luns, 18 de decembro de 2017

As mouras ruínas do asolagado Castro Candaz


“Caudoso rio, qu'en leito d'ouro
Cruzal-as veigas d'a terra miña,
Sempre antre mainas
E olentes brisas;
Ti, qu'adiviñas d'os altos castros,
D'os llanos secos, d'as mouras ruinas
As cén hestóreas,
Tristes, y-antigas”
Amador Montenegro, Muxenas

Coido que até do mesmo infortunio, ás veces emerxe algo positivo. Iso pensei cando contemplei a furia coa que as xigantescas ondas do mar do Rostro desenterraban os restos do cargueiro portugués “Silva Gouveia”, devorado por este mesmo mar hai cousa de 90 anos, e iso mesmo quixen volver a pensar cando este outono, por mor da seca, albiscaría as “mouras ruinas” do asolagado Castro Candaz. Namentres descendía polos lugares de Mosteiro e Xillán, na parroquia chantadina de Pedrafita, a través dun máxico sendeiro que descende entre infinidade de cepas de mencía cara o recuncho do Miño onde se erixe o Castro Candaz, decateime do moito que está a mudar a verdescente e característica paisaxe da nosa Galiza. 


Como consecuencia da desgraza que están a supoñer as secas, cada vez máis habituais no noso país, o Miño semella outorgarnos o privilexio transitorio de deleitarnos coa presenza dun dos seus meirandes tesouros, o senlleiro Castro Candaz, que dende a creación do Encoro de Belesar quedaría somerxido baixo destas augas doces, frías e transparentes. O Castro Candaz é un pequeno recuncho de inmensa historia onde se mesturan as ruínas dun poboado castrexo e dunha fortaleza medieval. Á marxe dos abondosos prexuízos que a bo seguro puido orixinar a construción do Encoro de Belesar, como privarnos da presenza continua desta histórica alfaia chantadina; parece evidente que o feito de que o castro quedase anegado baixo das súas augas contribuíu en grande medida a que se presente nos nosos días nun excelente estado de conservación. 


Resulta un auténtico privilexio podermos arribar a este histórico outeiro de Castro Candaz e transitar os intricados camiños que conforman as pequenas e cuadrangulares construcións erixidas con negra lousa chantadina. Non resulta doado percorrer estas “mouras ruinas” sen deixar de maxinar “as cén hestóreas, tristes, y-antigas” que agocha o Castro Candaz, este tesouro fuxidío protexido polas augas. Nada máis atravesar o único vieiro de acceso a esta pequena península, orientado cara poñente, decateime do importante que foron dende sempre estas augas do Miño para garantir o porvir e a protección dos seus antigos moradores. Segundo contan os máis vellos, coa chegada do Imperio Romano erixiríase unha fortaleza no Castro Candaz para conter a furia, o asedio e os ataques dunha poboación nativa que loitaba por defender o que era seu.  


Segundo semella testemuñar o memorial nobiliario dos Camba, o forte de Castro Candaz foi fundado polo cónsul romano Lucio Cambero e sería o berce no que se orixinarían as liñaxes dos Camba e dos Taboada. Segundo ten contado tamén o mestre e escritor Manuel Formoso Lamas, durante a segunda vaga de invasións normandas, as tropas viquingas, unha vez coroada a Serra do Monte Faro, rematarían por arribar a Chantada, onde arrasarían a vila, obrigando aos nobres da contorna a refuxiárense no Castro Candaz, custodiado pola familia dos Erice ou Eriz. Coa axuda e protección das tropas do Rei Ramiro I de Asturias, os viquingos non tardarían en ser derrotados. Crese tamén que ó longo da Idade Media, a fortaleza do Castro Candaz puido estar vinculada a algún tipo de porto mediante o cal atravesar o Miño por esta contorna. 


Como tantas outras fortalezas do noso país, o forte do Castro Candaz remataría por ser reducido a escombros durante as Revoltas Irmandiñas, mais pouco tempo despois sería reconstruído por orde da Casa dos Taboada. Nos últimos tempos, e ca fin de cultivar a vide, erixiríanse socalcos arredor do castro que modificarían de xeito significativo a arquitectura de toda esta contorna. Coa creación do Encoro de Belesar, xa na década dos 60 do século pasado, as augas do Miño asolagarían por completo o Castro Candaz e silenciarían para sempre a súa historia. Ás veces, somentes cando o Miño enferma, cando o seu leito ensume por mor das longas secas, emerxen as pantasmas e a feiticeira silueta do senlleiro Castro Candaz. 


Oxalá non tiveramos o pracer de coñecernos, -pensei-, namentres me despedía deste pequeno outeiro de historias afundidas. Oxalá as augas do Miño te asolaguen axiña; no canto de non volver a ollar, endexamais, o celme verdescende da Galiza.

Ningún comentario: