CADERNOS DE VIAXE

sábado, 31 de marzo de 2012

Faro de San Cibrao, atalaia do norte


"O teu ollar espalla nos ronseles
que abrino moitas proas, como arados,
no mouro alfoz das ágoas balbordantes
a semente prolífica dos astros.

Encol da noite aboyan arelantes
as tuas mans de náufrago
y-es muiño de lua en col da terra
movido pol-os ventos afiados.

Luar aventureiro e navegante,
funámbulo na corda do hourizonte,
masteleiro xigante do silenzo,
misa de luz diante do mar insomne...

És ruleta onde o patrón
xoga o ouro da sua vida
e arpón cravado no lombo
da montana fuxitiva".

Luis Amado Carballo, Proel

Os escarpados cantís da costa de San Cibrao
As silandeiras aves de paso atravesan a costa cantábrica da Mariña lucense, namentres as esgrevias costas de San Cibrao reciben os embates do mar do norte galego. Na costa do Concello lugués de Cervo, arroupado por longos e envexosos areais, érguese a pequena “Península da Paz”. No alto da “Atalaia”, o Faro de San Cibrao vixía as escuras noites deste pequeno recuncho das Rías Altas
Dende o Alto da Atalaia, onde antano se albiscaban os cetáceos acosados polas carabelas baleeiras, albiscamos a enseada e o porto da pequena vila de San Cibrao. Trátase dunha tranquila poboación que contou sempre con diversas actividades vencelladas ó mar. Xa nos séculos XIV e XV, os curtidos carpinteiros de ribeira construían fermosas e elegantes carabelas para perseguir ás baleas. Os vellos lobos mariñeiros, -homes galegos, cántabros e vascos-, arribaban os corpos destes xigantes do mar nas praias de Cubelas e Areas Gordas. Alí, na mesma praia, eran despezadas. Delas, aproveitábase tanto a carne coma a graxa, que se usaba nas rudimentarias lámpadas da época. 
A actividade mariñeira de San Cibrao foi tan próspera que ata chegou a contar con dúas factorías de salazón, aló polos séculos XIX e comezos do XX. Aínda poden albiscarse os muros dunha das antigas factorías, hoxe esquecidas e abandonadas. Dende o alto da Atalaia do Faro, contemplamos a longa liña do horizonte. Na boca da enseada, érguese un pequeno pero abrupto arquipélago que recibe os constantes azoutes do mar e do vento. 
Son as Illas dos Farallóns, e nelas as aves de paso fan parada nos seus itinerantes destinos. Gaivotas e mascatos, cormoráns e albatros, son tamén os auténticos protagonistas do horizonte cantábrico. Conta a lenda, que no alto dun dos farallóns habita a serea Maruxaina, que vixía dende tempos inmemoriais o ir e vir dos garridos mariñeiros destas costas. Mais o horizonte fica rachado pola portentosa silueta do xigantesco dique da factoría de aluminio que dá traballo á meirande parte da poboación da contorna. Erixida aló polos anos setenta, constitúe o último paso da longa historia industrial do pequeno lugar de San Cibrao. Outra das industrias máis coñecidas e prósperas da zona é a factoría de louza de Sargadelos. Tivo as súas orixes aló no século XVIII, da man de Raimundo Ibáñez. Xa no século XX, o insigne galeguista Isaac Díaz Pardo, contribuíu a reavivar a chama desta longa tradición ceramista. Os seus vangardistas e dinámicos deseños, mesturados con símbolos e formas propias da nosa terra, constitúen o sinal de identidade da cerámica de Sargadelos. A vella arte sempre seguirá viva grazas á figura de Don Isaac, bo e xeneroso como poucos, e que sempre ficará coma un referente na nosa memoria. 
Aquí, a carón do cilíndrico Faro, erixido no ano 1864, a invasiva pero fermosa "Unlla de gato", tingue de púrpura os cantís e as ladeiras. No alto de Punta Atalaia, o carrusel de lus xira para iluminar o destino de numerosos lobos mariñeiros, así coma das aves de paso que acompañan sempre as súas partidas. 
Que a luz do Faro de San Cibrao siga a alumear tempos de paz e prosperidade! 

Ningún comentario:

Publicar un comentario