
"Cando no val de Laza o peliqueiro desce
dacabalo dos séculos e a neve,
a bolboreta abana as súas asas
entre choca e facianas engurradas.
A bolboreta morre aos poucos días;
galopa o peliqueiro decote
no val de Laza"
Vítor Vaqueiro, Informe da Gavilla
Chegamos a Laza coma forasteiros “maragatos” para saborear un bo anaco de Bica e pisar terras sanguentas, desexando subir ás Eiras, nunha vertixinosa paraxe onde o silencio e a soidade estoupa cos berros dos corvos e co asubío do vento. As Eiras é un fermoso lugar dentro das Terras de Monterrei que acouga o desconsolo dos peregrinos e enfeitiza a todo aquel ser que a visita. Forma parte da Vía da Prata e do antigo “Camiño de Castela”; un desaparecido tramo de intercambio mercantil con Castela. Na actualidade, somentes os peregrinos e os panadeiros, ousan pisar os vieiros desta fera e vertixinosa paraxe para saudar ós seus serenos veciños. Son eles os auténticos superviventes ó axetreo e á insostibilidade das vidas basura, de usar e tirar. Eles son os mestres da arte máis intelixente e máis tradicional; a sabiduría do minifundio e os contos a carón da lareira. Que As Eiras sigan a ser un recuncho a pé de camiño, nas ladeiras sanguentas da terra de Laza.
Ola Mouro! Eu tamén comín bica esta fin de semana, pero era da Peroxa, xa sabes que ando por Ourense esta tempada. Precioso Monterrei, e fermosa tamén a música da Fraga.
ResponderEliminar