"Amar amas con son ainda máis
ama o sol incendiando o horizonte
de amarelos e malvas".
Cesáreo Sánchez
Este pasado mes de outubro deixou fermosos solpores nos horizontes galegos. En Corme, os atardeceres mesturan as cores do ceo coa branca escuma do mar do Roncudo. O mellor percebe é o combatente e residente milenario dos cons desta punta, onde o mar bate con furia. O mar de Corme marca para moitos o comezo da Costa da Morte, pois as súas augas agochan traxedias marítimas ó longo de toda a historia. En 1879, O Óscar, un vapor de bandeira austríaca, embarrancou nos baixos das Barrosas do Roncudo e afundeu logo de rachar á metade. En 1907, a espesa brétema da noite tamén fixo naufragar ó pesqueiro Gladiator, pero non levou consigo vidas, xa que os seus trece tripulantes conseguiron salvarse.
A Pedra do Roncudo, berce do mellor percebe, ás veces cobra a súa vinganza cos mariñeiros e mariscadores do lugar. As cruces brancas fican coma testemuña destes tristes sucesos. Cóntase que uns mariñeiros ingleses crearon unha delimitación fai máis de dous séculos; Cabo Roncudo-Cabo Fisterra, considerando o Arco Fisterrán coma o tramo de costa máis perigoso pola cantidade de baixos ou laxas que se agochaban a poucos metros da costa, así como polos temporais, a borraxeira e os naufraxios. A nosa visita foi curta pero intensa. Fomos recibidos pola Pedra da Serpe, un cruceiro cunha base de rocha granítica, na cal se pode observar unha serpe alada tallada na mesma. De camiño ao porto, observámolo ir e vir da xente da vila, e na praza deste pequeno porto, as mulleres mantiñan conversas namentres os rapaces xogaban. Decidimos coller rumbo ao Roncudo, e nel escoitamos o incesante ruxido ronco do mar, divisando o que xa escribira Cesáreo Sánchez; "O sol incendiando o horizonte". O Roncudo é outra das visitas de obrigado cumprimento na Costa da Morte. ¡Que o mar siga mantendo con vida ó prezadísimo percebe de Corme!.
6 comentarios:
Ola
Fermosa foto.Si señor!.Ainda que o sitio me recorde a certas persoas...
Incribles e desconcertantes paraxes, tan fermosas coma sanguinarias.
Fundamental para coñecer a esencia da Costa da Morte.
Un saúdo dende Compostela
Xoán
Formosa actualizaçom, coma sempre!!!
No desenho que temos feito em Vite, também aparece o escudo de Castela. Assi que, nesse senso, nom ficamos atrás, xD.
Por certo, já lhe dixem ao teu irmão que, lá pola primavera e quando faça bom tempo, podias passar-te por Compostela e levo-vos dar um passeio no carro, xD. O guia nom será tam bom coma ti, mas tentara-se que gostedes desta minha zona.
No comentário anterior, onde pom Castela, quigem pôr Castelao.
Desculpade o grave erro!!!
Abraço
Boas Santo2000:
Na Fraga sempre son ben recibidos os que lembran o eterno e sabio legado de Castelao, e simpatizo con esa iniciativa "Made in Vite". Con respecto á visita a Compostela, non dudarei en aceptar a invitación de pisá-lo húmido chan da nósa capital. Boa sorte e gracias por pasarte.
mensagem para santo 2000
Olhe meu amigo, onde é que vc aprendeu português...? se quer escrever em portugués escreva, mas antes de mais frequente aulas, ok? O português não é galego com nh...
Publicar un comentario