venres, 28 de novembro de 2008

Illa de San Simón, A Estación das Almas


"Sediam'eu na ermida de San Simón
e cercaronm'as ondas, que grandes son,
eu atendendo ao meu amigo,
eu atendendo ao meu amigo"

Mendinho

As aves da díáspora, que a rentes do mar surcan camiños, deixan de voar e peteiran na beiramar da enseada de San Simón, na Ría de Vigo. Quizais sexan as mesmas que a semana pasada, e mesmo nos días de Pondal, aproveitaban as correntes do incesante e sempre presente vento das Sisargas. As aves de paso e as súas tradicionais visitas foron as vivas liberdades que soñaban os presos do cárcere de San Simón. O ensanguentado chan do campo de concentración e estación final de almas republicanas, socialistas e comunistas durante a Guerra Civil, foi tamén mosteiro, lazareto e orfanato. Na Idade Media ficou na inspiración de Meendinho i estivo habitada por templarios e franciscanos de curta estadía. En 1702, a illa foi esceario e testigo presencial da Batalla de Rande; loita cos ingleses polo sempre prezado ouro e xoias chegadas da América, nos fatigados e trunfantes galeóns da Coroa de Castela, saíndo estes derrotados. Agora os asolagados navíos agochan lenda, tesouro e historia baixo o mar das ondas de Mendinho. En 1859, a illa é saqueada por piratas ingleses do talle de Francis Drake. Semella que os pasos da historia escollen bo sendeiro, xa que en 1999, a illa é recoñecida coma Ben de Interese Cultural e recentemente habilitada e convertida en centro de recuperación da memoria histórica. Agora esta illa fica solitaria e toma folgos para seguir sendo refuxio de aves, leprosos, piratas, monxes, falanxistas, comunistas ou poetas. Seguirá sendo a estación das almas de paso, residencia de estadías indesexadas.

3 comentarios:

Xoán S. Pazos dixo...

A inspiración dun dos grandes poetas da nosa historia literaria e dun dos primeiros poemas na lingua galega, foi tamén unha das imaxes principais da nosa vergoña. Menos mal que hoxe tense convertido no contrario ao que sempre quixeron algúns que fora.
Esperemos que siga a ser durante moito tempo fonte de inspiración, e nunca máis de dor e sufrimento.

Saudos dende Compostela

Xoán

Anónimo dixo...

Gracias Xoán, sempre son agradables os teus apuntes e fieis comentarios. Un saúdo e gracias por adentrarte rutinariamente na fraga.

Anónimo dixo...

Un post moi interesante amigo Iván;o título xa de por sí é moi suxerente, polo que che felicito doblemente.Un saúdo .