domingo, 10 de abril de 2016

O menhir morañés de Lapa de Gargantáns


“Que me bañe algún día o teu siléncio
pleno de area e sal e uvas amargas.
Quero soñar que irei para perderme
alá onde ancoran todos os navios
e ser pedra de lava, laranxeiro
que chanta sobre ti raíces firmes,
ou aquel neno remoto que regresa
para a matriz da luz, a un tempo inmenso”
Xosé M. Millán Otero, Escolma poética

Xa facía tempo que adoecía por coñecer outro menhir galego como o de Pedra Chantada, outro cabeiro granítico que emerxa das enxivas da terra para falarnos dos milleiros de días e de noites, dos centos de outonos e primaveras que atesouran as súas raigames. Desta volta dirixiríame cara o interior da provincia de Pontevedra, e máis concretamente cara o lugar de Paraños, na parroquia de San Martiño de Gargantáns, no Concello de Moraña. Andaba na procura da senlleira Lapa de Gargantáns, o meirande símbolo deste concello da Comarca de Caldas

Este menhir pontevedrés, perfectamente sinalizado dende o centro da vila de Moraña, presenta unha morfoloxía cónica, base cadrada, lados curvos e atesoura uns escasos dous metros de altura e uns aproximados 50 centímetros de diámetro. Nembargantes, crese que puido ser seccionado e desprazado, e que orixinalmente podería acadar unha altura duns 2 metros con 40 centímetros. 

Achegueime até estoutro senlleiro monumento megalítico do chan galiciano. Este é, xunto co de Pedra Chantada, no concello lugués de Vilalba; un dos poucos menhires que atesoura este noso vello país. Palpei aquela granítica e milenaria chanta, aquel símbolo do Concello de Moraña, aquel cabeiro de cuarzo, mica e feldespato que semella erixir da cortiza da terra. Na súa pel, curtida de musgos e de liques, aparecen tatuadas numerosas cazoletas e gravados serpentiformes. Este milenario monumento, que semella ter a súa orixe entrámbolos anos 3500 e 2000 denantes de Cristo, chegaría a funcionar de linde fronteirizo para separar as parroquias de San Martiño de Gargantáns e Santa Xusta de Moraña. Esta Lapa de Gargantáns, este menhir pontevedrés protagonista do escudo de Moraña, foi achado no ano 1958 por un mestre da parroquia; Don Carlos Paratcha Vázquez. Este mestre acharía tamén neste mesmo concello, a Cabeza de San Pedro; un pequeno e misterioso busto. 


No ano 1980, o menhir sería trasladado uns 500 metros da súa localización orixinal onde, como dicía, servía de marco fronteirizo entre as parroquias de Gargantáns e Santa Xusta. Moi preto deste milenario monumento, nun outeiro adormecen baixo terra, a bo seguro arruinados pola voracidade das raigames dos eucaliptos, os restos do Castro de Paraños. Esta é, sen lugar a dúbidas, unha contorna rica en achados e xacementos arqueolóxicos. Lisquei de San Martiño de Gargantáns cavilando e barallando as posibles razóns que levarían ós nosos antepasados do Neolítico a erixir este tipo monumentos; quen sabe a morte, as crenzas, os astros, a fertilidade ou os límites territoriais. Mais se algo me preocupaba namentres me ía, se algo me entristeceu ó deixar tras de min estoutro impresionante menhir, foi a pouca esperanza que tiña de volver a achar algún día outro monumento semellante, outro cabeiro granítico e milenario que emerxa das húmidas terras do chan galiciano. 

Ningún comentario: