mércores, 2 de xaneiro de 2013

Retorno a San Andrés de Teixido


“Ofrecinm'a pan e auga 
a San Andrés de Teixido. 
Quixera, bendito santo, 
me dèses logo marido. 
(…) 
Chamoum'un mozo bonita. 
¡Nunca por Dios m'o chamara! 
Que dend'estonces sosego 
non vexo n'a miña alma 
(…) 
Escoitando cal ruxía 
auguiña de certa fonte, 
deixei n'ela moitas bágoas, 
pensando n'a miña sorte”. 
Marcial Valladares. Cantigueiro Popular 

Ás veces, paga a pena voltar a eses lugares senlleiros, máxicos, e marabillosos que se agochan nos lugares máis auténticos do País. Cumpríanos voltar a un deses encraves con tanta sona e de sobra recoñecidos. Cumpríanos retornar ó Santo Andrés de Teixido, no corazón da antiga Britonia, e ofrecernos á paz e á fe que neste lugar se respira. Na nosa primeira visita, xa coñeceramos gran parte da maxia e fermosura que aquí conflúen, os milagres e o balbordo das romarías, mais precisabamos voltar coma se algo nos chamara dende a profundidade do pequeno val de San Andrés. Era coma se o San Andrés de Cabo do Mundo levara xa tempo agardando por nós.


Viaxamos ó extremo norte da provincia da Coruña, ata as esgrevias e feras costas ártabras, antiga terra da Britonia, eternamente azoutada polos ventos do norte, e por dous mares asasinos. Estas costas afastadas, fican illadas do mundo pola ergueita e cruel Serra da Capelada, que se ergue por riba dos seiscentos metros, entre os concellos de Cariño e Cedeira. Recalamos nesta última vila mariñeira para tomar folgos e descansar da longa viaxe. Namentres tomabamos un refrixerio, preguntamos a un camareiro como chegar a San Andrés, xa que da outra volta accederamos á Capelada dende a pintoresca vila de Cariño. Foi entón cando o afable cedeirés nos dixo: “ouh! San Andrés está esperando por vós!”. Nese intre, non fomos conscientes do significado daquelas proféticas palabras.


O camiño non é doado, e ascende a duras penas por esta serra núa, cuberta somentes pola presenza illada de piñeiros mansos, que semellan resistir o embate constante do vento e a salitre. Paramos a xantar nun pequeno bosque baixo a sombra dun xeitoso piñeiral que medraba no Alto dos Cadrís, un dos macizos principais desta Serra da Capelada. Cabalos e vacas pacen con sosego, mantendo a verde herba a rentes do chán, e converténdoa nunha verdescente e xigantesca alfombra que cobre as ladeiras. Pequenas matogueiras de toxo, podados polos ventos e polas bestas, aportan singularidade e fermosura a este descoñecido lugar. Avanzamos cara o extremo do macizo, e atravesamos o coñecido como Bosque Petrificado, unha ladeira de verde céspede cuberta por grandes petoutos afiados que semellan saír do chan, coma se foran os restos petrificados dun antigo bosque sagrado. Sobre de nós arremuiñábanse os trebóns, as escuras nubes ameazantes que sempre atravesan estes ceos. Non tardará en chover.

De súpeto, namentres descendiamos para asomarnos ó Alto dos Cadrís, apareceu ante os nosos ollos a pequena aldea de San Andrés de Lonxe, a aldea das romaxes dos solitarios, a esperanza dos corazóns namoradeiros. Aló embaixo, de xeito case milagroso, ollamos a ducia de casas que se amorean en torno ó belido e dominante santuario. Este pequeno lugar, que constitúe un dos centros espirituais de máis sona do noso País, acubíllase no fondo dun pequeno e vertixinoso val atravesado polo río Condomiñas. Santo Andrés de Teixido fica alí, dende tempos inmemoriais, agochado nas entrañas mesmas dunha fértil e verdescente devesa que aparece de xeito milagroso ós pés dos xigantescos cantís da Capelada. San Andrés olla ó mar con desconcerto, tan próximo e tan alleo, tan fermoso e asasino. De súpeto, namentres a beleza daquel val se abría ós nosos ollos, unha intensa raiola de sol iluminou, aló embaixo, o pequeno lugar e o pequeno santuario, facendo relucir a brancura das paredes e o verde das pradarías. As nosas sombras, e as dos penedos, apuntaban cara San Andrés. Foi entón cando nos enchemos de emoción, coma se acabaramos de presenciar un milagre da terra. Agora si que comezaba a parecer que San Andrés estaba a agardar por nós. Proseguimos a nosa particular romaxe, e pasamos a carón das ergueitas cruces onde os peregrinos depositan unha pedriña coma proba de que eles foron a San Andrés de vivos. Alí deixan parte dos seus soños e das súas ilusións. Alí depositan unha pedra de esperanza. Continuamos o descenso e pasamos preto da vella calzada romana que conducía a San Andrés, proba evidente da importancia desta peregrinación dende tempos inmemoriais. Contan os sabios que este lugar foi o fogar de antigos e importantes cultos precristiáns, xa dende a época castrexa. Os antergos acharon aquí, ó igual ca nós, unha das paraxes máis máxicas, lendarias e fermosas da vella Gallaecia
Namentres continuabamos de camiño a San Andrés, unha fermosa vaca branca, cuberta cunha densa pelaxe pra resistir o duro clima da Capelada, apareceu ante nós no medio e medio do camiño. Naquel intre, ven ás nosas mentes a lenda que fala da importancia de non entorpecer o transcurso dos animais de camiño a San Andrés. Este santo chegou polo mar, e sufriu, coma tantos outros navegantes, un naufraxio ós pés destes esgrevios cantís. Coma compensación polo sufrimento, concedéuselle o privilexio de contar coa máis importante das romarías, á cal tódolos homes e mulleres debía acudir, senón de vivos, faríano de mortos.


E contan tamén, que aquel que ten a desgraza de non coñecer este lugar en vida, debe peregrinar a San Andrés de morto, en forma de animal. Por iso non ousamos perturbar á branca e inocente vaca, que nos ollou cunha mirada altiva e fachendosa. Ela mesma foi a que tivo a ben facernos camiño. 
Finalmente, chegamos a San Andrés cos corazóns cheos de ledicia e espranza, e coa mente chea de desexos e ilusións. É dificil de explicar, mais cando un entra en San Andrés de Teixido, algo lle di que se atopa nun lugar máxico, único no mundo.


Un gato negro e ben mantido crúzase ante nós xusto antes de penetrarmos na aldea, coma se nos estivese a dicir que entramos nun territorio de maxia e fantasía.
Seguimos a única rúa do lugar, entorno á cal se amorean as pequenas casiñas brancas, todas elas arredor do santuario. Non se escoita nada, somentes o balbordo do mar e o canto dos paxaros.
Os nosos pasos sobre o chan enlousado semellan rachar o incrible silencio deste afastado lugar. A roupa colga ó vento, e o arume do fume das lareiras envolve esta pequena aldea de menos de cincuenta habitantes. As portas das casas fican abertas, e delas aparecen os vendedores e vendedoras de recordos, rosquiñas, ou produtos da terra. Estes pequenos e coloridos postos ofrecen tamén unha parte importante das tradicións de Santo Andrés. Os “sanandresiños”, xeitosas figuriñas de miga de pan seco pintadas de rechamantes cores, recrean arcaicas e simbólicas figuras que se levan coa espranza de que se cumpran os desexos. Cada unha delas ten o seu significado, e adoitan venderse nestes pequenos postos. As ceras, bastóns, velas, recordos da romaxe, e tamén a célebre e milagreira herba de namorar, están presentes entre a atractiva mercadoría destes comerciantes. Tódolos edificios amosan a mesma arquitectura, paredes de pedra encaladas con algunhas pedras ó aire, e cubertas de lousa ou tella do país, con ameas apuntadas nos bordes do tellado.


A igrexa, situada na parte baixa, e ó mesmo tempo no centro da aldea, comparte todas estas características. O seu elegante campanario érguese sobre do resto de vivendas, e domina a paradisíaca veiga na que se sitúa este remoto e lendario encrave. O santuario de Santo Andrés olla eternamente ó mar e ós feros cantís, semella contemplar con tristura e severidade os máis fermosos solpores do Cabo do Mundo. Camiñamos cara o adro, e ante nós aparece o pequeno paradiso onde foi medrando este lugar. Os salgueiros e os ameneiros seguen o curso dos regatos ó longo e ancho das verdes i extensas pradarías. As vacas pacen sobre a herba miúda e verdescente, namentres dúas aguias namoradas sobrevoan o pequeno camposanto que se albisca na outra cara do val.


Ó lonxe ollamos os cantís, e os xigantescos farallóns cheos, tamén, de lendas e misterios. Nisto reside gran parte da beleza e o misterio deste lugar; unha aldea situada nunha paraxe rural, cun horizonte mariñeiro, ó pé dos cantís máis altos de Europa. 
Tomamos o camiño que descende ata os cantís, e a poucos pasos atopamos a Fonte dos Tres Canos, da que emerxe a auga sagrada deste lugar. A fonte garda a mesma esencia arquitectónica e constitúe un dos lugares máis importantes da tradición. Deixamos aboiar os nosos desexos na auga da fonte, que non tarda unirse ó resto de regatos que descenden por esta ladeira chea de vida e fertilidade. Bebemos dos tres canos da Fonte do Santo, e deixamos a mente voar.


A fonte está arrodeada dunha paraxe de gran fermosura, un pequeno bosque de árbores de retorcidos troncos e ramaxes, un lugar máxico que semellaba saír das nosas lendas máis remotas. O camiño atravesa unha pequena fervenza que trae abondosa auga para os prados. O noso vieiro sálvaa cunha pequena ponte de pedra. Somentes nun lugar máxico como San Andrés, pode un camiñar sobre a escuma dunha fervenza ateigada de desexos que buscan o mar. Un pequeno muíño recolle as augas de tódolos pequenos regatos que serpean a través dun chan de verde e fresca herba miúda. Máis aló, o camiño atravesa os derradeiros terreos, completamente enchoupados e lamacentos.


O vieiro morre ó pé dos cantís que se precipitan no océano, cubertos de herba de namorar. 
Retornamos á aldea de vagar, fatigados e marabillados a un tempo. Sentímonos como ananos ante a grandeza do lugar e a inmensa fermosura que o arrodea. Unha luz máxica envolve este pequeno paradiso, o vento cambia a feitura e a cor do ceo, e ó lonxe contémplase a marusía que emerxe da batalla do mar na profundidade dos cantís. Mais unha raiola de sol segue a iluminar San Andrés, perfilando a súa presenza sobre da escuridade dos cantís. Achegámonos de volta á igrexa, para fitar a súa fachada por última vez, para dármonos conta de que estabamos ante o sacro santuario dos namorados. Un grupo de pombas ergueu o voo dende un lateral da igrexa, e comezaron a arremuiñárense sobre de nós, izando o seu voo, e rachando o silencio impenetrable deste lugar. Coma se dunha mensaxe se tratara, semellaba que os nosos desexos comezaban a voar. Non cabe dúbida de que os animais son portadores de gran parte da maxia deste Cabo do Mundo. 

Namentres nos despediamos, as pombas afastáronse cara o horizonte, e comprendemos que facía tempo que San Andrés de Teixido agardara por nós.

2 comentarios:

Anónimo dixo...

xaneiro e non janeiro

Anónimo dixo...

xa estuven e encantoume todo