"Vexo o cruceiro de pedra
onde o neno solía
faguer altares de frores
n-os teus agros recollidas.
Tod' esto vexo c' a y-alma
d' o relembr'â luz bendita.
Véxote sempre ¡meu ben!
¡meu amor! ¡miña terriña!
Véxote sempre e padezo
tan negra melanconía,
que morro de soedás
n-o pardo chan de Castilla".
Filomena Dato Murais. Follatos
A arte e a
habelencia dos antergos canteiros, non somentes se pode apreciar nas grandes
igrexas e pazos. Nembargantes, tamén
podemos rastrexar as pegadas desta antiga laboura ata na máis esquecida aldea,
ou na máis remota ermida. Os camiños e
lugares sagrados de Galicia fican ateigados de milleiros de obras de arte que
xa forman parte cotiá das nosas vidas e da nosa paisaxe. Os cruceiros,
ergueitos sempre ollando o paso dos séculos, sobreviven aínda como un legado de
gran valor cultural, histórico, artístico e relixioso.
Ó longo da historia foron moitos os intelectuais, artistas e investigadores, que un bo día se deteron no camiño para ollaren de preto estas valiosas obras dos canteiros. Castelao foi o primeiro que elaborou un estudo pormenorizado e moi documentado, sobre os nosos cruceiros, As cruces de pedra na Galiza. Segundo o noso rianxeiro universal e ilustre galeguista, a orixe destas cruces de pedra pode procurarse nos antigos menhires megalíticos, que foron cristianizados colocándolles unha crus enriba.
De feito, gran parte dos cruceiros que conservamos en Galicia atópanse sobre lugares onde, en tempos remotos, se levaron a cabo ritos pagáns. Segundo a opinión do noso ilustre Vicente Risco, nada queda dos cruceiros primitivos; os máis antigos remóntanse ó século XIV, aínda que a inmensa maioría foron erguidos nos séculos XVII e XVIII, no esplendor do Barroco. Foi nese tempo cando o seu uso se xeneralizou, e comezaron a verse cruceiros no entorno das igrexas e ermidas, nos camposantos, no campo da feira, sobre das fontes, en cruces de camiños, e mesmo sobre das cabaceiras.
Todas estas obras de arte tiñan unha función sacra e protectora. Agardábase que os cruceiros protexeran o gando, a colleita, os camiños, os soños, espranzas e desexos. Os santuarios máis afamados erixían longos Via Crucis a través dos antigos montes sacros, namentres as lendas de mortos, ánimas e da Santa Compaña, comezaban a vencellarse ós cruceiros, ergueitos, mudos e cheos de misterio. Co tempo, a arte dos canteiros foi mellorando, e a técnica destes artesáns da pedra foise perfeccionando. Coa chegada do século XIX, os artistas superaron os antigos modelos barrocos, que se levaran a cabo en séculos anteriores, o que fixo que xurdiran algúns exemplares especialmente chamativos.
Achegámonos ata as profundidades da Ría de Muros e Noia, preto do antigo Porto de Compostela, e concretamente ata o lugar de Eiroa, na parroquia de Santa Cristina de Barro. Neste lugar, podemos achar unha das xoias máis senlleiras da arte popular galega. A carón da estrada que une a vila de Muros con Noia, nunha pechada curva, aparece de súpeto o Cruceiro de Eiroa. Érguese sobre unha base cadrada de tres niveis, impoñéndose sobre un fuste de sección cadrada e de vértices achaflanados. Nel ollamos a figura de San Agustín, como as propias inscricións nos indican. O chapitel é cadrangular, de lados curvos e decorado con multitude de volutas, follas, cunchas e anxos. Sobre del, desenrólase a escena petrificada do desencravo de Cristo. A crus, que simula a cortiza da madeira, constitúe, como en tódolos cruceiros, o núcleo da obra; nembargantes, neste caso, ó seu redor aparecen as figuras de tódalas personaxes que participaron neste acontecemento. A escultura sobresae de xeito asombroso do ámbito do chapitel, o que fai que semelle manterse nun delicado equilibrio. Mais o virtuosismo do artista apréciase cando nos paramos a ollar o cruceiro de fite. Xa dicía Castelao na obra da que antes falabamos:
“Pode unha fotografía superar a un deseño, como documento; mais eu aseguro que os meus deseños son fidediños e que ao facelos comunicáronme un coñecimento da materia que sería inaicesibel ao siso dun simpre fotógrafo. E velahí a grande avantaxen do deseño, que a min me permiteu descobrir un tesouro de arte popular nos desprezados cruceiros”.
Cando ollamos de preto, coma Castelao e a súa alma de debuxante, a cada detalle do Cruceiro de Eiroa, podemos apreciar o equilibrio e a elegancia desta auténtica obra de arte. Debido á profundidade da escena, esta xoia semella ter infinitas vistas e perspectivas, segundo dende onde a ollemos. A técnica e o nivel de virtuosismo dos artistas pode descubrirse cando ollamos os minúsculos e detallados baleiros, desbastados da pedra con gran precisión e coñecemento. Todo isto fainos pensar nunha orixe relativamente recente, e así nolo conforman as inscricións, que din que data de 1879, e que foi erixido por mediación de Agustín Pérez. Tamén fala dos favores que poden obter aqueles que recen ante o altar, ou depositen algunha ofrenda. De feito, ós pés do cruceiro, aínda podemos ver as flores que a fe trouxo ata este lugar. O vello peto de ánimas, onde aparecen ardendo as almas dos malfeitores, segue a reclamar esmola ós viaxeiros que se aventuran a atravesar os vales, camiño de Noia. Esta curva no camiño, este desventurado cruceiro, sufriu moitas veces as consecuencias de ter quedado a carón dunha estrada. No ano 2001, foi practicamente destruído por un vehículo que saíu da vía. Mais tan brutal agresión non rematou coa longa historia do cruceiro de Eiroa. Peza a peza, coma un crebacabezas, o vello cruceiro foi reconstruído e protexido cun valo de pedra. Ás veces, semella que as cousas valóranse coma se teñen que valorar. Ó fin e ó cabo, os cruceiros son o legado máis cotiá e valioso que conservamos en cada recanto de Galicia. Coma ben dicía Castelao, heroe da Patria, non son os vestixios da arte dos escultores, senón a arte dos canteiros.
3 comentarios:
Outra xoia , que descubro grazas o teu traballo !.
Neste caso, doume por aludido, orgulloso de saber que o o santo que me deu o nome ten tan grande representación nun cruceiro galego..ei d,ir a velo !!
Por certo, sempre levo conmigo aquela máxima dese meu santo :
" qué é o tempo ?.
Se me preguntan, seino...
Se teño que explicalo, non sei !"
Parabéns polo teu traballo!
Agustin
Noia! Sempre é un paseo baixar a Noia e recibir o aire salgado do mar. Estiven na feira medieval da semana pasada. Fantástico día!
Un saúdo!
Benquerido Agustín, coma sempre, agradezo de xeito especial a túa visita a este espazo. O cruceiro de Eiroa é unha pequena mostra máis da arte deses canteiros que tanto nos legaron. E dos que tí tanto coñeces.
Benquerida Navegacruz, agradézote moito os teus fieis comentarios nesta fraga pola que transcorremos tódolos galegos, bos e xenerosos.
Saúde e terra!
Publicar un comentario