luns, 8 de abril de 2013

O Pan de Cea e a paz de San Pantaleón


“Só o berce nai protexía contra tanto espacio
e o pan da boa avoa alimentábame
sin que eu soubese do milagre,
comíao como comía o medo dos anoiteceres húmidos”.
Ánxeles Penas, Territorio

Nesta particular viaxe polo noso antigo territorio galego, moito temos falado da fertilidade e riqueza das nosas terras, dos centos de ríos e regatos que atravesan e dividen o noso húmido chan. Temos visitado múltiples muíños que fican esquecidos e asolagados pola maleza, e outros moitos que fican coma nos seus mellores días; mais sen actividade. Algúns aínda conservan antigas canles e moas que xa non escachan gran algún. A meirande parte destas vellas construcións fican agora en silencio e soidade, baixo mantos de liques e musgos; baixo o avance insaciable das hedras e silveiras. Mais o certo é que pouco temos falado nesta fraga da razón e do sentido que tiña o traballo dos antigos muiñeiros, das labouras que se desenvolvían nas eiras; onde se mallaba o trigo, o centeo e outros cereais. Pouco temos falado do nobre e duro oficio dos panadeiros e dos segredos que require o noso pan. Nos nosos días, xa ninguén semella peneirala fariña, nin amasala sequera coas propias mans. Resulta desconcertante comprender como unha terra tan fértil como a nosa foi esquecendo o xeito máis artesán de elaborar o seu pan; o seu máis básico sustento. Semella que gran parte da elaboración artesá do noso alimento máis necesario se foi perdendo co paso do tempo. Por iso non dubidamos en visitar unha terra que non renunciou a seguir facendo o mesmo pan que facían os seus antepasados. Encamiñámonos pois ata o concello ourensán de San Cristovo de Cea. Este fermoso lugar da Comarca do Carballiño representa un dos lugares con máis historia panadeira do noso territorio, unha comunidade de artesáns que, xeración a xeración, seguen a manter con vida o segredo do pan dos abades de Oseira


A historia conta que os abades do Mosteiro Cisterciense de Santa María A Real de Oseira, xa dende antano realizaban tarefas de moenda i elaboración do pan. Isto lembrounos ás labouras vitivinícolas impulsadas polos monxes da Ribeira Sacra, e os muíños do Mosteiro de San Xusto de Toxosoutos. Nun antigo censo do ano 1752, realizado polo Marqués da Ensenada, a meirande parte dos veciños de Cea xa foran inscritos como panadeiros, e no mesmo documento foron rexistrados unha ducia de fornos. A estratéxica situación de Cea, á beira da estrada que conduce a Santiago, fixo posible que a sona do seu pan medrara alén da Provincia de Ourense. O seu produto, a bo seguro que tamén foi deixando bo sabor de boca a moitos peregrinos que pasaron polo antigo ramal do Camiño de Santiago, coñecido como Camiño Mozárabe. Nos nosos días, este pan é máis que recoñecido polos galegos e goza dun selo de Indicación Xeográfica Protexida, que garante a súa orixe e laboura artesá. Sabiamos, denantes de entrar no Forno da María Xosé, que este pan de dura cortiza e saboroso axudaría a acougar a nosa fame canto menos uns tres días. Por moitos é coñecido a longa vida deste pan. A bo seguro que este antigo produto segue con vida, non somentes polo feito de ser pan, senón máis ben polo proveito que se lle ten sacado; especialmente en tempos de fame. A cordial panadeira abríunolas portas do seu fogar e acompañounos ata o calor do forno de pedra. Falounos do proceso que require o seu produto, que consta de diferentes fases como as de amasado, repouso, enfornado, cocción ou rever. Tamén nos dixo que é posible atopalo en certos establecementos comerciais das principais cidades galegas. 


Logo dunha interesante conversa e de mercarlle un par de moletes, a panadeira de Cea despediuse de nós cun ledo sorriso. O que máis chamou a nosa atención foi ver como nestas terras se sigue a elaborar un produto artesán e tradicional dende a propia casa. O certo é que non debería ser doutro xeito. Amais deste forno da María Xosé, co que fomos dar fortuitamente, Cea conta cuns vinte artesáns que manteñen con vida esta cultura herdada de pais a fillos. Deixamos tras de nós o calor do forno para proseguir co noso camiño. Denantes de liscar das terras do Carballiño, decidimos facer unha parada a carón da Capela de San Pantaleón, no lugar de Viduedo. A meirande parte das vivendas que arrodean a igrexa fican derrubadas e orfas. Aquí respírase paz e tranquilidade. Somentes unha parella de peregrinos foi quen de rachar o silencio do lugar. O interesante é que logo de visitar Viduedo, soubemos que neste lugar consérvase a parella de xigantes máis antigas do País, duns tres metros de altitude, e que son coñecidos como Almazonas. Participan cada ano na procesión en honor a San Pantaleón. Deixamos tras de nós estas terras de xeracionais panadeiros cavilando na importancia da laboura do noso alimento máis básico, na súa composición e elaboración; nos nosos corpos. Comamos pois, un simbólico anaco de Cea, desexando que en ningún fogar galego falte nunca un cacho de pan!

2 comentarios:

Tín Herva dixo...

Parabéns !
Noraboa emocionada !
O País pode estar orgulloso de ti !
Nunca fallas. Sempre estás.
Cada vez que escribes, descubres e reivindicas o noso. Con xeito. Humilde , pero combativo...transmitindo sempre amor, orgullo e cariño, a prol das nosas tradicións...
noraboa !.

I. Iván Fraga Moure dixo...

Prezado Agustín, agrdécese moito escoitar verbas como as túas. Xa sabes que algúns adicamos moito tempo das nosas curtas vidas ás paixóns, mais sonche sans enredos cos que matar o tempo nesta nosa feiticeira terra. Lembra que esta fraga está feita para todos vós, os meus bos e xenerosos lectores. Ese é o meu orgullo. Grazas tamén por non deixar de pisar este chan de labirínticas "Reigames". Unha aperta, mestre, e deica pronto!