martes, 7 de outubro de 2008

Fogar de labradores dos Ancares


"¿Qué acontece n' aldea??Antes de agora
Vina, y- alegre estaba;
N'ela todo era festas e trouleos,
E bailes e fiadas;
N'os campos escoitábanse as degrúas
D'os sachos y- as eixadas,
N'os fogares as frescas armonías
D'as risas e d' os bicos, q' estralaban".

Manuel Curros Enríquez, Aires d’a miña terra

A semana pasada conmemorámo-la vendimia nas ladeiras do Sil, e desta volta homenaxearemos ao tesouro procedente da América que tanta fame desterrou dos fogares galegos e que agora tamén comeza a dar o seu froito; O millo, e os incesantes e loitadores labradores. Entre setembro e outubro comézase a recoller e gardar en cabazos de madeira e palla, tan identificativos e antergos do Val de Ancares. As vellas mans desfollan as espigas coma así o fixeron as mans dos seus antergos, cos mañosos xeitos que peitearon a mesma terra ao longo dos séculos, e debullaron os mesmos grans e plantaron a mesma semente. Os fogares dos heroicos labradores fican polo día baleiros pero fieis, húmidos teitos e berce dos últimos segadores que lle rouban o día á noite e sementan no inverno pra recoller no verán. Nas aldeas dos Ancares, as duras xeadas baleiran os pratos e asolagan as hortas, enmudecendo os laios dos fogares onde se refuxian os labradores. Sementar, sachar, sacalas vacas e as ovellas ós prados, limpar as cortes, picar rachóns, muxilas vacas e recollerse ao caer o día. Á noitiña, a lareira acouga a fame e os vellos falan dos tempos e lendas, de loita e traballo, de herdanza e bondade. A sempre presente sombra dun fogar acouga a loita do traballo e resgarda as vidas dos peiteadores da terra dos Ancares. A emigración avellenta os fogares da triste Galiza que cada vez máis se observa nas aldeas de gran parte do interior galego. O pesadelo é a diáspora, as pragas, as sequías e a falla de colleitas. O clima, a eterna e discutida súplica. Que a derradeira colleita de millo nos Ancares, i en toda Galiza, sexa a lendaria colleita dun futuro mellor, dun novo porvir.

Volven Fuxan os Ventos
O grupo Fuxan os Ventos fixo unha férrea defensa ao longo da súa traxectoria musical dos labradores, mariñeiros e traballadores, e denunciou en moitas das súas cancións a diáspora, así como o deterioro e esquecemento que estaban a sufrir as pequenas aldeas de Galicia, homenaxeando ás xentes, vellas e novas, que simbolizan o pasado e o futuro da cultura galega, do noso país. Desgraciadamente, o grupo fixo un parón de anos. O retorno ós escenarios deste grupo lugués, a nova agardada por tódolos seguidores de Fuxan os Ventos, farase realidade os vindeiros días 18 e 19 deste mes de outubro no Auditorio de Galicia, en Santiago de Compostela. O grupo volve para seguir revindicando os dereitos e a cultura dos galegos. O disco ten como título: Terra de Soños, e nel colaboran artistas como Guadi Galego, Mercedes Peón ou Nova Galega de Danza. Déixovos coa letra dunha das cancións, para min, máis boas de Fuxan os Ventos, na que denuncian a soidade dos que quedan nas aldeas. Fame, Soedade e bágoas:

Noutrora morría o lume
e os nenos topeneaban
namentras o Manuel
botaba unha ollada ás vacas.

O compañeiro morreu
e os fillos, ¡quen os xuntara!,
que o vento da emigración
espallounos como fiaspas.

¿Por quen agardas, María,
coa Lúa chea de lobos
e as estrela afogadas
na fonda cunca dos ollos?

¿Por quen agardas teimosa
na noite mais ateigada?,
ninguén precisa de tí
nin tí precisas xa nada.

¡Se foses nova!, ¡quen sabe!
se aló nunha patria estrana
atoparía-la quentura
dun home, un pan e unha casa.

Que esta terra soio dá
fame, soedade e bágoas.
¡Ai quen poidera fuxir
na compaña da esperanza!.

Agora xa non, María,
somentes a terra agarda
e chama por ti mainiño
pra que xurdas nas carpazas.

Pra que xurdas na carpazas,
pra que emergullas nas fontes,
pra te acaneares nas arbres
ó compas do vento norte.

Mais agarda outro anaquiño,
miña vella na lareira,
que tein de voltar un día
e han de atopar lume nela.

Tí es que garda-la patria,
María, coa vida acesa,
non deixes morre-lo lume
astra que eles traian leña.

2 comentarios:

Anónimo dixo...

A volta aos escenarios de Fuxan os Ventos é unha magnífica noticia para todos/as os que amamos o noso país. No meu caso, ademais, con outras connotacións se callar emotivas de máis. Un dos seus membros (ou miembras; Ministra dixit), Tareixa Novo, foi profe miña nos anos da EXB en Fisterra. E aprendín moito do seu maxisterio, do se exemplo, do seu amor a Galiza. Vaia se aprendín.
Noraboa, pois, unha vez máis. Apertas, Mouro da Fraga.

Xoán S. Pazos dixo...

Boas!!
A entrada de hoxe, se ben é un tanto miscelánea, recolle sen dúbida moitos dos asuntos interesantes neste tempo de outono. Por unha banda, esa belida descrición dos Ancares, esa terra maravillosa que espero que visitemos doutra volta este outono. Pola outra, o retorno de Fuxan os Ventos, un grupo que creíamos desaparecido, pero que volta con toda a forza doutrora. Espero poder facerme canto antes co seu novo traballo e, por suposto, estarei alí á volta da miña aventura parisina para darlles de novo unha cálida benvida ao panorama da música galega. Será un momento grandioso para a nosa música. Un lugar de reencontro para vellos amigos e vellos valores. ¡Ah! e atención, porque quedan moi pouquiñas entradas. Xa vedes. Parece que a música galega non está tan de capa caída.

Sen máis, unha aperta dende Compostela!!!


Xoán