xoves, 5 de xullo de 2012

Ponte de Gundián e os canóns do Ulla



"Non quero fozar n'a terra;
de bróa estou xá ben farto;
quero a Cáis ir ou à Habana,
por ver se xunto algun carto.
Anqu'è bóa terra ä Ulla,
n'ä Ulla pouco se gana.
Vóucheme, Rosiña, vóucheme,
a probar sorte n'a Habana".

Marcial Valladares. Cantigas da Ulla


Os ríos foron, dende sempre, obstáculos a salvar para multitude de camiños. O ser humano tivo que deseñar todo tipo de pontes para vadear as profundas concas formadas polo laborioso traballo das augas. Galicia, o país dos mil ríos, o verxel da auga -quente e fría, doce e salgada-, e dos milleiros de mananciais, tivo que ser tamén a patria das infindas pontes. A evolución destas construcións tan necesarias foi longa, e experimentou cambios inimaxinables noutras épocas. Dende as primeiras pontes romanas, coma a que salva o Bibei nas afastadas ladeiras do Valdeorras, ata a colgante e vangardista ponte de Rande, un logro da enxeñaría das últimas décadas; pasando polas pontes medievais, coma Ponte Maceira, a medio camiño entre o Románico e o Gótico; e outras de orixe renacentista, como a de Brandomil. Restábanos, porén, achegarnos ata unha ponte cunha historia máis curta, mais non por iso menos fermosa.
O vello río Ulla nace na parroquia de Olveda, no estratéxico concello lugués de Antas de Ulla. Dende alí, atravesa cento trinta e dous quilómetros dividindo as provincias de A Coruña e Pontevedra, ata desembocar en Catoira, á sombra das Torres de Oeste. Mais antes debe atravesar os esgrevios macizos que se erguen ó sur da capital compostelá, dominados polo solitario e maxestoso Pico Sacro. O resultado son unhas profundas e vertixinosas gorxas que se abren paso entre os meandros que o curso do río vai debuxando. Son terras fértiles, as dos vales do Ulla. A súa paisaxe fica virxe, enfeitizada de vida e beleza. O río agasalla abondosas anguías, troitas e lampreas; e as ladeiras amosan pequenas pero mestas fragas de árbores autóctonas. As árbores agarran as súas raigames nos rochosos e esgrevios desfiladeiros, namentres as aves rapaces sobrevoan os dominios do Ulla. Dende antano, esta terra tan fermosa como impracticable, foi un obstáculo para moitos camiñantes que chegaban a Compostela dende o sureste. Os peregrinos que aínda hoxe percorren a antiga Vía da Prata, atravesan o Ulla en Ponte Ulla, aldea que debe o seu nome precisamente á súa condición de paraxe a carón da ponte. Mais cando chegou o ferrocarril dende Castela, as cousas comezaron a mudar nestas terras do Ulla, e os vellos camiños foron morrendo a favor de outros máis novos que trouxeron consigo o progreso e a modernidade.


Aló polos anos cincuenta, facíase necesario crear unha nova vía férrea para unir a capital de Galicia con Castela, a través dos vellos camiños. Nembargantes, os profundos canóns do Ulla resultaban un obstáculo insalvable. Seguindo o espírito da época, as autoridades ordearon deseñar e erguer unha xigantesca e colosal ponte de pedra sobre o máis estreito, pero tamén o máis esgrevio, de tódolos canóns do vello río. Tratábase do viaduto de Gundián, na parroquia de Ponte Ulla, entre os concellos de Vedra e A Estrada; terra de fidalgos e de pazos, de señoríos e camelias. As obras, de gran dificultade técnica, remataron no ano 1958. O resultado foi un viaduto de proporcións e características nunca antes vistas non chan galego. Os seus oitenta e catro metros de altitude resultan sobrecolledores, e o seu rústeco aspecto, modificaron por sempre a imaxe do desfiladoiro de San Xoán da Coba, a carón dun antigo cenobio do século IX. A ponte semella erguerse nun complexo e perfecto xogo de equilibrio, instalada sobre dous xigantescos piares chantados na rocha, e que sustentan un soberbio arco lixeiramente apuntado. Tres enormes arcos de medio punto a cada lado, permiten salvar as ladeiras máis elevadas. Dende abaixo, o impoñente viaduto sobrevive sostido nun inexplicable equilibio, dominando os vales máis profundos do Ulla. Non resulta estrano pensar que esta obra colosal sexa un punto imprescindible para os ousados amantes do puenting.
Hoxe en día, nembargantes, a impoñente ponte de Gundián perdeu o señorío que tivo noutrora sobre a gorxa de San Xoán da Coba. Agora, o xigantesco e ousado viaduto do AVE domina toda a contorna, e se sobrepón á vella ponte do ferrocarril, á sombra dos faraónicos piares do seguinte paso do progreso. Porén, a ponte de Gundián segue a ser obxecto de visitas, paraxe obrigada para multitude de peregrinos que se seguen a asombrar ante a impoñente silueta do vello viaduto. O tren segue a pasar sobre del, mais os rexos piares resisten ó tempo. Segue a ser porta de entrada, mais tamén de saída. No corazón de tódolos galegos seguen a ficar presentes todas as vidas de tantos e tantos emigrantes que colleron o tren con destinos incertos, mais sempre coa espranza posta nun futuro mellor. Quen sabe cantas bágoas derramaron os galegos sobre a vella e impoñente ponte de Gundián, sobre a gorxa de San Xoán da Coba!

2 comentarios:

Agus dixo...

Segue mergullandote nesta nosa Galiza e descubrindo os milleiros de rincons maxicos da nosa terra nai. Noraboa polo teu traballo e por conseguir informar e emocionarnos en cada entrada. Agus.

I. Iván Fraga Moure dixo...

Moitas gracias, Tinín!. É tamén un privilexio que visites esta fraga. Unha aperta, amigo!