xoves, 19 de febreiro de 2009

Pantallas, Cigarróns e Peliqueiros


"son máscaras de entroido
que esconden o gume das súas follas
nun estoupido de lámpadas amarelas.
Unha acacia ou mimosa nun entroido, hai anos,
partiume a lingua en dous"

Marilar Aleixandre

En Verín, na terra das mellores augas minerais e menciñeiras, e baixo o histórico dominio do Castelo de Monterrei, os máis cativos tamén cargan coa longa e xeracional herdanza do entroido. As pantallas de Xinzo da Limia, os cigarróns de Verín e os peliqueiros de Laza, conforman e dan vida ao Triángulo Máxico do Entroido galego. O Entroido nestes lugares vívese coa ledicia que deixan os derradeiros raios deste inverno, co recendo a laconadas e filloas, coa saída da Morena de Laza e as súas “adestradas” formigas. Na Limia, a pataca é a estrela dos cocidos, e os viños de Monterrei nada teñen que envidiarlle ás súas inmellorábeis augas, nas tabernas. Agora é o turno de Xinzo, Verín e Laza, onde o Entroido máis auténtico agocha tralas máscaras as singulares xentes que fan posíble cada ano que en pequenos lugares coma Laza non caia no esquecemento a súa máis antiga e sonada festa. Por moitos Entroidos en Xinzo, Verín e Laza!.

6 comentarios:

Xoán S. Pazos dixo...

Na Galicia o antroido é case que unha institucion, e máis no sur de ourense. Espero que nunca cheguen a perderse estas tradicións, das máis antigas que conserva a nosa nación.

Un saudo dende Compostela
e saude, sorte e república!

Rosalía Fernández Rial dixo...

Pasei por esa zona dous entroidos...
Festa, amigos, disfraces, tradición...días incribles, repletos de momentos memorables.

Unha grande aperta
e saúdos aos Mouros.

Anónimo dixo...

Ola
Fermosa foto...!
O entroido neses lugares ten un valor especial.
E é un referente para moita xente, a hora de elexir un lugar de Galicia donde se viven con maís paixón o entroido...
Esta festa representa a libertade, a imaxinación,a festa,a ironía,o humor....

Un abrazo e grazas por pasar por mín.

Anónimo dixo...

Pois eu que queredes que vos diga? O mellor Antroido do mundo celébrase nun pequeno pobo, unha inmortal aldea filla da Galia asteríco-obelística, chamada Fisterra. Alí non hai romanos (chamémoslle así, por facelo dalgunha maneira, á moderna caste dirixente) que cheguen para calar as voces libres e inxeniosas dos heroes do Parnaso paródico-satírico local. O Antroido fisterrán, malia as adversidades, é un referente indiscutíbel da nosa identidade. Oxalá nunca desapareza, que viva sempre por séculum seculorum. Amén.
Xeiteiro

Carvalhais dixo...

Boas, pois eu acabo de chegar de celebrá-lo entroido por esses lares! Saúde

Unknown dixo...

Grazas a todos polos vosos comentarios. Non sei se este será o mellor entroido de Galicia, pero dende logo, é o máis distinguido e antergo.
Carvalhais, espero que disfrutases moito deste triángulo máxico do sur de Ourense. Unha forte aperta a todos.