martes, 27 de marzo de 2012

Pedra do Home, sartegos de Portomouro


“Tumbas esquecidas,
tan probes e rústecas,
como en vida foron
os corpos q' acultan
mentres n-eles roen
os bermes con fúria:
tumbas que non teñen
mais pranto q'a chuvia,
nin outros arrulos
q' as auras nouturnas:
cobas q' anque frores
non tiveron nunca,
sempre están cobertas
pol-as erbas miudas”.

Valentín Lamas Carvajal, Saudades gallegas

Adentrámonos nas prácidas fragas e campiñas que nutre eternamente o caudaloso río Tambre.  Ó amencer, o bafo deste milenario río adéntrase nos pequenos e sosegados lugares que viven nas ribeiras do Tambre, e tamén do Dubra. O fume das chemineas e das numerosas lareiras esparéxese por antr’os vales, e a brétema do río comeza a esvaecerse.  As augas baixan impetuosas por antre soutos e as pradarías, alentando o nacemento de mestos pastizais onde as vacas marelas semellan xantar e sosegarse. A carón do curso destes dous ríos, directamente emparentados, medran as máis diversas e fermosas árbores hidrófilas, coma os bidueiros, os salgueiros, os ameneiros e os sanguiños, entre moitos outros.

As fértiles campiñas das Ribeiras do Dubra
Os vales están cubertos de mestas fragas de castiñeiros, piñeiros, freixos e carballos. O resto da paisaxe está cuberta por fértiles e verdescentes prados, que permiten que o gando vacún sexa a principal riqueza destas terras. Mais o noso obxectivo ficaba preto dun antigo porto de paso. Por nós agardaba un descoñecido e singular vestixio dos nosos antergos. No medio desta paraxe natural de primeira, os nosos pasos condúcennos ata unha pequena aldea que fica adurmiñada alí onde o río Dubra agallasa as súas augas ó caudaloso Tambre. Este lugar non é outro que Portomouro, unha parroquia duns catrocentos veciños e unhas poucas aldeas, que tivo moita importancia dende antano. Por onde hoxe pasan as estradas que unen a  monumental cidade de Santiago de Compostela coas fermosas terras do Xallas e de Bergantiños, nace o núcleo principal, coñecido tamén, coma Entepontes. Por aquí pasaba o ramal máis occidental das vellas vías romanas, a Vía XX ou per loca maritima. Detemos o noso paso ante a Ponte dos Mouros, é dicir, a ponte dos antergos. No propio nome deste lugar podemos albiscar a importancia que a figura dos mouros ou antergos ten na historia da antiga parroquia de San Cristovo de Portomouro. Hoxe, xa nada queda da ponte antiga, que disque xa existía antes da chagada dos romanos.

Panorámica do lugar de Portomouro, dende a ponte
Facemos unha parada nunha taberna deste lugar, adurmiñado dende sempre polo caudaloso río Tambre, e preguntamos pola ubicación exacta do noso obxectivo. O vello taberneiro, curtido de experiencia e sabedoría, bo e xeneroso, ergueuse e, namentres nos indicaba como acadar Pedra do Home, bramaba polas inxustizas cometidas sobre ela ó longo da historia. Falounos das vellas tumbas e das saqueadas laxas mortuorias. Contounos que se atopaban no alto dun penedo xigantesco, á sombra dun centenario piñeiro manso, no alto da ladeira. Namentres conversaba, revelounos que antano existían unha ducia de sartegos, pero a maioría desapareceron décadas atrás. Ascendemos por unha pequena estrada ata o lugar de Portomouro d’Arriba. Esta pequena aldea constituía o núcleo principal de poboación, onde antano houbo unha atalaia de vixilancia sobre a ponte antiga que atravesaba o Tambre. Contan os vellos que aló no alto houbo unha antiga fortaleza. Deixamos a igrexa á nosa dereita para coller rumbo ó alto da aldea, onde á fin, acadamos o noso obxectivo.

A Pedra do Home 
Sartegos da Pedra do Home
Ante nós fica a Pedra do Home, unha xoia histórica traballada na mesma pedra, onde aínda podemos ollar de preto as esquecidas tumbas daqueles antergos que viviron unha dura etapa da nosa longa historia. Sobre a xigantesca pedra, chea de covas e cazoletas, así coma de fantásticas formas, aparecen tres sartegos antropomorfos esculpidos sobre ela. Hoxe en día somentes quedan tres, amosándonos  as reducidas dimensións que semellaban ser o común por aqueles tempos. A comezos da Idade Media, os habitantes destas terras comezaron a soterrar os seus mortos sobre estas pedras sagradas, pode que na época sueva. Algúns contan que a Pedra do Home puido ser o auténtico camposanto dos vixías da antiga fortaleza que noutros tempos vixiaba estas terras e os seus dominios. Ó redor deste xacemento, téñense atopado moedas, vaixelas, e xoias, que puideron formar parte das ofrendas dos seus seres queridos que aínda quedaban. Nos bordes deste milenario penedo, descubrimos as atroces marcas da dinamita. Contan que aló polos anos cincuenta, un forasteiro buscatesouros, obsesionado con atopar o lendario tesouro dos mouros, voou con dinamita a pedra e a meirande parte das tumbas. Mais o cobizoso e miserento forasteiro non achou tesouro ningún. Agora as hedras asolagan os vellos sartegos abertos que aínda resisten, traballados na pedra. Xa pouco queda daqueles homes e mulleres. Somentes a auga da chuvia é quen de fundir as súas siluetas co azul do ceo de Portomouro. Para os veciños da contorna, a Pedra do Home segue a ser “cousa de mouros”, un lugar máxico herdado dende tempos inmemoriais, e ateigado de lendas e misterios.

Abandonamos este máxico lugar e a paz destas lendarias terras, na procura de outros moitos vieiros que percorrer. De camiño, imos contemplando a paz e a beleza destas terras milenarias. Seguimos o curso do Tambre, e despedímonos deste antergo Porto dos Mouros. Que non desaparezan nunca os sucos dos antergos en Pedra do Home!

2 comentarios:

Jacobo Muñiz dixo...

Ola, Iván.

Na área de Algeciras, onde vivín uns anos, hai unha enchente de sartegos antropomorfos espallados por toda a bisbarra do Campo de Gibraltar. Penso que poden ser centos. Velaquí unha ligazón que penso que che pode interesar:
http://caminandoporlaprehistoria.blogspot.com.es/2012/03/tumbas-antropomorfas-campo-de-gibraltar.html

I. Iván Fraga Moure dixo...

Jacobo, moitas grazas pola ligazón. Os sartegos que se mostran nas imaxes semellan máis alongados, e incluso se poden ver como cazoletas. Isto recordoume a unha conversa que tiven co meu colega Xoán S. Pazos sobre unha especie de sartegos antropomorfos que achamos moi preto de Compostela.
Tempo atrás estivera visitando un petróglifo coñecido como A Pedra que fala, a medio camiño entre Santiago e Portomouro, e do que farei unha entrada más pronto que tarde. Ó que iba, no alto do petouto onde aparece o susodito petróglifo, e a escasos quilómetros da Pedra do Home, tamén se poden ver variedade de formas alongadas traballadas na rocha que semellan sartegos antropomorfos pero destrozados, laxes acuncadas a medio soterrar e multitude de cazoletas con desaugadoiros. Vaia, un outeiro sacro. Da gusto coñecer estas vellas reliquias das que tan pouco sabemos.

Moitas grazas, Jacobo, e un pracer!