“Ó camiñar da recua acompasado
tringuelean as chocas. Amontado
na trotadora mula que vai diante,
na revolta do alto da vereda
o arrieiro canta a copra leda
do alalá... "¡Santo Cristo de Amarante..."
Ramón Cabanillas, No desterro
O noso afán por coñecer os máis lendarios pazos e castelos do País levounos ata terras lucenses, para visitar outro importante fogar nobiliario ateigado de lendas e batallas. Viaxamos cara o corazón de Galicia e até o antigo fogar dos condes de Amarante, co firme obxectivo de coñecer máis de preto parte da súa historia, da súa estirpe e das súas lendas. Emprendemos o noso camiño cara o Concello de Antas de Ulla. Aló, na parroquia de Santo Estevo de Castro de Amarante, agarda por nós outra antiga fortaleza reconvertida en pazo que sorprende a todo aquel que a visita. Denantes de que estas terras da Ulloa se coñecesen co nome de Antas de Ulla, ficaban distribuídas en dúas xurisdicións; a de Peibás e a de Amarante. A primeira pertencía ó convento de Santa María de Melide, namentres que a segunda era propiedade dos Condes de Amarante. De camiño ó lugar, comezamos a recrear a lenda que aínda vive e latexa entre a veciñanza. Contan os máis vellos do lugar que baixo os piares da antiga fortaleza dos Condes de Amarante, existen pasadizos que comunican o pazo co Monte Farelo. Segundo conta a lenda, foron os escravos os encargados de, baixo o mandato dos Condes de Amarante, escavaren estes pasadizos subterráneos para que a nobre familia dos condes tivera unha vía de escape en caso de asaltos ou contendas. Moitos dos escravos que traballaron na construción dos pasadizos deron boa conta da existencia dos mesmos entre a veciñanza da época.
Chegamos a Santo Estevo de Castro de Amarante e fitamos pampos a fortaleza dos condes. A estrutura deste edificio, unha mestura de pazo e fortaleza, chama a atención de calquera visitante. O complexo que estabamos a ver foi derrubado i erixido, sobre do mesmo chan e coas mesmas pedras, ó longo dos séculos. Nun principio, tal e como semella suxerirnos o topónimo da parroquia, existiu un castro sobre do cal, no século XIII, se construiría o castelo da familia Noguerol, ou o que é o mesmo; dos Condes de Amarante. Os muros do castelo foron, coma tantas outras fortalezas medievais, atacadas e derrubadas polas Revoltas Irmandinhas. Daquela antiga fortaleza da estirpe dos Noguerol, somentes se conserva a estrutura de planta oval que puido formar parte dunha antiga torre ou mesmo do reduto central do castelo. Accédese a ela a través dunha porta oxival que parece datar de entrámbolos séculos XIV e XV. Contan que tamén existiu un torreón, feito con posterioridade, que fora derrubado polo gobernador Fernando de Acuña, e logo reconstruído polo coñecido cabaleiro Roi Fernández Noguerol; un dos capitáns máis distinguidos nas contendas entre o Arcebispo de Santiago, Don Alonso de Fonseca e o nobre Lope Sanchez de Moscoso. Xa no século XVII, segundo consta nos escudos de armas da liñaxe dos Condes de Amarante, os Noguerol decidiron construír o pazo que hoxe coñecemos; aproveitándose das propias ruínas do castelo derrubado.
Logo de coñecer parte da historia deste fogar dos Condes de Amarante, cavilamos na lenda; que aínda se deixa oír pola contorna. Non resulta estraño pensar que logo de tantas batallas, ruínas e reconstrucións, os condes quixesen construír unha vía de escape pra fuxiren en caso de perigo; un pasadizo secreto que lles salvase a vida. O pazo de Amarante móstrase ante nós rexo e forte, arrodeado de muros asolagados polas hedras e afundidos na terra. Dende o lonxe puidemos ollar as rexas solainas que fican nas esquinas do pazo, sustentadas por ménsulas graníticas que nos devolven ás súas épocas de maior esplendor, ás súas batallas. O fogar dos Condes de Amarante fica intimamente vencellado ó mosteiro de Vilar de Donas, de feito alí repousan os corpos desta estirpe nobiliaria. Alí fican os cadaleitos da meirande parte dos membros da estirpe dos Noguerol; os cabaleiros que deron a súa riqueza, e ata as súas propias vidas, ao mosteiro de Vilar de Donas. Nos nosos días, os muros da fortaleza de Castro de Amarante fican como a mellor testemuña da súa propia historia. Unha testamuña que nos ilustra cómo a estirpe dos Noguerol foi resistindo a pesares das batallas e ruínas; adaptando e reconstruíndo, unha e outra vez ó longo dos séculos, o seu propio fogar. Deixamos tras de nós este fogar dos Condes de Amarante para seguir descubrindo pazos e fortalezas coma esta, e xa de paso coñecer máis de preto as súas historias. Que este pazo fortaleza de Amarante siga a testemuñar, por moitos séculos máis, a súa historia, lendas e batallas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario