A espada escintilante tendeu os pontes sagros
Do paraíso céltigo. Nos craros hourizontes
Choutou a luz a rir. Os verdecentes agros,
Os ríos cristaíños, os encrestados montes
Enchían de dozura a illa dos miragros.
Ramón Cabanillas. Camiños no tempo
As de Compostela sempre foron terras de
camiños, de vieiros que se entrecruzan cun único destino, o da Capital, o corazón
da Patria. Moitos teñen que salvar os vales e ríos que conforman a paisaxe desta
pequena chaira no interior das terras coruñesas. Os grandes ríos, coma o Ulla
ou o Tambre, pasan preto da Capital, mais nunca a atravesan. Foron grandes
impedimentos para os viaxeiros, pero tamén a mellor defensa para a poderosa e
antiga cidade. Sobre estes grandes cursos de auga, erguéronse numerosas e impresionantes pontes, mais os pequenos regatos que fertilizan estas verdescentes terras non
foron alleos ó desenrolo das vías de comunicación ó longo dos séculos.
Seguimos os pasos dos antigos peregrinos
que procuraban Compostela seguindo o Camiño Portugués, para deternos nunha
pequena xoia arquitectónica perdida no corazón do Val da Mahía.
Dende a época dos romanos, o pequeno e escuro río Tinto, constituía un leve atranco na súa rede viaria. Preto de aquí, pasaba a vía XX Per loca maritima, un transcorrido vieiro que de seguro debeu contar con máis dunha ponte no seu longo percorrido. Nembargantes, as seguintes xeracións víronse na obriga de construíren de novo unha ponte sobre o Tinto, aló pola Idade Media.
Dende a época dos romanos, o pequeno e escuro río Tinto, constituía un leve atranco na súa rede viaria. Preto de aquí, pasaba a vía XX Per loca maritima, un transcorrido vieiro que de seguro debeu contar con máis dunha ponte no seu longo percorrido. Nembargantes, as seguintes xeracións víronse na obriga de construíren de novo unha ponte sobre o Tinto, aló pola Idade Media.
A Ponte de Francos, entre os concellos
coruñeses de Teo e Brión, segue a resistir o paso do tempo. Os veciños saben
que se trata dunha ponte moi antiga, tanto que xa a teñen alcumado como a Ponte
dos Mouros, é dicir, a ponte dos antergos. Inmersa na fermosa paraxe fluvial
que arrodea as ribeiras do río Tinto ou Angueira, lembra os antigos vieiros,
mais tamén a asombrosa habilidade dos seus construtores, sabios mestres
canteiros que tantas xoias nos teñen deixado. Erguida a base de grandes lousas
de pedra bruta, as súas pezas semellan sosterse nun inexplicable equilibrio.
Semellan encaixar á perfección, sen necesidade de morteiro algún, nin sequera
de cimentos. Tan só a súa estudada colocación fixo que esta ponte siga en pé
nos nosos días.
Contan os vellos que por esta intricada i estreita ponte, as
xentes de antes dirixían, con sabias e complexas manobras, ós bois e ós seus ateigados
carros para cruzaren o río. Nos nosos días, longas ringleiras de ameneiros
acompañan e asombran as xa de por si escuras augas do río Tinto. A ponte
confúndese coa cortiza dos ameneiros, cubertas ámbalas dúas polo musgo e os
liques. Nas súas ribeiras aniñan os cabaliños do demo, entre as xunqueiras e os
fentos. As pequenas troitas e reos, e as innumerables plantas acuáticas, son
testemuña da saúde da que gozan estas augas.
Cruceiro de Francos
Deixamos atrás a Ponte dos Mouros para dirixírmonos
até o outro dos vestixios que quedan das antigas rutas que atravesaban as
parroquias de San Xulián de Bastavales e San Xoán de Calo. A carón da Igrexa
barroca de San Martiño de Teo, e ás portas dunha frondosa e vella carballeira,
atopamos un chamativo cruceiro, que semellaba emerxer do alto dun ancestral
monumento megalítico.
A bo seguro que o mesmo Castelao sentou baixo o
xigantesco carballo que lle da sombra, para debuxar de vagar cada un dos
elementos que o conforman. A cruz, de sección cadrada, amosa multitude de
pequenos e rudimentarios elementos decorativos. No centro, a imaxe de Cristo
crucificado semella esculpida por unha man inexperta, o que lle outorga o
arcaico aspecto que o caracteriza. Nembargantes, está datado no século XIV, e o
certo é que algúns detalles decorativos lembran ó Gótico. Ós pés da cruz, e
gravados en baixorrelevo, aparecen dous peregrinos, o que fixo pensar a
Castelao na posibilidade de que a tradición dos cruceiros chegara, coma tantas
outras cousas, a través do Camiño de Santiago. Nunha das figuras, mesmo se pode
intuír o bastón e o sombreiro do peregrino; na outra, o paso do tempo fixo que
hoxe apenas se conserven unhas siluetas.
O cruceiro está gravado para ter unha
única perspectiva, pois a parte traseira carece de imaxe algunha. Todo el
semella formar parte da rocha mesma na que está encravado, unha mole granítica
natural pouco traballada.
Quen sabe se este arcaico cruceiro non serviu para
cristianizar antigos lugares de culto pagán. O xigantesco e maxestoso carballo
semella testemuñar a maxia do tempo dos antergos.
As modernas estradas fai tempo que
substituíron ós vellos camiños, do mesmo xeito que as Rutas Xacobas remataron
por substituír ás vías romanas. O paso do tempo é inevitable, mais aínda quedan
testemuñas de antigos vieiros e antigos camiñantes. Son as lembranzas doutrora
que gardan a ponte e o cruceiro de Francos.
2 comentarios:
Gosto de que o Mouro escollera tan simbólico enclave para adicarlle un recunchiño desta fraga. Sabías que case ao carón da ponte atópase o castro lupario, onde a mítica Raíña Lupa quixo deter aos discípulos do apóstolo?
Un consello: volta o vindeiro once de novembro ;)
Agradecida por esta entrada.
Un saúdo
Aínda queda moito para o San Martiño, mais agora vivo moi preto de Teo, e poida que ata me entren as ganas de festa. Non podo prometer nada, pero tentarei non esquecerme.
Grazas polo convite!
Publicar un comentario