"¡Ouh bardos galaicos! saúde e boanza:
a vos miña lira, meu pátreo ideal.
Loitá con esforzo, xa qu'eu malandanza
topei d'estas augas no peso brutal.
E as augas responden
con férvedo són.
¡Mais pesan as ondas
do mar da ambición".
Francisco Mª de la Iglesia. D’o mar e d’a terra
Unha boa mañá de 1872, Don Sabino Enrique Peinador Vela camiñaba polas daquela aínda descoñecidas Terras do Condado, fogar de canteiros, e auténtico paradiso no corazón das terras pontevedresas. As súas investigacións na Facultade de Menciña levárano a organizar unha expedición para coñecer de primeira man as características das augas da conca hidrográfica do Tea. Antigos documentos que atopara, xa falaban das singulares propiedades destas augas milagreiras. Coa compaña dun amigo enxeñeiro, penetrou nas fértiles e verdescentes terras que se estenden entrámbolas beiras do vello río Tea. De súpeto, unha curiosa poza chamou a súa atención. Non era máis que un pequeno depósito de auga que emerxía das entrañas mesmas da terra. Nembargantes, a auga nacía acompañada de infinidade de burbullas, emitindo un intenso cheiro a xofre.
Hoxe sabemos que aquel manancial, coñecido como a Fonte da Gándara, xa fora empregado polas antigas civilizacións que antano poboaron estas terras. Hai quen mesmo di que os romanos estableceron aquí unha estación termal, coma fixeran noutros moitos recantos da vella Gallaecia. Xa na Idade Media, o lendario Rei Don Dinís de Portugal viaxaba ata aquí para tomar as augas, ademais dos cabaleiros do veciño Castelo de Sobroso. Mais Don Sabino ignoraba a veneración que os antergos xa amosaran por esta fonte dende o alén da historia. Limitouse a recoller mostras para futuras análises. Unha vez analizada a auga no seu atafegado laboratorio, descubriu que se trataba dunha auga carbogaseosa bicarbonatada cunha alta concentración de metais coma o sodio e o ferro. El, médico coma era, sabía que aquelas augas eran beneficiosas para previr problemas de fígado, dos riles, do aparato dixestivo, e mesmo da circulación. Ademais, o seu lixeiro PH de 6,3 facíaa apta para ser bebida, e para proporcionar reconfortantes baños e fregas. Non tardou en darse conta do enorme potencial das augas de Mondariz, e os seus herdeiros foron erguendo un complexo hostaleiro-menciñal arredor da fonte da Gándara. O dezaseis de xuño de 1873 nacía o balneario que tanta prosperidade traería a este pequeno lugar perdido no corazón do Condado pontevedrés. Foi tal a riqueza que trouxo consigo, que esta parroquia de pouco máis de seiscentos habitantes, puido emanciparse do termo municipal de Mondariz, sendo coñecida dende entón coma Concello de Mondariz-Balneario.
Pronto comezaron a chegar os primeiros visitantes. Eran xente adiñeirada, pertencente á burguesía das cidades, que viña a toma-las augas e coñecer a beleza e sosego que este lugar ofrecía. Na contorna da fonte, comezaron a medrar novas instalacións, equipadas con todo o que esta esixente clientela requiría. Erguéronse teatros, alamedas e parques; e construíronse sanatorios e mesmo unha factoría embotelladora que permitiu a Mondariz dar a coñecer as súas augas máis alá das fronteiras da nosa terra. A Fonte da Gándara, berce orixinario deste poderío, foi engalanada cunha soberbia cúpula modernista, decorada con elegantes e rexas columnas. O manancial foi canalizado, e as súas augas foron divididas para que unha boa parte das mesmas fora destinada a surtir as bañeiras de auga quente, morna e fría das que gozaba a adiñeirada burguesía da época. Nembargantes, instalouse un cano ó aire libre, embaixo desta soberbia cúpula, para que calquera visitante puidera disfrutar e coñecer os beneficios desta auga milagreira. Enriba, instalouse unha campá de forxa e vidro, a través da cal podemos seguir marabillándonos co milagre da auga que emerxe entre burbullas nas terras de Mondariz. Nos nosos días, o de Mondariz é un dos complexos termais máis recoñecidos a nivel europeo e estatal, e xunto coa Toxa constitúe o encrave máis fundamental do termalismo galego.
Que estas augas milagreiras sigan a traer saúde e prosperidade para os veciños de Mondariz!.
2 comentarios:
Parabéns compañeiro !
Segues a facer a grande Enciclopedia Galega -tan valiosa e variada !!!-
...
Ainda que non che escriban, que saibas que hai centos de seguidores orgullosos de perderse en tantos recunchos-marabillosos - da nosa terra.
Apertas desde o Tambre !
Agustín
Benquerido Agustín, debemos seguir facendo camiño, achantar as silveiras e mirar cara adiante. Somentes a diáspora ou a morte poden frear as miñas viaxes.
Unha aperta e grazas por todo canto me tes ensinado naqueles seis meses de prácticas, e tamén por seguirme nesta fraga.
Saúde e terra, Agustín!
Publicar un comentario