sábado, 17 de marzo de 2012

Montefurado e a cobiza dos romanos


"A mais de todo eso a miña terra
De minas de metales un tesouro
Fechado nas entrañas inda cerra,
Correndo polo Sil pìbodas d' ouro".

Xoán Manuel Pintos, A Galicia

Continuamos percorrendo os antigos vieiros, deixados polas vellas civilizacións que atravesaron esta terra na procura do ouro. Cando os romanos atoparon as refulxentes e valiosas pebidas deste ansiado material precioso no leito dalgúns ríos ourensáns, deu comezo a sonada febre do ouro. O poderoso Imperio mobilizou milleiros de escravos e unha lexión enteira para explotar e dominar as prezadas concas da terra de Auriense, "A Dourada". Mais non somentes atopamos vestixios da minaría aurífera na provincia ourensá; as terras lucenses tamén agochan unha mostra senlleira e importantísima que, polo clima e paisaxe da súa contorna, ben podería pertencer a Ourense. Pola influencia do Río Sil, e pola súa ubicación, goza dun clima mediterráneo, e as enciñeiras constitúen gran parte da paisaxe. 
Túnel de Montefurado
Ós pés das maxestosas e virxes serras do Caurel, a Serra do Ouro; e de Manzaneda, no Macizo Central Ourensán, achamos unha anterga e impoñente mostra da soberbia romana, a mesma que os fixo dominar o mundo. O seu nome é Montefurado, na Parroquia de San Miguel, no Concello lugués de Quiroga. Trátase dunha profunda e xigantesca furna aberta no corazón dunha mole rochosa de enormes dimensións, e que lles serviu ós invasores para dominar o Río Sil e cambiar o seu caudaloso curso. O lugar era unha atalaia natural sobre a contorna. De feito, contan que no alto de Montefurado existiu unha fortaleza chamada Castelo de Pena do Corvo. 
O Túnel de Montefurado tivo que ser un fito para a enxeñaría da época, pois foi construído no século II d.C, baixo o reinado do Emperador Traxano. Antano acadaba os cento vinte metros de lonxitude, pero despois do derrubamento de 1934, causado por unha crecida do Río Sil, somentes conserva cincuenta e dous. Mide uns vinte metros de alto por riba do nivel do leito, e ten unha media de dezanove metros de ancho. 
Montefurado é unha mostra ben significativa da ambición dos romanos, que eran quén de escravizar ata o mesmo Sil, o río máis caudaloso do chan galego, para saciar a súa inesgotable cobiza. Para conseguiren o seu obxectivo de rabuñar e profundar no ventre da montaña, queimaron a mesma pedra, consumindo cantidades inmensas de madeira. Durante centos de días e centos de noites, os escravos talaron as enciñeiras da contorna, baixo o asoballamento de látegos e berros, bágoas e suor. Algunhas das pedras da bóveda aínda semellan calcinadas e borrallentas, namentres os óxidos dos metais que agochan as entrañas mesmas do monte tinguen a rocha. 
O que tanto ansiaban os romanos con esta obra, con esta vella ferida nas entrañas do monte, era desecar parte do río para deixar ó descuberto as innumerables pebidas de ouro, que o Sil fora arrastrando ó longo dos séculos. Os centos de escravos peneiraban baixo o sol cada presa de terra, na procura do cobizado ouro co que se engalanaba o inmenso poder do Imperio máis poderoso da Antigüidade. 
Contan tamén, que nestas fermosas e singulares terras de Quiroga, consérvanse aínda varias minas que, ó igual que Montefurado, procuraban o ouro nestas terras fronteirizas. Entre elas podemos destacar as de Hermidón, A Veiga e Albaredos. 
A vella furna dos romanos deixa ó descuberto as capas da codia terrestre, amosándonos os segredos mellor gardados de Montefurado e a súa dourada historia. O Sil atravesa o monte amosando unhas tonalidades turquesas, e os liques e o musgo visten de verde a parda rocha. O lugar, fai tempo que atopou acougo dos tempos da febre do ouro. Agora, nembargantes, somentes unha enciñeira agónica sobrevive no vertixinoso cantil de Boca do Monte. 

Que endexamais se derrube a vella fazaña dos romanos!

3 comentarios:

Anónimo dixo...

É un placer leer un blogue coma este.
Didáctico, ameno, cercano e con sensebilidade...trasmite - e descubre - a valía da nosa terra.
Noraboa !

navegacruz dixo...

Home Iván!, documentaches outro destino blogueiro común! Moi descriptiva intervención, coma sempre nas túas palabras, hai algo que aprender.
Unha aperta.

I. Iván Fraga Moure dixo...

Certo Navegacruz, a primeira vez que oín falar deste lugar foi no teu blogue, e coma ves, decidín visitalo. A verdade é que valeu a pena.

Saúdos e moitísimas grazas ós dous!