venres, 27 de setembro de 2013

De Oviedo a Compostela polo Camiño Primitivo


Poucas veces na miña vida tiven a oportunidade de vivir unha experiencia tan positiva e satisfactoria como a que tivo lugar fai somentes un par de días. Dende fai tempo comecei a preparar unha aventura que, dende un principio, tiña como obxectivo a soidade, a paz, a meditación, a natureza e o silencio. Quería afastarme do ruído do día a día, da monotonía da vida cotiá. Esquecerme do tempo e das presas, das obrigas e do traballo. Semellaba incapaz de concentrarme e pensar nun mundo infestado de vans obxectivos e carente de valores. Quizais precisaba atoparme a min mesmo e vivir unha experiencia en solitario; algo así como un paréntese na miña vida. Non acostumo a falar das miñas vivencias dun xeito tan persoal como o farei nesta entrada, mais coido que a experiencia ensinoume moito e debe quedar para sempre retratada neste espazo virtual que xa é parte da miña propia vida. Dende fai cousa dun par de anos, e por motivos puramente persoais, sentín a necesidade de facer un tramo do Camiño de Santiago. Dende ben pequeno teño visto a miles de peregrinos que chegaban ata Fisterra, a miña terra nai, para alí finar os seus particulares camiños. Sabía que deste ano non podería pasar. Dende o principio tiña claro que quería chegar ata Fisterra, mais a experiencia vivida truncoume un pouco os plans. Nembargantes, logo do vivido neste camiño inicial, das experiencias e sacrificios, podo dicir sen medo a trabucarme, que hei ter moitas oportunidades de chegar ata a fin; o Finis Terrae galego e a miña terra nai. Namentres preparaba esta viaxe asaltáronme moitas dúbidas. A primeira era a elección do camiño. Dende un principio barallei facer un tramo do francés, mais as opinións de moitos peregrinos que puiden ler na rede tiráronme pra atrás. O francés é o camiño máis coñecido, polo que ficaría moi saturado de peregrinos e non atoparía silencio nin paz. Ademais, en certos tramos é case imposible atopar un oco nos albergues, xa que por estas datas estivais, a afluencia de peregrinos é moito maior e colapsa albergues, pensións e hostais. Moitos peregrinos érguense da cama de noite, a iso das cinco da mañá, para chegar denantes do medio día ó seguinte albergue e garantir unha cama onde pasar a noite. Nembargantes, o Camiño Francés é o que máis infraestruturas e servizos ofrece ós peregrinos. Tamén barallei as opcións do Portugués, a Vía da Prata e o Camiño do Norte, pero por natureza, duración e por iso de ser o primeiro camiño, decidín decantarme polo Primitivo. Sabía, nembargantes, que non ía ser un camiño de rosas. Denantes de comezar a camiñar tiña ben claro que sería un camiño moi duro, mais tamén fermoso. 

Catedral de San Salvador (Oviedo)
O Camiño Primitivo é o primeiro Camiño coñecido, o que seguiu, no século IX, Alfonso II O Casto para visitar a tumba do Apóstolo Santiago. Este Camiño parte dende Oviedo e pasa polos concejos asturianos de Grado, Salas, Tineo, Pola de Allande e Grandas de Salime. Logo atravesa a fronteira astur-galaica no Porto do Acivro, no concello lugués da Fonsagrada ata chegar á Cidade de Lugo. En Melide pasa a mesturarse co Camiño Francés, e a partires de aquí so restan dúas xornadas pra chegar a Santiago de Compostela. Decidín comezar a miña particular aventura a mañá do luns día nove de setembro do presente ano 2013. Saín da estación de autobuses de Santiago de Compostela a iso das oito e media da mañá, comezaban os primeiros pasos do Camiño Primitivo. Dirixíame cara Oviedo, a Capital do Principado de Asturias. Durante a viaxe fomos recendendo unha forte colonia que semellaba provir dun ancián sentado nos asentos dianteiros do autocar. O cheiro era demasiado forte como pra ser respirado nun habitáculo tan reducido e durante tantas horas seguidas. Nada máis chegar a Oviedo dirixinme cara a Catedral de San Salvador, o punto de partida do Camiño Primitivo. Namentres me achegaba á Catedral, puiden coñecer o bo ambiente que se respiraba na cidade vetusta, pois estaban en vésperas de festa e a cidade ficaba coas súas mellores galas. Visitei a Catedral pero fun incapaz de selar, pois non atopaba o lugar onde facelo. Deixei esta tarefa para a tarde. A iso das tres decidín xantar nun dos moitos locais que se perden no Casco Histórico de Oviedo. Parei nun local da rúa Cimadevilla e comín xamón asado con patacas fritidas, mais non me resultou moi apetitoso; o cheiro da colonia daquel ancián do autocar aínda ficaba presente nas miñas fosas nasais. Despois de xantar procurei o Albergue de peregrinos de San Salvador. Alí pasaría a primeira noite do meu Camiño. Recibiume un home forte, o hospitaleiro da Asociación Astur-Leonesa de Amigos do Camiño de Santiago, deume unha chave e encargoume que pechase a porta do albergue cando xa estivesen na cama tódolos peregrinos. Logo de deixar o meu saco na liteira e recoller un pouco as miñas cousas, saín á rúa para selar a credencial na Catedral de San Salvador. Namentres camiñaba, un peregrino preguntoume onde podía atopar o albergue. Díxenlle que acababa de selar alí e indiqueille as rúas polas que debería dirixirse pra atopalo. Este peregrino non sería outro que Pepe de Castellón, o primeiro compañeiro do Camiño. Seguín camiño de San Salvador. Desta volta puiden atopar o lugar onde selan a credencial. Trátase dunha zona de acceso á Cámara Santa. Cando voltei de selar e namentres procuraba un lugar onde tomar un refrixerio, atopeime de novo con Pepe, que se dirixía cara a Catedral. Convidoume a saírmos xuntos mañá á mañá. Pareceume unha boa idea comezar con alguén a primeira etapa do Camiño. A iso das sete da tarde cheguei de volta ó albergue. Na habitación atopeime a unha parella de peregrinos nas liteiras de abaixo. Pepe e mais eu compartimos a habitación con eles. Á noite, un dos peregrinos que durmían nas liteiras inferiores e eu comezamos a falar. Tratábase de Alberto López, un peregrino que se move cunha bicicleta e cun carro de cen quilos polo Camiño. Levaba xa máis de dous meses camiñando. Alberto contoume que era un artista ambulante que vive do seu traballo. Emprega arames para facer todo tipo de figuras e véndeas nos pobos e cidades polos que viaxa. Ten un espazo virtual onde se poden ver as súas viaxes e o seu xeito de vivir: cronicasdeunabicicleta.blogspot.com. Logo de charlar, fomos durmir, a iso das dez da noite. O día seguinte debiamos chegar a Grado e camiñar case 30 quilómetros ata San Juan de Villapañada, no mesmo Concejo de Grado. 



10 de Setembro de 2013
Etapa 1. Oviedo – Grado (De Oviedo a S. Juan de Villapañada)


A primeira noite so puiden durmir pouco máis de dúas horas. Os ronquidos, luces e ruídos, xunto co nerviosismo que semellaba apoderarse do meu corpo, mantivéronme esperto a maior parte da noite. Erguinme da cama a iso das seis da mañá, aínda que xa levaba demasiado tempo esperto. Fixen tempo ata que se levantase o que sería o meu primeiro compañeiro do Camiño: Pepe de Castellón. Namentres agardabamos a que un grupo de franceses rematasen de acicalarse nos aseos, fomos preparando as nosas cousas pra poñernos a camiñar. Pepe e eu saímos da cidade aínda de noite. Aproveitamos a saír cedo, xa que grazas ás luces da cidade aínda se poden albiscar as cunchas de bronce e as frechas amarelas. Ó pouco de deixar atrás Oviedo, comezamos a ollar a parte rural e montañosa que arrodea á cidade vetusta. Namentres ascendiamos, xa comezamos a ver os hórreos asturianos, coa morfoloxía cadrada que tanto os caracteriza. En Llampaxuga paramos a selar na Capilla de El Carmen, onde tamén aproveitamos pra encher a cantimplora de auga. Namentres camiñabamos, Pepe e máis eu, fomos cruzándonos con algúns dos franceses que coñeceramos no Albergue de San Salvador a noite anterior.  Saudámonos e desexámonos un “bo camiño”. Pouco despois pasamos moi preto das Termas Romanas de Valduno. 

Capilla de El Carmen (Llampaxuga)
O peor desta xornada foi a subida ó Escamplero. Era tan só un primeiro adianto do que aínda estaba por vir. Alí fomos adiantados por Nicolás, o que logo sería un dos máis fieis compañeiros de Camiño. Nicolás semellaba angustiado por coller praza nos albergues. Logo comezou a ascender rapidamente cun pao en cada man. Quen nos ía a dicir que logo habiamos pasar tantas horas xuntos camiñando. Pepe e eu paramos en Premoño (Concejo de Las Regueras), e resgardámonos dun orballo matinal no Bar Feliciano. Alí tomamos uns cafés e uns sobados que nos deron forzas pra continuar. Logo de cruzar a Ponte de Peñaflor, paramos a xantar en Grado. Pepe e eu puxémonos as botas no Auto-Bar, onde nos atendeu unha xente moi hospitalaria.


Despois de xantar tivemos que resgardarnos do orballo, que semellaba acentuarse e perdurar máis do previsto. A pesares de levar unha funda de mochila impermeable, non dispuña dun sinxelo poncho de plástico para evitar empaparme coa auga da chuvia, polo que non tiven máis opción que abandonar o camiño e pasar a noite no Albergue de Villapañada. O meu compañeiro Pepe tiña unha guía pra facer o Camiño Primitivo en bicicleta, e acostumaba a facer uns corenta quilómetros cada día. El seguiu ata o Mosteiro de Cornellana, a uns sete quilómetros de Villapañada. Pepe e máis eu estivemos en contacto telefónico durante o camiño, mais o certo é que me resultou imposible seguilo de preto.  No albergue de Villapañada deunos a benvida o seu hospitaleiro Domingo, un amable e simpático asturiano que nos acolleu dun xeito moi especial. Aquí coñecín a Angie, unha moza de Gipuzkoa que lle gustaba moito Galicia. Tamén aquí coñecín ós seus paisanos Jesús e Ibón, e ós amigos murcianos Amador e Nino. A Amador tocoulle durmir no chan da cociña, posto que o albergue dispuña de poucas camas. Recordo que alí volvín a ver ó grupo de franceses que tanto se acicalaban nos aseos polas mañás. Fun pra cama cedo, a iso das dez. Puxen os tapóns dos oídos e entrei no mundo dos soños.



11 de Setembro de 2013
Etapa 2. Grado - Salas (De S. Juan de Villapañada a Bodenaya)


Saín ás sete da mañá do Albergue de San Juan de Villapañada. Xa non chovía nin orballaba. Cando comecei a camiñar aínda era noite pecha. Saín só, e debo confesar que pasei un pouco de medo. Pouco despois de deixar o albergue fun perseguido por un can que me saíu ó paso denantes de deixar o lugar. Tiven que facer que lle lanzaba unha pedrada para afastalo de min. Mais o peor aínda estaba por chegar. Logo de deixar atrás Villapañada perdinme e fun dar a unha aldea afastada do Camiño e chea de cans que comezaban a arremuiñarse sobre de min. Grazas a unha madrugadora señora puiden saír da aldea e dar co Camiño. A etapa comezou coa dura subida ó Santuario de Nuestra Señora del Fresno. Logo destas subidas atopei as sucesivas baixadas que tanto dano fan nos xeonllos e nocellos. Pasei por Santa Eulalia de Doriga e visitei a súa igrexa. Crucei o Río Narcea e cheguei ata os pés do Mosteiro de San Salvador de Cornellana. O mosteiro conta cun albergue onde a bo seguro debeu durmir o meu amigo Pepe de Castellón. Logo do mosteiro comezaría unha progresiva pero quilométrica ascensión que nos levaría ata Salas. A iso das 11 da mañá parei en Casazorrina (Concejo de Salas) pra almorzar e coller un pouco de forzas. Decidín refuxiarme na taberna Casa Javier, onde tomei un café e selei a credencial.  

Mosteiro de Cornellana
Seguín o camiño só polas frondosas fragas asturianas ata chegar a Salas. Nada máis chegar puiden contemplar a súa igrexa, a súa torre e o seu arco. Era a unha da tarde, polo que non dubidei en parar eiquí a xantar. Comín en Casa Pachón, unha casa acostumada a acoller a peregrinos. O camareiro que me recibiu semellaba un pouco cabreado. Logo puiden observar que era parte da súa personalidade. Nembargantes, é o lugar onde máis cantidade de comida me deron dende que teño uso de razón. Non fixo falla que preguntase o menú. Nada máis servirme a bebida, o camareiro comezou a sacar pratos e pratos de comida. Primeiro un prato de sopa, logo unhas fabas. Por se fora pouco aínda me trouxo xudías e pra rematar, sardiñas. Non puiden pasar do terceiro prato, e moito menos pedir postre. Ó meu carón estaba un dos franceses cos que levaba xa dúas noites coincidindo. O francés ríase coas caras de asombro que estaba a poñer eu entre prato e prato. El acababa de experimentalo. 

Panorámica del Casco Histórico del Concejo de Salas
Saímos os dous de Casa Pachón e comezamos a camiñar xuntos. A pesares dos meus poucos coñecementos de francés, puidemos manter unhas curtas conversas. Contouse que se chamaba Alan. Debía ter uns sesenta anos, mais era un gran camiñante e sempre tiña un gran sorriso na cara pra agasallar. Logo de deixar tras de nós o núcleo de Salas, comezamos unha ascensión que nos levaría ata o Albergue de Bodenaya. Foron case oito quilómetros de subida progresiva dende Salas, mais pagou a pena. Alan e eu detivémonos a ollar a Ponte de Borra (S. XVII e XVIII) e ficamos pampos coa beleza paisaxística desta etapa. Alan, unha parella de belgas e máis eu fomos os primeiros en chegar a Bodenaya. Denantes de deternos no albergue, paramos a fitar a Igrexa de Santa María de Bodenaya. 


Quería chegar ó Albergue Privado de Bodenaya para trasladarlle a Alejandro, o hospitaleiro, os saúdos que lle mandaba o meu amigo e compatriota Roberto X. Traba Velay. Nada máis chegar ó albergue fomos recibidos por Alejandro. Este atento hospitaleiro abriunos as portas da súa feiticeira casa cunha hospitalidade pouco común xa no Camiño. Logo de ducharnos, lavounos a roupa e fíxonos unha cea moi especial. Namentres Alejandro preparaba unhas lentellas, conversei con aquel peregrino que nos adiantara a min e a Pepe na subida ó Escamplero. Aquel peregrino non era outro que Nicolás. Tomamos unhas cervexas e conversamos un bo anaco. Nicolás é un estremeño que pasou a meirande parte da súa vida en Madrid, un amante do montañismo, o sendeirismo e o deporte en xeral. Logo apareceu Angie, e un anaco despois tamén os seus compatriotas Ibón e Jesús. Despois chegaron Nino e Amador, os murcianos que coñecera a noite anterior en San Juan de Villapañada. Alí coñecín tamén a Carlos e Ana, unha parella de madrileños que tamén me acompañaron no Camiño, e tamén a un alemán vexetariano e moi especial chamado Horst. Ceamos todos xuntos unhas lentellas e unha ensalada mixta. Logo Alejandro pactou con todos nós unha hora pra levantarnos e almorzar. A noite na casa de Alejandro fixo posible que este grupo de peregrinos nos unísemos moito máis. 



12 de Setembro de 2013
Etapa 3. Salas - Tineo (De Bodenaya a Campiello)


Alejandro espertounos co Ave María de Schubert, pero cun volume tan suave que semellaba mesturarse cos meus soños. O exemplo de Alejandro, o seu bo facer e o xeito de tratar ós peregrinos fíxome pensar na importancia de facer o que nos gusta. A Alejandro gústalle o seu traballo, e iso nótase. Lisquei do mellor albergue do Camiño Primitivo logo de almorzar con Angie, Nino, Salvador e Nicolás un café e unhas torradas de pan e marmelada. Coa miña repentina fuxida esquecín unha camisola e un par de calcetíns nos tendais do Albergue de Bodenaya. A pesares de estar a poucos quilómetros cando me decatei, decidín non dar volta atrás. Seguín o meu camiño só, mais pronto me atoparía a Nicolás na Ermita del Cristo de los Afligidos, a un quilómetro de Bodenaya. Camiñamos xuntos e chegamos a Tineo a iso das dez e media da mañá. Paramos a tomar un segundo café nunha taberna tradicional e alí atopamos ós madrileños Carlos e Ana, a Angie e a Jesús e Ibón. Nicolás e mais eu queriamos chegar a Borres e pasar a noite alí. Durante o camiño fomos falando con Horst, o alemán que coñeceramos a noite anterior en Bodenaya. Nembargantes, a Horst gustáballe deterse baixo as ramaxes das árbores para deleitase coa natureza. 


Deixámolo a soas e proseguimos o noso camiño. Mais adiante volvémolo ver e seguimos durante un bo anaco os seus pasos. Denantes de chegar a Villaluz, Nico e eu pensamos que Horst se despistara e perdémolo de vista nunha estrada. Nos continuamos polo monte, tal e como indicaba o trazado. A iso das tres e media da tarde, e logo dun gran tramo de estrada, Nico e eu  paramos en Campiello para xantar e proseguir camiñando ata Borres. Comemos ovos, chourizo e patacas fritidas, e bebemos un par de cervexas. O calor comezaba a facer dano, pero Borres estaría a uns tres quilómetros, e ata alí decidimos achegarnos. Acompañounos Angie, a moza guipuscoana que xa coñecera en Villapañada e a noite anterior en Bodenaya. Os tres puxémonos a camiñar, mais unha amarga sorpresa estábanos a agardar no Albergue de Borres. Cando chegamos ó albergue, un grupo de peregrinos que viña de selar a credencial no bar de Borres, avisounos a berros de que o albergue estaba cheo. Para a nosa sorpresa, Horst, o alemán que pensabamos que se perdera, saíu pola xanela e saudounos con dozura. A parella de belgas que chegara conmigo e con Alan a Bodenaya e Jesús, o compañeiro de Ibón, tamén estaban no albergue. Nico, Angie e máis eu tivemos que andar outros tres quilómetros de regreso ata Campiello (Concejo de Tineo) para durmir no albergue privado de Casa Herminia. Alí encontrámonos cos murcianos Nino e Amador, con Alan e os demais franceses, e tamén con Ibón, que non atopara sitio en Borres. 

Hórreo tradicional asturiano en el lugar de Villaluz
Xuntámonos todos e bebemos unhas cantas sidras. Os amigos murcianos non deixaban de fregar os pés con alcol de romeu. Estivemos até case as once da noite na rúa, refrescándonos coa fresca brisa da montaña. Mañá agardaríanos unha durísima etapa que nos levaría ata Hospitales. 



13 de Septiembre de 2013
Etapas 4 e 5. Tineo - Borres – Pola de Allande (De Campiello a Berducedo)


Almorzamos todos xuntos en Casa Herminia (Campiello, Tineo), Nino e Salvador, Ibón, os franceses, Nicolás, Angie e eu. Nicolás e eu puxémonos a andar a iso das oito da mañá. A tres quilómetros de Borres decidimos coller a ruta alternativa polo Camiño dos Hospitales. Denantes de comezar a ascensión a máis de 1.200 metros de altitude para ollar as ruínas dos antigos hospitais de peregrinos de Paradiella, Fonfaraón e Valparaiso, pasamos por La Mortera e visitamos a Capilla de San Pascual (S. XVI - XVII). Logo comezamos a incesante subida que nos conduciría ó alto destes picos transcorridos dende antano por milleiros de peregrinos. 

Ruínas do antigo hospital de peregrinos de Paradiella
Un horizonte de densas brumas matinais fainos sentir criaturas celestiais alleas á realidade que se vive aló embaixo, nas pequenas aldeas asturianas que se perden entre estas montañas. Denantes de chegar ás ruínas dos hospitais, atopamos a osamenta dun animal perfectamente limpa. No ceo puidemos ollar o voo dos voitres que procuran as preas. Ollamos a cantidade de vacas que viven ceibas nestas montañas. Elas limpan os montes e evitan as queimas, abonan os campos e proporcionan carne e leite de primeira calidade ós veciños asturianos. Logo dunha dura ascensión chegamos ata as ruínas do antigo hospital de peregrinos de Paradiella, documentado no século XV. 

Ruínas do antigo hospital de peregrinos de Fanfaraón
Trátase dunha cabana de pedra onde somentes poderían refuxiarse unha parella de peregrinos.  Alí vimos ós peregrinos que durmiron a noite anterior en Borres e que nos comunicaron que xa estaba ocupado. Con eles estaba Marc, un mozo catalán moi simpático que logo pasaría con nós momentos entrañables.  Seguimos a ascensión que nos achegaría ata o alto da Serra dos Hospitales. Aló onde a montaña carece de árbores e onde somentes os breixos e toxos son quen de sobrevivir. Estabamos xa en alta montaña, e o sol comezaba a quentar de xeito considerable. A subida que nos agardaba logo de visitar as ruínas de Paradiella sería unha das máis duras, ó meu ver, de todo este Camiño Primitivo. Aínda así, a paisaxe e as vistas que dende aquí se poden ollar pagan con creces o esforzo e a suor depositada. 

Panorámica dos vales dende Hospitales
Logo contemplamos as ruínas dos Hospitais de Fonfaraón e Valparaíso. No interior das ruínas de Fonfaraón atopamos, Nico e eu, uns cantos cabalos e poldros que semellaban procurar a sombra nestes refuxios primitivos fundados entrámbolos séculos XIII  e XV. Resulta moi enriquecedor ver como estes cabalos e vacas pacen en harmonía e total tranquilidade no altos destes picos. No Puerto del Palo, a uns 1.145 metros de altitude sobre do nivel do mar,  paramos a descansar un anaco. Ó pouco, unha parella de peregrinos parouse onda nós para saudarnos. Tratábase dun matrimonio de Carolina do Norte. Continuamos a nosa andaina a través do Alto de La Marta, a uns 1.105 metros de altitude, para logo coñecer unha das aldeas máis pintorescas do Camiño Primitivo; Montefurado. Mais aínda nos quedarían unhas cantas ascensións por lugares marabillosos.

Panorámica dos vales onde se ubica a aldea asturiana de Montefurado
Dous quilómetros despois de deixar o Puerto del Palo, chegamos a Montefurado, unha aldea case abandonada onde paramos a descansar e repoñer forzas. Detivémonos ante a Capilla de Santiago de Montefurado, pertencente ó antigo hospital de peregrinos. A sinxela e pequena capela con teito de lousa deunos a benvida ó lugar. Ollamos as casas pechadas e as ruínas dos fogares orfos, os cabazos baleiros e as derradeiras vacas que atesoura este lugar. Enchemos de auga as nosas cantimploras nun lavadoiro que aínda dispuña de auga corrente e seguimos o noso camiño. Tivemos que sortear unhas cantas vacas para saír de Montefurado e procurar outra aldea con encanto que ficaba a escasos catro quilómetros: Lago. Démonos conta de que chegaramos a Lago grazas á presenza da Iglesia de  Santa María de Lago, do século XVIII. Este lugar tamén fica case baleiro, mais conta cunha boa mostra de arquitectura tradicional asturiana. 

Aldea de Montefurado
Dende Lago fixemos catro quilómetros máis ata Berducedo, unha parroquia pertencente ó Concejo de Allande. Alí collemos cama de milagre.  No bar atopamos a Ibón e Jesús, que nos presentaron a Tony, un mozo catalán que viaxaba só e que atopou a Jesús de camiño a Berducedo. Tony estaba no mesmo albergue que nós. Ibón, Jesús e Angie pasaron a noite nun albergue privado de Berducedo. Pola tarde xuntámonos todos na terraza dun bar do lugar. Alí intercambiamos as impresións  da etapa dos Hospitales namentres tomabamos unhas cervexas ben fresquiñas. Logo vimos chegar a Alan e a tropa de franceses, e a Nino e a Amador, que tamén se uniron ó grupo. Aquela irmandade de peregrinos comezaba a tomar forma, e tal e como diría Nicolás, estabamos a formar un pobo ambulante que procuraba Compostela. Xa de noite, e logo dunhas cantas cervexas, Nicolás e eu voltamos ó albergue onde atoparíamos a dous peregrinos que compartirían con nós moitos momentos fabulosos.

Aldea de Lago
Eran Pepe e Alfonso, dous compatriotas de Vigo. Estiven falando con eles un bo anaco. Pepe é fillo dun catalán e dunha mirandesa, aínda que se considera galego. Medrou en Galicia e ama a nosa terra por riba de calquera outra. Fala galego, catalán, castelán, un fluído inglés e chapurrea un pouco de francés. Alfonso é de Vigo de toda a vida e tamén se defende moi ben co inglés. Os dous tiñan xa experiencia no Camiño Quedamos en volver a vernos, e así sucedeu.



14 de Setembro de 2013
Etapas 6 e 7. Pola de Allande – La Mesa – Grandas de Salime (De Berducedo a Castro)


Nico e eu saímos de Berducedo a iso das sete e media da mañá. Tivemos que sufrir e moito a subida de La Mesa. De camiño atopamos a Tony, o mozo catalán que coñeceramos a noite anterior. Conversamos con el sobre da espesa néboa que se concentraba sobre dos vales. No albergue de La Mesa atopamos a Carlos e Ana, a parella de madrileños que coñeceramos en Bodenaya. Eles tamén estaban a piques de comezar a camiñar. O lugar ficaba ateigado de néboa e humidade, e semellaba un pobo pantasma. A subida de La Mesa ascendía a mil metros de altitude, e fíxonos camiñar preto dun parque eólico. Logo comezaron os descensos. Os meus xeonllos comezaban a resentirse, mais o peor da etapa estaba aínda por chegar. 

Aldea de La Mesa
Namentres descendiamos as ladeiras que nos conducirían a Grandas de Salime puidemos ollar numerosos bosques de abetos que se perdían entre a néboa. Pasamos pola Capilla de Santa Marina de Buspol e iniciamos o forte descenso que nos achegaría a Grandas de Salime por unha frondosa e centenaria fraga dominada polos castiñeiros. Pouco despois xa podiamos albiscar as augas retidas no embalse de Grandas. Cruzamos a presa e comezamos a ascender ata Grandas a carón da estrada. Foron os seis peores quilómetros que lembro de todo o Camiño.

Recordo que case nos levan por diante uns tolos que se puxeron a adiantar á nosa altura, a dureza e monotonía do alcatrán das estradas que tanto dano fai na mente dos peregrinos. Logo de seis quilómetros infinitos, á fin chegamos a Grandas de Salime. Xantamos nun bar da localidade e procurei alcol de romeu pra fregar nos meus xeonllos. Alí vimos a algúns franceses, sempre tan organizados. Continuamos a nosa andaina ata o Albergue Xuvenil de Castro, a uns cinco quilómetros de Grandas de Salime. Neste albergue con encanto lavei parte da miña roupa e púxena a secar a pesares de que o ceo ameazaba treboadas. Alí atopamos a Horst e ós murcianos Nino e Amador. Pouco despois, e para a miña sorpresa, aparecerían tamén os meus compatriotas galegos Pepe e Alfonso. Brindamos con sidra e cervexas e ceamos todos xuntos tortilla de patacas e ensalada. Conversamos sobre a etapa e sobre dos tramos de asfalto que nos tocou sufrir pra chegar a Grandas. De postre comemos un exquisito Queixo do Cebreiro con mel e rematamos a noite cunhas copas de licor café. Horst contounos que era vexetariano e que o estaba a pasar moi mal. Levaba tres días comendo tortilla de patacas. Jesús, Ibón e Angie quedaron en Grandas, mais sabiamos que nos volveríamos a ver máis pronto que tarde.

Embalse de Grandas de Salime
Neste Albergue Xuvenil de Castro (Concejo de Grandas) tiñamos sabas limpas e non precisabamos usar os sacos de durmir. Falamos co seu propietario, descendente de galegos e asturianos. Foi a primeira conversa en galego que tiven dende que comezara o Camiño. Fomos a unha hora prudente para a cama, xa que sabiamos que o día seguinte debiamos atravesar a fronteira astur-galaica polo Alto do Acivro (1030 metros de altitude).  Sería un día especial para min.



15 de Setembro de 2013
Etapa 8. Grandas de Salime – Fonsagrada (De Castro a O Padrón)


Espertamos a iso das sete e media da mañá, e namentres quitabamos as lagañas dos ollos, puidemos ollar ó lonxe a dous peregrinos que se achegaban ata o albergue de Castro onde durmiramos. A curiosidade quixo que sairamos á ventá, Nico e eu, para comprobar se era algún dos nosos compañeiros que pasaran a noite en Grandas. E non nos trabucamos. Aqueles peregrinos non eran outros que Jesús e Ibón. Xa levaban percorrido máis de cinco quilómetros cando chegaron a Castro. Saímos do albergue logo de almorzar uns cafés e unhas torradas. Tiñamos por diante unha dura pero progresiva ascensión que nos levaría ata o Alto do Acivro, a fronteira natural que divide os territorios galego e asturiano.

Ermita de San Lázaro de Padraira
A orografía do terreo comezaba a mudar en cada paso. Os picos asturianos semellaban ir transformándose en montañas máis redondeadas e suaves; máis agradecidas para o camiñante. Galiza estaba preto, na paisaxe, na mente e no corazón; a escasos quilómetros de nós. Un manto de néboa concentrábase sobre dos vales e aldeas. Dende o alto fomos observando o avance das brétemas e a dureza do sol. Ó pouco de poñernos a camiñar pasamos pola Ermita de San Lázaro de Padraira, onde contemplamos un dos derradeiros templos asturianos denantes de atravesar a fronteira que nos conduciría a Compostela polas montañas lucenses da Fonsagrada. Nico e máis eu subimos ó Alto do Acivro con serenidade, falando das diferenzas, culturais e paisaxísticas, entre os pobos galego e asturiano. 

Bosques do Alto do Acivro
Ó pouco avistamos unha placa de lousa onde puidemos ler algo así como: “Camiño de Santiago, Encontro Asturias – Galicia”. Agora si estabamos a atravesar a fronteira que nos achegaría á miña tan amada terra galega. Namentres Nicolás camiñaba en silencio, eu non puiden evitar asubiar a melodía do Himno Galego, composto dende o exilio por Pascual Veiga, e recordar as verbas de Os Pinos de Pondal. Púxoseme a pel de galiña. Dende o Alto do Acivro somentes restaba un forte descenso para achegármonos ata os dominios do concello lugués de A Fonsagrada. Baixando o Alto do Acivro atopámonos con Jesús e Ibón, que xa nos sacaban uns cantos quilómetros, moi preto dunha taberna a pé do Camiño. Alí paramos a almorzar e atopámonos con Amador, que agardaba polo seu compañeiro Nino. Ó parecer, Nino tivo problemas nunha perna e tivo que baixar máis de vagar. Todos tiñamos como meta o Albergue de Padrón en A Fonsagrada. Chegamos á Fonsagrada a iso das dúas da tarde.

A fonte sacra de A Fonsagrada
O sol comezaba a quentar con forza e xa tiñamos ganas de parar a xantar. Antes de nada, dirixímonos cara o Albergue de Padrón, a escasos dous quilómetros da Fonsagrada. Alí reunímonos case todos: Angie, Jesús, Ibón, Horst, Tony, Ana e Carlos, os murcianos Nino e Amador, e os meus compatriotas de Vigo Pepe e Alfonso.  Logo de selar e deixar os vultos no albergue, Angie, os de Vigo e máis eu collemos rumbo á capital deste concello lugués para xantar e relaxarnos. Xantamos uns bocadillos e, á fin, puidemos gozar da cervexa estelar máis senlleira e saborosa; a Galega. Logo atopamos ós vascos Ibón e Jesús, e todos xuntos pasamos unha tarde inesquecible. 



16 de Setembro de 2013
Etapa 9. Fonsagrada – Cádavo – Baleira (De O Padrón a Castroverde)



Saímos do Albergue de Padrón (Concello de A Fonsagrada) sobre as oito da mañá. Nesta xornada agardábannos tres subidas importantes; unha sería a de Hospital de Montouto (1050 metros de altitude), e as outras dúas serían as do alto de A Lastra (800 metros de altitude) que precede a unha aínda maior; a do Alto de Fontaneira (máis de 900 metros de altitude). Nembargantes, estas subidas galegas xa non son tan “rompe-pernas” como as asturianas. Durante a mañá fun camiñando con Nico e co alemán Horst ata A Lastra.  Así mesmo, fun contactando vía internet cos meus amigos Pepe e Alfonso.  Horst faloume da súa profesión, aínda que en certos momentos custoume un pouco entendelo, posto que fala bastante ben o castelán aínda que a cotío apóiase no inglés. Díxome que mediante diferentes terapias alternativas á menciña, lograba equilibrar e axudar a persoas enfermas, e mesmo perseguir a orixe de moitas enfermidades e trastornos. Horst animoume a persistir nos meus soños e metas. Díxome que debía telos moi presentes e mesmo apuntalos para que nunca desaparezan da miña mente, das miñas miras. Descubrín en Horst unha persoa marabillosa, un ser humano excepcional que me animou moito e mesmo me axudou a meditar nas cousas vans que inundan as nosas vidas, a valorar o que temos e o que realmente precisamos. Faloume de Alejandro de Bodenaya e díxome algo así como que el perseguiu os seus soños e hoxe é feliz. Animoume a buscar a felicidade, e mesmo a montar un albergue como o de Alejandro.

Igrexa de Santa María de Vilabade
 O certo é que as súas verbas axudáronme moito, chegáronme ó corazón.  Deixei a Horst meditando baixo a sombra dun vello carballo. A Nicolás, acostumado ó deporte, xa facía tempo que o perderamos de vista, polo que non me quedou máis remedio que subir ó Alto de A Lastra eu só. Logo dun anaco atopeime a Nico outra vez no Alto da Fontaneira. Estaba nunha cervexería repoñendo forzas para baixar ata O Cádavo (Concello de Baleira). Nico e eu puxémonos a camiñar xuntos de novo. Paramos en O Cádavo para xantar e logo coller rumbo a Castroverde. A iso das cinco da tarde, e denantes de chegar ó albergue, paramos na Igrexa de Santa María de Vilabade. Estabamos xa a moi poucos quilómetros de Castroverde, polo que decidimos botar a andar co fin de asearnos e írmonos de xoldra por esta vila luguesa. O Albergue de Castroverde é un dos máis novos que visitamos. Tiña somentes un ano de vida. Saímos todos xuntos por Castroverde: Os madrileños Carlos e Ana, Amador, Nicolás, Alfonso, Horst, Pepe e mais eu. Nino, o compañeiro de Amador, tivo que pasar polas mans curadoras de Horst e logo descansar. Tiña unha forte dor nun dos seus xeonllos. Ó día seguinte estaba coma novo. Alfonso, Pepe e máis eu decidimos mercar un pouco de pasta e preparala na moderna cociña do albergue de Castroverde. Logo dunha interesante conversa, apareceron tamén Carlos, Ana e Nicolás. Con eles traían un par de botellas de sidra galega para catar denantes de írmonos para a cama. 



17 de Setembro de 2013
Etapa 10.  Cádavo – Baleira – Lugo (De Castroverde a Lugo)


Saímos de Castroverde a iso das sete e media da mañá. Aínda era de noite, polo que decidimos parar a almorzar nunha pequena cafetería do lugar. Non  sabiamos o dura que sería a etapa ata que nos puxemos a camiñar. Logo de deixar atrás a capital do concello, metémonos de cheo nas diferentes sendas que atravesaban os montes. Mais non tardaron en chegar os monótonos tramos de estrada. Recordo esta etapa como dura, mais non polas subidas e baixadas, senón polo duro cansazo psicolóxico que produce o asfalto. Durante a mañá fomos camiñando xuntos Nico, Horst e máis eu. Xa non quedaba moito para chagar a Lugo cando outro tolo ó volante case nos barre da beirarrúa.  Avistamos ó lonxe a histórica e monumental cidade de Lugo. Aínda así, semellaba que non chegaríamos na vida. A pesares de que esta xornada non conta con ningún punto conflitivo, xa que a montaña desaparece e comezan os tramos máis cháns, os accesos ás cidades sempre fan que o camiño sexa máis ruidoso e menos fascinante; coido que eran as ganas de entrar na cidade as que nos estaba a exasperar.  Chegamos a iso das tres da tarde a Lugo e, logo de deixar atrás o Barrio da Chanca, collemos a Rúa do Camiño Primitivo que nos conduciría ata a Porta de San Pedro. Atravesando esta histórica porta accederiamos ata o interior da antiga cidade romana de Lucus Augusti.  Nico, Horst e máis eu procuramos o albergue de Lugo.

De esquerda a dereita: Alfonso, Marc, Carlos, Nico,
 Eu, Horst e Pepe
Cando chegamos alí atendeunos Antonio, un amable hospitaleiro que nos mostrou como seguir o percorrido ata Santiago de Compostela. O noso compañeiro Horst dispoñía dunha guía que lle indicaba que debía seguir por Sobrado dos Monxes. Antonio, moi amablemente, tratou de explicarlle a Horst que por Sobrado non estaba delimitado de xeito oficial o Camiño Primitivo, e que se quería ir por alí tería que enfrontarse a un camiño sen sinais nin frechas amarelas. Logo díxonos onde poderíamos atopar unha lavandería para lavar e secar a nosa roupa luxada no Camiño. No albergue atopamos ós madrileños Carlos e Ana, e tamén e a Marc, o mozo catalán que coñeceramos no albergue de Borres.  Ó pouco apareceron tamén os murcianos Nino e Amador. Nino xa estaba moito mellor do seu xeonllo. Por unha banda grazas a Horst, e pola outra, grazas as múltiples fregas de alcol de romeu que adoitaba realizar sobre boa parte das súas extremidades.  Agardabamos a chegada de Alfonso e Pepe pra saírmos todos a xantar por unha das cidades máis históricas e farturentas da nosa Galiza. Lugo estaba agardando por nós. Carlos, Ana, os murcianos Nino e Amador, Horst, Marc, Nico e eu fomos xantar orella, raxo e unhas tortillas polo casco histórico da cidade. Pola tarde paseamos polo Adarve e visitamos a Catedral. Logo deixamos a roupa na lavandería e xa contra a noite fomos de viños e cervexas denantes de que desen as dez; hora de peche do albergue. Angie tamén nos acompañou. Cando chegamos ó albergue decidimos achegarnos ata o cumple de Ana, una moza madrileña de ollos impresionantes. Agasalleille unha frecha amarela cun imperdible que nos obsequiara Alejandro en Bodenaya. 



18 de Setembro de 2013
Etapa 11. Lugo – San Román da Retorta – Melide (De Lugo a As Seixas)


Espertamos no albergue de Lugo a iso das seis e media da mañá. As luces do albergue, polo que parece, actívanse de xeito automático. Os franceses comezaron a organizar as súas roupas e mochilas e a acicalárense nos aseos. Pepe de Vigo ergueuse da cama para comprobar se existía algún interruptor co que poder apagar as luces, mais non obtivo ningún resultado. Tivemos que erguernos e madrugar máis do previsto. Saímos do albergue sobre as sete da mañá. Era noite e estaba comezando a orballar. Recordo que cando espertei comecei a decatarme que cheiraba moito a alcol de romeu. Logo puidemos comprobar que os nosos amigos murcianos, fieis das fregas de alcol de romeu, deberon deixar a botella aberta toda a noite. Nicolás, Horst e máis eu saímos a almorzar co poncho de plástico. Na cafetería topamos cos franceses e miramos a predición meteorolóxica. Comprobamos que deixaría de chover a iso das once da mañá, e o certo é que cando saímos da cidade xa escampara. 

O trazado, durante a meirande parte da etapa, foi á beira das estradas, aínda que tamén nos internamos por algún tramo de bosque. Chegamos a San Román da Retorta a iso das once e media da mañá. Paramos nunha pequena taberna, aínda pechada, que atopamos á beira do camiño e xusto despois da Igrexa de San Román. Alí paramos pra recuperar forzas Nicolás e máis eu. Ó pouco apareceren Jesús e Ibón, e ó pouco tamén vimos chegar a Horst, que o deixaramos nun recanto á beira do Camiño. Nicolás e eu comeramos uns bocadillos. O meu era de chourizo e o de Nicolás de cachola de xabaril. Ó pouco de poñernos a camiñar atopamos uns sinais que nos brindaban a posibilidade de seguir polo trazado habitual ou desviarnos pola variante da Vía Romana. Escollemos esta variante e ó pouco puidemos ver un xigantesco miliario romano á beira mesma do Camiño. Pasamos por Ferreira a iso das dúas e media da tarde e paramos a tomar un refrixerio, Nicolás e máis eu, nunha fermosa casa rural. Chegamos ó Albergue de Seixas, no concello lugués de Palas de Rei, a iso das tres e media da tarde. Nada máis chegar atendeunos Marifé, unha hospitaleira marabillosa que logo nos axudaría a dar coa única tenda en cinco quilómetros á redonda. O albergue era bastante novo e resultaba moi acolledor. Duchámonos e procuramos unha taberna que ficaba moi preto do albergue. Logo de tomar unhas cantas cervexas ben fresquiñas, apareceron os nosos amigos Pepe, Alfonso e Angie. Namentres conversabamos sobre a etapa, ocorréusenos mercar comida e facela no albergue. Eran xa case as sete e aínda non sabiamos onde podiamos mercar a comida. Fomos onda Marifé pra que nos indicara a tenda máis próxima. 

A ponte romana de Ferreira
Marifé falounos dunha muller que ten un pequeno establecemento a un par de quilómetros do albergue. Nembargantes, a esa hora a dona da tenda estaría na misa, polo que non dubidamos en achegarnos ata a igrexa e agardala ás portas do templo. Logo de rematar a misa, preguntamos ás mulleres que saían da igrexa pola dona da tenda. As veciñas do lugar foron moi amables con nós e acompañáronnos de camiño á tenda. Mercamos arroz, plátanos, salsa de tomate, viño e licor de turrón. Nembargantes, precisabamos ovos e a dona da tenda non tiña, polo que non tivemos máis remedio que preguntar polas casas do lugar. Namentres voltabamos ó albergue, preguntámoslle a un mozo do lugar se tiña ovos pra vender ou se sabía dalgún veciño que os vendera. O rapaz entrou na súa casa e tróuxonos como media ducia. Cando lle queriamos pagar, o mozo díxonos que non lle deramos nada, que os cartos dos ovos llos deramos ó santo cando chegaramos a Compostela. Fixemos a cea no albergue e tomamos a botella enteira de licor de turrón. Gardo un especial recordo deste albergue e da atenta e servizal hospitaleira Marifé.



19 de Setembro de 2013
Etapa 12. Melide – Arzúa (De As Seixas a Arzúa)


A iso das oito da mañá, Nico e eu abandonamos o Albergue de Seixas. Denantes de liscar decidín espertar ós meus amigos de Vigo e a Angie. Nesta etapa notei a Nico un pouco canso, mais non de cansazo físico senón mental. Nicolás xa fixera moitas veces o Camiño e non soportaba a idea de mesturarse co Francés. Deixoumo claro denantes de entrar en Melide. Sabia que Nicolás deixaría o Camiño esa mesma xornada, e non me trabuquei. Ó entrar en Melide vimos un pobo ateigado de peregrinos, mochilas e albergues. O Camiño Francés arrastra a milleiros de peregrinos por estas terras. En Melide agardamos por Alfonso, Pepe e Angie, que nos seguían de preto. Xantamos nunha pequena taberna á entrada do pobo. Alí foi onde Nicolás se despediu de nós. Logo fixemos unha foto pra o recordo.


Foi unha pena a marcha de Nico, estáballe a coller moito cariño, mais el escolleu rematar alí e así o fixo. Foi a súa decisión. Nós, Angie, Alfonso, Pepe i eu, decidimos seguir o noso Camiño ata Compostela, polo que non tardamos en proseguir cara Arzúa. Sabiamos que por estas datas o Camiño Francés ficaba ateigado de peregrinos, pero nunca imaxinei que fosen tantos. Dende Melide non tivemos un so momento onde quedaramos a soas. Sempre vimos xente diante e detrás de nós, bicicletas que constantemente nos obrigaban a apartarnos do Camiño, mais o certo é que a medida que nos achegabamos a Arzúa, a concentración de peregrinos ía diminuíndo. En canto chegamos a Ribadiso, a iso das tres e media da tarde, fomos dereitos ó albergue para procurar algunha praza onde durmir, mais a sorte non estaba da nosa parte. O derradeiro peregrino en ocupar unha cama foi Germán, un tipo de Cuenca fortachón e simpático que xa coñeceramos no Albergue de Lugo, no cumple de Ana de Madrid.

Lugar de Ribadiso
A pesares de non atopar praza no albergue, Pepe, Angie e Alfonso non desaproveitaron a ocasión e mergullaron os seus doentes pés nas frescas augas do río. Ribadiso é un lugar marabilloso. A súa anterga e pétrea ponte dá a benvida a unha paraxe sinxela e fascinante; un oasis para o peregrino. O noso camiño debía continuar, polo que botamos a andar de novo namentres os peregrinos que conseguiron praza en Ribadiso se relaxaban nas terrazas das tabernas. O sol estaba a pegar moi forte sobre de nós, e os meus xeonllos xa estaban a pasar factura. Chegamos a Arzúa á tardiña, e as portas dos albergues do pobo ficaban ateigadas de peregrinos. Decidimos probar sorte no Albergue Turístico Santiago Apóstol, e o certo é que non estivo mal. Iso si, tocounos no quinto andar e as nosas pernas xa estaban bastante castigadas. A señora que nos atendeu díxonos que tiñamos á nosa disposición un ascensor para subir. Nembargantes, Pepe agradeceu o detalle pero dixo que mentres non rematase o Camiño non se subiría a ningún artefacto a motor. Semellante afirmación fixo que todos subísemos até o quinto andar a pé e coas mochilas ás costas. 

Paraxe fluvial de Ribadiso
Nada máis chegar ó quinto andar, deixamos as cousas e procuramos os aseos pra duchármonos. Como non podía ser doutro xeito, atopámonos de novo cos franceses. Estaban por todos lados; eran omnipresentes. Coincidín con eles en case todos os albergues dende que emprendín o Camiño en Oviedo. Contáranme que viñan do Camiño do Norte e decidiron unirse ó Primitivo. Á fin, despois de acicalarse e perfumarse, deixaron os aseos libres para nós. Tan só quedabamos nós: Angie, Alfonso, Pepe i eu. Saímos a cear por Arzúa, xa que o albergue privado somentes tiña unha cociña i estaba sempre ocupada. Ceamos pizzas e pasta nunha pizzería do máis tradicional. Voltamos ó albergue e Angie convidounos a unhas infusións de té verde na terraza do mesmo. Logo decidimos ir durmir, en parte porque unha das “hospitaleiras” nos convidou a facelo. Pepe quedou conversando cun peregrino. 



20 de Setembro de 2013
Etapa 13. Arzúa – Santiago de Compostela


Angie, Alfonso, Pepe e eu puxémonos a camiñar a iso das dez da mañá, logo de espertar moi tarde, durmir moi ben e almorzar moi forte. Agardábannos máis de corenta quilómetros ata Santiago de Compostela. A meta estaba moi preto, polo que tiñamos claro que esa sería a derradeira etapa deste, para min, primeiro Camiño. Puxémonos a camiñar e puidemos observar que xa non se vían tantos peregrinos coma na etapa anterior. Recordo que namentres camiñabamos e ó pouco de deixar Arzúa, un ciclista que viaxaba a gran velocidade i en dirección oposta, case nos leva por diante, de non ser porque o susodito ciclista soltou un estraño berro, como de debuxos animados, que máis que alertarnos case nos mata do susto. Que llo pregunten a Pepe...

Capela de Lavacoia
Sobre a unha da tarde paramos a xantar nun bar preto de O Pino, onde pouco despois dous peregrinos foron arroiados por un camión e perderon as súas vidas. Dende que entramos en Galicia puidemos observar multitude de tramos do Camiño que discorren a carón mesmo da estrada, en ocasións case sobre a mesma liña branca que marca os carrís. A iso das tres puxémonos de novo a camiñar cara Compostela. Alfonso e máis eu tiñamos as pernas desfeitas do Camiño. O cansazo de todas as xornadas anteriores estábase a acumular. A iso das seis atopamos a Capela de San Marcos. Alí selamos e constatamos o preto que estabamos xa da Capital. En Lavacolla fixemos unha pequena parada onde repuxemos forzas denantes de entrar en Santiago de Compostela. Entramos na cidade polos barrios de San Lázaro, Concheiros, San Padro e Casas Reais. Atravesamos a Praza Cervantes e pola Acibechería chegamos ó Obradoiro. Xa non sentimos dor algunha. A entrada no Obradoiro foi un momento moi especial. Abrazámonos e ollamos a Catedral do revés. Deitámonos no chan e deixamos que o tempo fose pasando, se cabe, máis de vagar. Os catro ficamos por un intre calados e pensativos, sen saber que dicir. Logo fomos a pola Compostela e á noitiña, de troula e carallada! O resto dos compañeiros chegarían ó día seguinte.
Este Camiño cambioume un pouco, adestroume e fíxome medrar. Coñecín xente marabillosa da que gardo recordos i experiencias que nunca endexamais esquecerei. Todos e cada un dos peregrinos que coñecín neste Camiño ensináronme moitas cousas e apoiáronme sempre que o precisei. Pepe de Castellón foi o primeiro adestrador que tiven neste camiño, e sempre recordarei a súa enerxía, a súa positividade. De Nicolás recordarei os seus sarcasmos e a súa sabedoría filosófica, mais tamén a súa fiel compaña neste primeiro Camiño. Nino e Amador son uns rapaces fabulosos e simpáticos, e grazas a eles comprobei os efectos relaxantes do alcol de romeu. De Angie lembrarei os seus enfados e os seus sorrisos, mais tamén a súa amabilidade. Ibón e Jesús foron uns auténticos exemplos para min polas súas ganas, pola súa enteireza e pola súa sabedoría.

Na Praza do Obradoiro. Des esquerda a dereita: Angie, Alfonso, Pepe i eu.
De Carlos e Ana gardo a súa alegría, a súa sinxeleza. De Horst gardo bos consellos, foi o meu guía espiritual neste Camiño, e aínda que non o creades, foi o que máis ánimos me deu; o que máis me coñecía e me apreciaba.  De Pepe somentes podo dicir que foi o que máis me fixo rir en todos estes días. É un rapaz cun futuro brillante. Alfonso ensinoume a falar cando hai que falar e a calar cando hai que calar. Un san e bo rapaz co que teño unhas cervexas pendentes. Todos vos significáchedes moito para min en todo este tempo. Oxalá poida saber de vós, compañeiros. O Camiño é como a vida mesma; está chea de altibaixos, de problemas a esquivar e de sufrimento, pero somentes andando, seguindo adiante a pesares da adversidade, poderemos vencer e conseguir o que nos propoñamos. Grazas amigos por esta inesquecible experiencia. Grazas polas duras xornadas, polas horas, minutos e segundos que estivemos xuntos. Foi un gran pracer coñecervos, e oxalá a vida teña a ben volvernos a cruzar no camiño. Que todo este sufrimento vivido se recompense cos vosos mellores desexos. Saúde e sorte para todos vos, compañeiras e compañeiros do Camiño Primitivo.