"... e van en ringleira
gritando e voando,
en demanda das illas Sisargas,
eu noto reparo.
Ah! quen fora como elas tan libre!..."
Eduardo Pondal
A escasos 750 metros de Santo Hadrián, na mariñeira vila de Malpica, érguese o arquipélago da Costa da Morte no Mar dos Ártabros, o linde pétreo das Illas Sisargas. As lendas falan de cultos a Santo Hadrián, patrón dos mariñeiros. No 1853, Celedonio de Uribe prende a mecha do Faro das Sisargas para alumear o vello Mar Ártabro, excelentemente mergullado no arquivo do tempo polo tardío ollar surrealista do pintor coruñés, Urbano Lugrís. A súa altitude é de 111 metros respecto ao nivel do mar e o arquipélago está formado polas illas Sisarga Grande, Sisarga Chica e Malante. Este territorio é agora un paradiso de aves como a gaivota escura, o arao dos cons, corvos mariños, andoriñóns reais e choias, que deben voar tan ceibas como as que describe Pondal; "Quen fora como elas tan libre!" Malpica e as súas embarrancadas rúas ollan ó porto, sendo este o centro de principal actividade da vila. Preto da lonxa, as mulleres tecen as redes da esperanza e o sustento, mentres os rapaces xogan. As gaivotas e o vento traen con eles os sons doutros tempos no porto da Malpica de Bergantiños. As Illas Sisargas fican agora silandeiras, sen serea e sen torreiros, pero sendo o paradiso das aves de Pondal, e escoitarán por sempre o eco da linguaxe das súas aves.
4 comentarios:
Maravillosa entrada, compañeiro.
Máxicas e céltigas illas Sisargas, cheas de restos romanos e de épocas máis antergas.
Unha viaxe para recordar, a da fermosa e colorida vila de Malpica. O estremo norte da nosa querida Costa da Morte, cachola de pedra que se introduce no mar como nunha inmunda violación de pedra.
Parabéns pola entrada.
Saudos dende Compostela
Dorian
Fermosísimo!!!!
E digo eu, por qué non publicas un libro de viaxes? Sería un éxido de vendas seguro...con esas imaxes, con eses textos poéticos, con esa sensibilidade. O noso país semella máis atractivo do que xa de por sí o é. Parabéns.
Gracias Modesto, nunca se pode descartar nada pero entre tanto teño moitos camiños por coñecer no País Galego. Un saúdo e gracias por pasar.
Gracias tamén a Dorian, compañeiro de viaxes e dotado dun extraordinario sentido da horientación. Saúdos e viaxes.
Hola
Totalmente dacordo con "xeiteiro"....
deberías de ter en conta a túa sensibilidade..., a túa maneira de observar, e de ver os detalles....
De buscar en cada rincón algo especial.
Fermosaa entrada,de verdade!.
Publicar un comentario