“O tempo toma posesión dun pasado que nunca parte.
Vexo a sombra na sombra, as escritas palavras
a despertar na escrita no papel. Vexo a luz na luz
mentres dormes e o sol imitas. Chega un brando siléncio
violeta e non vexo a noite e desaparece si a leo”
Cesáreo Sánchez, Castromaior. A escrita do silencio
A rentes mesmo do sempre concorrido Camiño Francés, na parroquia portomarinense de Santa María de Castromaior, localízase o castro que deu nome a esta pequena contorna dende os xéneses da nosa longa e turbulenta civilización. As mouras i enferruxadas lousas que conformaban os muros daquela primitiva cidadela de Castromaior, remanecerían da terra e do esquecemento colectivo cos primeiros estudos e traballos arqueolóxicos acometidos a partires do ano 2006.
O Castro de Castromaior foi debidamente catalogado no ano 1992, así como incluído no Inventario Xeral de Xacementos Arqueolóxicos do noso país. Mais a primeira referencia a este poboado castrexo data de moito antes, concretamente do ano 1840, e corresponde aos escritos do político Pascual Madoz. A cronoloxía da exhumación arqueolóxica desta cidadela castrexa comezaría no 2006 cos primeiros estudos que propiciarían os traballos de escavación e delimitación que posteriormente se sucederían até o ano 2013.
A vida en Castromaior comezaría a xermolar na Idade do Ferro, crese que arredor dos séculos V ou IV denantes de Cristo, posiblemente a época de maior esplendor da cidadela, e permanecería habitado até os séculos I denantes de Cristo e o I despois de Cristo. Coa chegada dos romanos, o castro comezaría a ser presa do abandono. A comezos da Idade do Ferro, as vivendas orixinais daquel poboado serían erixidas con madeiros e ramaxes, mais crese que froito dun gran incendio no poboado, comezaríanse a construír posteriormente as pétreas vivendas que hoxe se presentan ante nós espidas, desteitadas e baleiras.
Dende o húmido e verdescente adarve desta ancestral cidadela, soterrada e renacida polo tempo, albíscanse con claridade as pegadas romanas na ordenación e na estrutura dos seus restos; na linearidade das rúas, na angular cuadratura das vivendas, no rexo e monumental acceso ás entrañas do recinto. Segundo os técnicos que levaron a cabo os traballos arqueolóxicos en Castromaior, este xacemento atópase nun bo estado de conservación, polo que ofrece moita esperanza de cara a seguir traballando nel no futuro. De feito, so se ten escavado unha décima parte da totalidade do castro.
Mais se algo ten de especial este xacemento de Castromaior, é que posúe a singularidade de ser o único castro que fica a rentes do Camiño de Santiago. E nin máis nin menos que no itinerario do Camiño Francés. Oxalá algún día poidamos desenterrar a totalidade das ruínas deste Castro de Castromaior para que os milleiros de peregrinos que camiñan ata Compostela, poidan deterse por un intre a contemplar a orixe deste pobo, as fondas raigames desta terra na que “o tempo toma posesión dun pasado que nunca parte”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario