dos peregrinos que ateigan as
súas rúas, atravesamos o danado curso do Miño contemplando os muros das antigas
vivendas do primitivo e asolagado Portomarín. Namentres nos adentrabamos nas terras paradelenses da Comarca de Sarria, contemplamos as violáceas cores das vides do mencía, que semellaban
presentes en cada chanzo, en cada eido destas intricadas ladeiras. Descendemos
polo val que deixa tras de si o Monte da Trapa e, logo pasar O Lombao, albiscamos o
río, as vides e os socalcos, que arrodeaban a paraxe procurada. Á fin, a carón
do leito do río, puidemos contemplar a xeitosa e singular abadía de San Facundo
das Ribas de Miño. Á fin, a carón destes
socalcos, puidemos cavilar e recrear a humana e nobre angueira dos seus abades.
Corría o ano 1116
cando Dona Urraca, raíña de León e de Castela, comeza a sentir envexa da
prosperidade que o Camiño de Santiago estaba a esparexer polo territorio
galego. Nun arrebato de rabia e loucura, mandou derrubar a ponte romana de
Portomarín; parte do Camiño Francés a Compostela. O seu obxectivo era claro,
frear a fonte de ingresos que supuñan os peregrinos para o Arcebispo Don Diego Xelmírez.
Pouco tempo despois e coa ponte de
Portomarín derrubada, os primeiros monxes beneditinos deciden internarse nestas
plácidas ribeiras do Miño; onde as mansas correntes fan deste tramo do río un
treito navegable. A súa laboura non sería outra que a de prestar un honroso
servizo ós grandes prexudicados desta contenda; os peregrinos. Denantes de que
erixisen a abadía que hoxe coñecemos, os monxes comezaron a construír lixeiras
barcas de madeira para traer e levar, a través do Miño, ás almas que procuraban
Compostela. Así foi como naceu a historia de San Facundo e os monxes remeiros.
Poucos anos despois, no 1120, fúndase o pequeno complexo de Ribas de Miño, e neste
mesmo ano, Pedro O Peregrino volve a erixir a ponte de Portomarín; aquel vieiro
da discordia que anos atrás derrubara Dona Urraca. Desta volta, a ponte fora
construída co fin de prestar servizo a aqueles peregrinos que non podían pagar
o portádego esixido en Portomarín. Ademais, contan que foron moitos os que, sen recursos, teñen pernoctado na ábsida da Igrexa de
San Facundo.
O vello conxunto
de San Facundo de Ribas de Miño, o fogar dos antigos monxes remeiros, fica
agora en silencio e soidade. Coma se as almas dos seus abades e peregrinos se
reencarnasen en vides, en terra i en socalcos; en sangue mencía. O conxunto
está conformado pola igrexa parroquial e a casa reitoral, e o estilo atópase en
plena transición entre o románico e o gótico. Algúns estudosos, como Ricardo
López, opinan que a bóveda deste antigo santuario está considerada a primeira
manifestación do gótico na Península Ibérica, así como unha das primeiras da
vella Europa. A susodita bóveda emerxe sobre de seis arcos de pedra que
converxen nunha peza clave situada a tan só cinco metros de altura. Nembargantes,
esta igrexa garda moitos máis segredos
no seu interior que, polo momento, non tivemos a sorte de coñecer. Nas entrañas
do templo de San Facundo de Ribas de Miño aínda poden ollarse pinturas murais
hispano-flamencas que datan de 1474 e nas que se ven representadas as figuras
de San Cristóbal, San Sebastián ou a Virxe María. Semella incrible que logo de
tantos séculos aínda poidamos contemplar xoias artísticas tan antigas e
valorosas coma estas. No ano 1982 foi declarado Monumento Nacional de Interese
Turístico e Cultural, e 15 anos despois, no 1997, foi debidamente proxectado e restaurado
polos arquitectos Alberte González Rodríguez e Jorge Salvador Fernández.
O mimo e bo facer
co que se levaron a cabo as obras de restauración deste conxunto viu os seus
froitos un ano despois. No 1998, o
Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia outórgalles a Alberte González e a
Jorge Salvador o Primeiro Premio ó Mellor Proxecto de Restauración de Galicia. No
que respecta á súa restauración, San Facundo tivo a sorte que lle faltou, e que
aínda lle falta, a moitos outros cenobios galegos. Quizais todo o esforzo dos
monxes remeiros e a hospitalidade coa que trataron ós peregrinos se vexa hoxe
recompensada no seu templo. Non tiña que ser nada doado para aqueles monxes
remeiros atravesar o amplo leito do Miño, nin prestar servizo ós fieis
camiñantes que, carentes de recursos materiais, procuraban Santiago de Compostela. Namentres
dende o lonxe albiscabámolos meandros dun Miño amplo e caudaloso, semellabamos imaxinar
as pantasmas daqueles monxes remeiros vogando a contracorrente sobre do leito
do río. Semellabamos ver a aqueles peregrinos chamar polos remeiros,
arregazando as luxadas e probes roupas entre as ramaxes das ribeiras. Cantas almas viaxeiras deberon agradecer a
estes monxes a súa hospitalidade. Canto non deberon rezar por eles! Denantes de liscar desta ribeira única e
lendaria, non dubidamos en pecar unha vez máis, botándollela man ós acios de
escuras uvas que, case como un froito prohibido, se mostraban diante de nós. Liscamos
desta histórica paraxe de camiñantes coa lembranza posta nos monxes remeiros de San
Facundo e a súa gran hospitalidade. Que
destas vides rexurda o esprito, o celme i o sangue mencía dos seus abades!
4 comentarios:
Preciosas fotos y gran entrada, da ganas de ir a visitarlo!
Moi agradecido pola parte que me toca. É un lugar especial, e fica moi pretiño de Portomarín, polo que se un día che cadra de pasares por alí, non dubides en coñecelo. Ah, e convídoche a que te pases por esta fraga sempre que queiras. Saúde!
Unha xoia !. Ti pensa...
que nome tan fermoso...San Facundo !
Encántame o blogue !
Non o deixes!
Estás facendo historia...
Xa falaremos !
Tin
Prezado Agustín, non sabes o que me alegro de escoitar as túas palabras semellan un alento animador. Unha aperta grande e grazas por pasarte pola fraga.
Publicar un comentario