mércores, 26 de xuño de 2013

Os monxes remeiros de San Facundo


“Antr'as negras ribeiras manso e lento,
Como corre o abatido pensamento
Antr'os tristes remorsos y á esperanza,
Iña á compas do vento
Correndo tras d'a estensa lontananza.
 Mais cabe d'ancha orela,
Misterioso e agachado un centinela,
N'un-ha lancha d'o Miño apousentaba;
Y á arma n'a man y en vela
A través d'a ramaxen axexaba”.
Rosalía de Castro, Follas Novas

Aló onde o Miño alenta os socalcos, por antr’as sacras e traballadas ribeiras miñotas, cada remanso recende a historia adormecida. As marxes do noso máis lendario río atesouran aínda numerosos mosteiros, torres, pontes e santuarios que foron testemuña de moitos sucesos acontecidos nesta sacra terra. Logo de visitar a Torre da Candaira e coñecer máis de preto a súa historia, collemos rumbo ó veciño concello lugués de Paradela. Alí, na parroquia de San Facundo de Ribas de Miño, agardaban por nós as historias da súa antiga e fermosa abadía. Logo de deixar atrás o núcleo urbano de Portomarín e o balbordo dos peregrinos que ateigan as súas rúas, atravesamos o danado curso do Miño contemplando os muros das antigas vivendas do primitivo e asolagado Portomarín. Namentres nos adentrabamos nas terras paradelenses da Comarca de Sarria, contemplamos as violáceas cores das vides do mencía, que semellaban presentes en cada chanzo, en cada eido destas intricadas ladeiras. Descendemos polo val que deixa tras de si o Monte da Trapa e, logo pasar O Lombao, albiscamos o río, as vides e os socalcos, que arrodeaban a paraxe procurada. Á fin, a carón do leito do río, puidemos contemplar a xeitosa e singular abadía de San Facundo das Ribas de Miño. Á fin, a carón destes socalcos, puidemos cavilar e recrear a humana e nobre angueira dos seus abades.


Corría o ano 1116 cando Dona Urraca, raíña de León e de Castela, comeza a sentir envexa da prosperidade que o Camiño de Santiago estaba a esparexer polo territorio galego. Nun arrebato de rabia e loucura, mandou derrubar a ponte romana de Portomarín; parte do Camiño Francés a Compostela. O seu obxectivo era claro, frear a fonte de ingresos que supuñan os peregrinos para o Arcebispo Don Diego Xelmírez. Pouco tempo despois e coa ponte de Portomarín derrubada, os primeiros monxes beneditinos deciden internarse nestas plácidas ribeiras do Miño; onde as mansas correntes fan deste tramo do río un treito navegable. A súa laboura non sería outra que a de prestar un honroso servizo ós grandes prexudicados desta contenda; os peregrinos. Denantes de que erixisen a abadía que hoxe coñecemos, os monxes comezaron a construír lixeiras barcas de madeira para traer e levar, a través do Miño, ás almas que procuraban Compostela. Así foi como naceu a historia de San Facundo e os monxes remeiros. Poucos anos despois, no 1120, fúndase o pequeno complexo de Ribas de Miño, e neste mesmo ano, Pedro ‘O Peregrino’ volve a erixir a ponte de Portomarín; aquel vieiro da discordia que anos atrás derrubara Dona Urraca. Desta volta, a ponte fora construída co fin de prestar servizo a aqueles peregrinos que non podían pagar o portádego esixido en Portomarín. Ademais, contan que foron moitos os que, sen recursos, teñen pernoctado na ábsida da igrexa de San Facundo.


O vello conxunto de San Facundo de Ribas de Miño, o fogar dos antigos monxes remeiros, fica agora en silencio e soidade. Coma se as almas dos seus abades e peregrinos se reencarnasen en vides, en terra i en socalcos; en sangue mencía. O conxunto está conformado pola igrexa parroquial e a casa reitoral, e o estilo atópase en plena transición entre o románico e o gótico. Algúns estudosos, como Ricardo López, opinan que a bóveda deste antigo santuario está considerada a primeira manifestación do gótico na Península Ibérica, así como unha das primeiras da vella Europa. A susodita bóveda emerxe sobre de seis arcos de pedra que converxen nunha peza clave situada a tan só cinco metros de altura. Nembargantes,  esta igrexa garda moitos máis segredos no seu interior que, polo momento, non tivemos a sorte de coñecer. Nas entrañas do templo de San Facundo de Ribas de Miño aínda poden ollarse pinturas murais hispano-flamencas que datan de 1474 e nas que se ven representadas as figuras de San Cristóbal, San Sebastián ou a Virxe María. Semella incrible que logo de tantos séculos aínda poidamos contemplar xoias artísticas tan antigas e valorosas coma estas. No ano 1982 foi declarado Monumento Nacional de Interese Turístico e Cultural, e 15 anos despois, no 1997, foi debidamente proxectado e restaurado polos arquitectos Alberte González Rodríguez e Jorge Salvador Fernández.


O mimo e bo facer co que se levaron a cabo as obras de restauración deste conxunto viu os seus froitos un ano despois. No 1998, o Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia outórgalles a Alberte González e a Jorge Salvador o Primeiro Premio ó Mellor Proxecto de Restauración de Galicia. No que respecta á súa restauración, San Facundo tivo a sorte que lle faltou, e que aínda lle falta, a moitos outros cenobios galegos. Quizais todo o esforzo dos monxes remeiros e a hospitalidade coa que trataron ós peregrinos se vexa hoxe recompensada no seu templo. Non tiña que ser nada doado para aqueles monxes remeiros atravesar o amplo leito do Miño, nin prestar servizo ós fieis camiñantes que, carentes de recursos materiais, procuraban Santiago de Compostela. Namentres dende o lonxe albiscabámolos meandros dun Miño amplo e caudaloso, semellabamos imaxinar as pantasmas daqueles monxes remeiros vogando a contracorrente sobre do leito do río. Semellabamos ver a aqueles peregrinos chamar polos remeiros, arregazando as luxadas e probes roupas entre as ramaxes das ribeiras. Cantas almas viaxeiras deberon agradecer a estes monxes a súa hospitalidade. Canto non deberon rezar por eles! Denantes de liscar desta ribeira única e lendaria, non dubidamos en pecar unha vez máis, botándollela man ós acios de escuras uvas que, case como un froito prohibido, se mostraban diante de nós. Liscamos desta histórica paraxe de camiñantes coa lembranza posta nos monxes remeiros de San Facundo e a súa gran hospitalidade.  Que destas vides rexurda o esprito, o celme i o sangue mencía dos seus abades!

martes, 18 de xuño de 2013

Casota de Freáns, refuxio milenario de Berdoias


“Vin revelarse as antas na afinidade da morte
todo se pode ler nesta páxina atlántica
na sustancia unitaria do narcisismo celta
Na camelia gaélica do xardín de Bínn Eadair”
Luz Pozo Garza, As arpas de Iwerddon

Continuamos a nosa particular andaina tralas pegadas milenarias dos antergos, viaxando unha vez máis, cara a bravía costa dos ardentes solpores. Coma xa fixeramos en anteriores ocasións, decidimos trasladarnos a tempos remotos para profundar nesas ancestrais xoias do Megalitismo que tanto abondan neste noso País. Decidimos continuar a ruta que comezaramos hai cousa dun ano, cando visitaramos parte dos dolmens do Val da Soneira. Neste interesantísimo roteiro coñeceramos os vestixios de Pedra Cuberta, Pedra Moura, a Pedra da Lebre e a Pedra da Arca, mais deixaramos outras tres mostras para máis adiante. Unha delas era a Fornela dos Mouros, situada no interior do Concello de Laxe, a Arca de Rabós en San Antoniño de Baíñas e, por último; a que agora teredes o gusto de coñecer. Os nosos pasos diríxense cara o concello coruñés de Vimianzo, até o húmido e histórico Val da Soneira. Alí descansan as frías e misteriosas laxes dun dos dolmens máis particulares do noso País. Puxémonos a camiñar na parroquia de San Pedro de Berdoias, logo de deixar atrás a estrada que une estas feras terras da Costa da Morte coa nosa húmida e fría capital. Logo de atravesar a aldea de Berdoias e deixar tras de nós o ruído das grandes estradas, emprendemos o vieiro que nos levaría ata o Dolmen de Freáns, tamén coñecido como a Casota dos Mouros. Este dolmen garda moita relación coa Fornela dos Mouros, xa que ámbolos dous teñen unha morfoloxía semellante e unha antigüidade que os emparella.


Logo de atravesar un par de quilómetros por un vieiro milenario e a carón de verdescentes veigas e pradarías, á fin puidemos albiscar, á beira do camiño e arrodeado polas xestas, as lisas e cadradas laxas do noso procurado monumento megalítico. A escasos metros das chantas de Freáns, o ceo comezou a cuspir as primeiras pingas do que sería unha escura tarde de infindas doiras. Semellaba que o destino quería refuxiarmos baixo a pálida anta deste dolmen milenario. Irremediablemente, tivemos que resgardarnos da chuvia no interior desta antiga construción até que pasase o peor. Contan que é común que os pastores da zona se resgarden, namentres vixían os rabaños e coma nós fixeramos, baixo a anta de Freáns. Namentres agardabamos a que o ceo nos concedera unha tregua, aproveitamos para ollar a terra batida e as herbas ventureiras que emerxían do duro chán da Casota. Mais tamén puidemos contemplar as marcas gravadas nas chantas de Freáns. Este dolmen conserva no seu interior, amais dos limos da humidade que escorregan baixo da sombra, pequenas coviñas e mesmo cruces, que semellan falarnos dos ancestrais cultos pagáns e, tamén, da súa posterior cristianización. A forte chuvieira foi amainando, polo que decidimos saír ó exterior e contemplar este antigo monumento en plenitude.


Esta construción de reducidas dimensións conserva unha morfoloxía similar á Fornela dos Mouros. Ámbolos dous presentan unha planta rectangular conformada por tres chantas verticais sobre das que se sostén a anta; no caso de Freáns, de case dous metros e medio de ancho por tres e medio de longo. Tanto a Casota de Freáns como a Fornela dos Mouros, carecen de corredor i estrutura funeraria, polo que moitos estudosos pensan que máis ca dolmens, se traten de construcións tardías do Megalitismo Galego, predecesoras quizais das Cistas da Idade do Bronce. En definitiva, non está nada claro que o fin destas construcións fose funerario. As dúas semellan datar do 2500 ó 2000 a.C., e as súas laxes semellan mellor traballadas que a meirande parte dos dolmens do País. Sorprende ver as lisas chantas destas dúas xoias megalíticas; estáticas e pulidas. Se estas chantas non se ergueron con fins funerarios, quen sabe cal sería o principal motivo que impulsou a aquelas xentes a erixiren estes monumentos en pedra. Con este pensamento puxemos fin á nosa visita á Casota de Freáns. O ceo foi tornándose máis gris por momentos, e a ameaza de  chuvia semellaba inminente, polo que non tardamos en encamiñarnos de novo cara a aldea de Berdoias. Deixamos tras de nós esta pequena pero monumental mostra tardía do Megalitismo galego co firme desexo de volver a camiñar polos vieiros milenarios e procurar os máis antigos monumentos do noso País. Que a vella Casota de Freáns siga a resgardar das chuvieiras ós curiosos e pastores que se deixen caer por este vieiro milenario!

sábado, 8 de xuño de 2013

A Ponte de Santo Alberte sobre do río Parga


“A espada escintilante tendeu os pontes sagros
do paraíso céltigo. Nos craros hourizontes
choutou a luz a rir. Os verdecentes agros,
os ríos cristaíños, os encrestados montes
enchían de dozura a illa dos miragros”.
Ramón Cabanillas, Camiños no tempo

“Ata o corenta de maio non te quites o saio”, reza o sabio refraneiro popular. As últimas chuvias semellan constatar estas antigas e proféticas verbas. Canta sabedoría se desprende dos refráns, e que pouco se trabucan. As sombras dun inverno tardío e unha primavera inconclusa lémbranme a aquela viaxe na que descubriramos a Terra Chá dos extensos horizontes, o máis xigantesco brañal da nosa Terra. Durante tres intensos e chuviosos días percorreramos as comarcas da Ribeira Sacra, Lugo, Monforte e, coma diciamos, a Terra Chá.  Ollamos o curso do Pai Miño, do Támoga, do Ladra, do Saa, do Cabe e do Parga. No concello de Guitiriz, visitamos fermosos espazos como o Encoro de San Xoán e, por suposto, o sorprendente conxunto de muíño e presa de Merra d’abaixo. Mais denantes de recadar nesta paraxe tan descoñecida, tivemos ocasión de visitar outros moitos lugares que se perden nas ribeiras do Parga. Un deses primeiros espazos visitados foi a ponte que dá comezo á extensa Ruta da Auga de Guitiriz. Procurabamos outra paraxe máis deste concello onde contemplar as valorosas augas, o seu máis prezado tesouro. Falárannos dunha gótica ponte que atravesa o Río Parga e que conduce ata unha capela e unha fonte de augas sacras. Saímos de Guitiriz unha chuviosa e gris mañá, aterecidos polo frío e a humidade. O noso obxectivo, logo de coñecer o núcleo da vila, non era outro que a Ponte de Santo Alberte, a medio camiño entre Parga e Baamonde. Para dar coa procurada ponte debiamos achegarnos até a parroquia de Sambreixo, e iso fixemos.


Non foi doado atopar a ponte de Santo Alberte nin a mesta carballeira de Sambreixo de Parga, pero todo esforzo ten os seus froitos. Á beira dunha ampla estrada que une Guitiriz con Mondoñedo, e a carón mesmo da vía do ferrocarril, puidemos dar coa ponte gótica que procurabamos. Comezamos a atravesar este vieiro sobre o Parga, ollando a máxica carballeira que nos arrodeaba e as fermosas ribeiras do río, mais aínda non caeramos na conta da maxestosa ponte que estabamos a pisar. Cada vez chovía con máis forza, polo que logo de acadar a outra ribeira, non dubidamos en buscar acougo baixo a sombra das ramaxes. E así, case sen decatarnos, contemplamos a súa afiada i elegante silueta. O Parga, que nesta paraxe xa atesoura un importante caudal, apresúrase pra mesturar as súas augas coas do Ladra. As pingas comezan a debuxar líquidas auréolas no espello do río, e a brétema acentúa a sobria presenza da súa ponte. Esta construción, de estilo i estrutura gótica, foi erixida no século XIV en sillería de granito e sobre dunha antiga ponte romana. Conserva dous amplos arcos oxivais, así como dous aliviadoiros en cada extremo da mesma. Mide dous metros e medio de ancho, e ata non fai moito era atravesada por vehículos e persoas.  Durante a súa longa existencia sufriu diferentes reformas. A primeira levouse a cabo entorno ó século XVIII, namentres que a segunda, máis recente; foi emprendida no ano 2006. 


Por este elevado e gótico vieiro pasa o Camiño do Norte, polo que transcorren milleiros de almas que se dirixen ata Compostela. Ademais, a través desta ponte pasaba o Camiño Real que, antano, unía a noso territorio con Castela. Dende a última reforma, prohibiuse o paso de vehículos para protexer esta antiga e fascinante construción. Agora é o punto de partida para moitos camiñantes, non somentes peregrinos, que queiran coñecer a Ruta da Auga de Guitiriz. O percorrido, duns vinte quilómetros, acompaña o curso dos ríos Parga, Ladroil e Roca. A nosa viaxe viuse interrompida polo tempo, mais o certo é que aínda nos quedaba por ver a tamén gótica capela de Santo Alberte, e a súa fonte medieval de augas milagreiras. A chuvia semellaba non dar tregua, polo que tivemos que apresurarnos en liscar para non rematar cun bo arrefriado. Nembagantes, comprendemos que as nosas pontes non terían razón de ser sen a chuvia e humidade que tanto abunda no noso nutrido e verdescente territorio. A auga é o noso máis prezado tesouro, a nosa eterna e milagreira fonte de vida. A que nos conforma, a que nos sacia, a que nos nutre, a que nos limpa, a que nos alimenta; a que escacha o noso gran e a que atravesa a nosa bandeira. Deixamos tras de nós Sambreixo e as augas do Parga para procurar novos eidos e historias, pois como reza o sabio refraneiro popular: “Á auga de correr e á xente de falar, non se lle pode privar”.