domingo, 29 de xaneiro de 2012

O Navia en terras de Burón


"Un inverno longo coma un parto.
Unha viúva. Un vello. Un tolo.
Unha xeada amoreada vinte días.
Unha porta pechada ás once da mañá.
Un fatado de cais de romaría…
Un neno. Unha vaca. Un pranto.
Un pescador ca cesta ó lombo.
Un burro tirando dun arado.
Unha estrada retorta. Un paporroibo.
Un neno. Unha vaca. Un pranto.
Un encoro que ha de vir unha noite.
Unhos veciños armados de berros.
Unhos políticos decidindo dende lonxe.
Un neno. Unha vaca. Un pranto.
Un agora de vellos e de mortos.
De esquecemento e de abandono.
Un porvir negro como un corvo…
Un neno. Unha vaca. Un pranto.
Navia. Un pobo. O meu pobo"
Toño Núñez, Navia nai.


As vacas seguen a pacer nas ribeiras do Navia
Remexendo nos arquivos da Fraga, achei esta vella foto dunha viaxe que fixeramos noutrora ós confíns das terras lucenses. De súpeto voltaron á miña memoria as lembranzas daquela fatigada incursión nas fronteirizas terras da Comarca de Burón. Foi unha dura e fría mañá de inverno cando atravesamos os húmidos vales da Fonsagrada para dirixirnos ás vellas aldeas que se espallan por antre os cantís, de camiño á Negueira de Muñiz. Trátase dunha terra de fronteira, que penetra de cheo en territorio Astur, e que fica presidida polo caudaloso Río Navia e os seus afluentes, entre os que cabe destacar o Ibias, o Carbonel ou o Llouredo. 

A riqueza do río
O Río Navia esténdese ó longo de máis dun cento de quilómetros, entre terras galegas e asturianas. Nace ós pés do sacro Cebreiro, na aldea de Busbullán, para atravesar de cheo os Ancares e buscar a sombra e darlle nome á vella ponte de Navia de Suarna. Xa con abondoso caudal, de máis de dous mil metros cúbicos por segundo, baixa polas esgrevias montañas da Fonsagrada, con cumios coma o de Chaos, Moural e Busbeirón, que sobrepasan os mil metros de altitude. O seu estenso curso atravesa, tamén, numerosos concejos asturianos, coma o de Ibias, e Grandas de Salime, para morrer en augas cántabras, na ría que leva o seu nome. 

Arquitectura popular
Nestas altas terras da dura montaña oriental, o clima resulta extremo, propio das altas cumes galegas. Nas ladeiras podemos atopar numerosas especies de matogueiras coma o breixo e a carrasca, que predomina nos altos cumes onde é difícil atopar a sombra dunha árbore. Nos ventres dos profundos vales milenarios, escavado na lousa e no xisto, desenrólase unha gran riqueza arbórea, na que predominan os castiñeiros, carballos, bidueiros e nogueiras. A variedade do relevo e a constante condensación da auga do río e das ladeiras, fan que as concas dos ríos e das aldeas se cubran de néboa nos amenceres da montaña. As poboacións das ladeiras máis elevadas reciben, pola contra, o impacto de cheo da luz solar. Esta variedade fai que existan multitude de microclimas entre aldeas limítrofes. 

As traxedias das ribeiras do Navia
A soidade pálpase nas aldeas de Burón
As ribeiras do Navia foron habitadas dende fai milleiros de anos polos nosos antergos, que dende sempre se adicaron a sacar proveito da enorme riqueza destas nutridas terras e das súas augas. A importancia deste caudaloso río reside, en parte, no seu nome. Hai quen asegura que provén da deusa galaica Nabia, que residía nas augas e nos ríos. Outros tamén afirman que deriva da anterga verba indoeuropea, Naus, facendo referencia á súa condición de navegable, polo seu gran caudal; porén é o máis caudaloso da vertente cantábrica. O Navia agocha tras de si as vellas traxedias da súa historia. Unha mañá de 1948, o ruxido da demoledora maquinaria dos megalómanos de antonte, irrompeu nas terras de Burón para devastar o terreo e guillotinar o caudaloso curso do río. O murmurio da conmoción entre os veciños aínda parece escoitarse entre estas fragas solitarias, os berros da resistencia e os laios das despedidas. As primeiras fuxidas dos veciños, impávidos ante a falta de comunicación co municipio, -asolagado pola presa, falto de pontes e de indemnizacións-, tiñan como destino a Terra Chá, afastados das vertixinosas ladeiras da súa terra natal.

Os hórreos do Burón
No corazón da chaira lucense fundaron colonias como as de Arneiro e Viega do Pumar, e semella que levaron algo máis que lembranzas nas súas maletas, levaron a súa arquitectura tradicional e a estrutura dos fogares de seus pais. Alí comezaron unha nova vida, logo de que lle guindaran a liberdade e o fogar. Pero algo quedou das vellas loitas: nos anos setenta, a Negueira de Muñiz foi escenario dunha experiencia pioneira a prol da liberdade. A comuna de Foxo era un grupo de persoas chegadas de diversos lugares para asentárense nos fogares sen vida que aínda gardaban recordos dos seus antigos habitantes. Baixo estes teitos comezaron unha nova vida. Moitos deles aínda seguen alí, alentándose do bafo das ladeiras e disfrutando da liberdade establecida nesta vella comunidade. 

Despois da catastrófica construción do Encoro de Salime, as terras de Negueira sufriron un despoboamento masivo, quedando somentes uns poucos centos de veciños. Hoxe, séguense a adicar coma sempre a cultivar as terras dos seus antergos, e a criar a mellor vaca galega. A pesca, a caza, a recolección de cogumelos, e outras actividades relacionadas co agro e co monte, constitúen a rutina diaria destes veciños esquecidos das nosas fronteiras. As cabaceiras de madeira, empregadas para garda-lo gran e outros múltiples usos, forman parte da paisaxe, mais a ruína e o esquecemento comezan a apoderarse de moitos destes vales. Deixamos atrás estas farturentas aldeas onde non pode faltar na mesa o butelo, un dos pratos máis singulares da cociña tradicional galega. Que o Navia non afunda as vellas lendas nin os recordos de fuxidas, nestas aldeas da fronteira! 

sábado, 28 de xaneiro de 2012

O Mosteiro de Oia e os artilleiros da fe


“A Oia pode chegarse por terra e por mar,
por camiños que nunca máis se esquecen,
ben se veña desde Vigo,
ou ben se proceda do Miño Baixo,
deixando ás nósas costas as terras que o río domina,
os socalcos onde coce o albariño,
os piñeirais, os prados e os outeiros, os vales”.

Xosé L. Franco Grande

O fero Atlántico reventaba a súa furia contra os cons da pequeña enseada aquela mañá de 1624. Oa vixías alertan da presenza de experimentados navíos, de orixe descoñecido, que se achegaban ata aquelas terras para saquear a riqueza ben gardada dos monxes. A desesperación extendeuse polos claustros, e somentes quedaba loitar. O vello abade fixo soar as badaladas, rompendo a tranquilidade do vello mosteiro de Santa María a Real de Oia. Os monxes trocaron os seus rezos polos berros de combate, e sacaron os canóns ás ordes de Frei Anselmo, un monxe que noutros tempos fora un curtido capitán nas batallas de Flandres. O mosteiro converteuse entón nunha auténtica batería costeira, que repeleu con éxito o asalto de cinco navíos turcos, que buscaban rapiñar as aldeas da costa de Oia. Dende aquela, os reis comezaron a enviar cargamentos de armas para facer responsables a estes monxes guerreiros de defender o seu imperio feudal. Pero non foi a súa única fazaña. Este mosteiro foi tamén refuxio de fuxidos barcos portugueses e ingleses, que a cambio da protección exercida polos oxidados canóns da abadía, agasaballan ós monxes con novas pezas de artillería.

A riqueza que creou este mosteiro na súa contorna, foi posible grazas á habilidade e sabedoría dos monxes, que coas súas propias mans introduciron a cría do cabalo ceivo, polo que, ademáis de defenderen durante séculos esta costa, tamén se lles pode considerar os precursores da milenaria rapa das bestas. 
Pero xa non se escoitan os estoupidos dos canóns, nin os berros de combate dos aguerridos artilleiros da fe. Os pasos dos antigos habitantes xa non resoan polos claustros, os liques invaden sen piedade as vellas pedras, e somentes quedan as lembranzas daquelas vellas batallas. Mais a historia do mosteiro de Oia deixou en herdanza un rico patrimonio artístico, que ten as súas orixes no séculos XI. Cando chegamos ante a súa impoñente fachada renacentista, observamos que olla ó mar con desafío, sempre alerta ante os ataques que hoxe xa non recibe. O seu campanario, érguese sobre a pequeña baía onde os derrubados peiraos fálannos da prosperidade comercial que viviu noutros tempos. No interior, as estancias revelan restos do seu pasado medieval, anacos da antiga prosperidade, da que hoxe somentes quedan frescos ateigados de humidade. Os rexos contrafortes de Santa María a Real de Oia despídennos, entre o mar e a montaña, destas limítrofes terras de viños e combates. Que non morran as lendas de vellas loitas, e de fe!

venres, 20 de xaneiro de 2012

Ourense das pontes e das Burgas


"Dicir Ourense, dicir melancolía
de auga no cristal das rúas,
ou traxe de nostalxia no pasear
do asfalto e das pedras mornas.

Dicir Ourense, dicir licor café
no relanzo da noite,
é aventurarnos nos desfeitos cotiáns
que agoiran convivencia de días encontrados
no espertar das pontes.

Dicir Ourense
é dicir arteria, ou espirais de prata
no rincón do viño.

Dicir despois ourensán,
categoría de homes circunscritos
a un tempo e a un pasado,
a un ouvear de meigas vencelladas
coa rúa do Villar ou do Progreso.

Dicir,
matinar en Ourense
é unha metáfora
unha lembranza perdida
no bébedo soño dos ausentes"

Francisco X. Fernández Naval. Oira

Posto do mercado matinal de Ourense
Chegamos a Ourense cando aínda comezaba a alborexar, e a brétema acumulábase en torno ás ribeiras do histórico Miño. Ó longo dos séculos, o home foi construindo multitude de pontes coas que atravesar o río. Por iso, a historia de Ourense está rexistrada nas súas pontes. Dende a dúas veces milenaria Ponte Vella, que foi construida polos romanos e reformada na Idade Media; ata a ultramoderna Ponte do Milenio, erixida no ano 2001. Tamén a chegada do esperanzador ferrocaril que cantara Curros, está representada no Viaducto do tren. Hoxe en día, Ourense é unha próspera cidade adurmiñada nos vales do Miño, coma o estivo dende a noite dos séculos. Conta cunha poboación de máis de cen mil habitantes, grazas á constante chegada de numerosas persoas das vilas e aldeas da contorna nas últimas décadas. Camiñamos polas súas empedradas rúas, contemplando o lene espertar da vella cidade das Burgas. A xente comeza a ocupar as prazas e alamedas coa vida e o trafego habituais, mais algo chamou de súpeto a nosa atención: as mulleres das aldeas ocupan un mercado en pleno centro da cidade, ofertando os mellores productos da terra. As tradicionais ristras de cebolas e allos embelecen a multitude de postos que nos recibe neste paradiso cheo de cestos rebosantes de todo tipo de agasallos da natureza. Dende as noces, améndoas ou abelás das centenarias árbores, ata as mellores hortalizas e legumes: repolos, leitugas, acelgas, coles, pementos, tomates, xudías ou cenouras. Tamén outros moitos tesouros gastronómicos de gran arraigo, coma os queixos, o pan de Cea, os ovos da casa, ou a escura mel da montaña ourensá. As experimentadas vendedoras abórdannos para ofrecernos a ampla e apetitosa variedade de productos das súas hortas.


Decidimos facer unha parada para sumerxirnos na interesante e acolledora conversa destes mulleres cheas de vida e sabedoría. As súas verbas falábannos da beleza destas terras e da fachenda que os ourensáns sinten polo seu. Despedímonos silandeiros desta praza de destinos e rutinas, de cores e recendos para adentrármonos de cheo nas quentes e milagreiras augas do símbolo por excelencia desta cidade.

Os fieis ourensáns seguen a acodir como dende
antano ás vellas Burgas
Augas de fe
A presenza destas augas máxicas, e a Ponte Vella, constitúen as orixes de Ourense, e son por iso mesmo os seus grandes símbolos. Non en van, esta anterga urbe galega de orixe romana recibe o nome de "Cidade das Burgas". Xa nos tempos antigos, o ouro foi obxecto da cobiza de diferentes pobos. De feito, os romanos bautizárona como "Auriense", A Dourada. Os restos atopados ó pé das Burgas fálannos dunha dama galaicorromana chamada Calpurnia, que levaba a cabo ofrendas a estas augas máxicas. É unha proba da fé que os ourensán despositaron dende sempre nas súas Burgas. Moitas son as persoas que acoden, como unha vella rutina, a estes dous caños de auga fervente. A caldeira subterránea fai emerxer un caudal de trescentos litros por minuto, a unha temperatura duns 70ºC. Un vello cartel indícanos a composición desta fonte única, conformada por multitude de elementos coma o sodio, o sílice, bicarbonatos, cloruros, fluoruros, potasio, cesio, calcio ou magnesio. Esta auga, que disque cura catarros e outras doenzas, arrastra numerosos fieis que, día a día, conversan cos visitantes para louvar as súas propiedades e beneficios.

A Fonte das Burgas
No pouco tempo que estivemos a carón das vellas Burgas, avistamos numerosos destes portadores da fé polas súas augas, recollendo en tazas e botellas a fervente auga que nace das entrañas da terra. Paseando por entre os fermosos xardíns que embelecen o lugar, algúns beben paseniño, namentres moitos outros realizan pequenas fregas rituais, pasando un pano mollado pola pel. Mais os vellos saben do respecto que lle hai que ter á auga das Burgas: son os riscos que as altas temperaturas destas augas poden ocasionar. Moitos serán os que os ollan con incredulidade, mais o certo é que en Ourense hai un verdadeiro fervor, nunca mellor dito, cara estas fontes milenarias. Despedímonos da vella cidade das pontes e das Burgas, eternamente veneradas por xeracións enteiras de ourensáns, na procura de novos vieiros que percorrer. Que non morra nunca a fe depositada nestas augas.

domingo, 15 de xaneiro de 2012

O Caurel do ouro e das devesas


"A túa palabra
vive, latexa
nas terras do Courel orixinario,
do Courel amado e transcendido,
vive en cada manancial,
en cada pedra,
en souto que florece,
no revoar dos corvos pregoeiros,
nas uces, nas carqueixas,
na inmaculada neve,
no soedoso vento,
na lúa que se pousa na xeada,
nos bidueiros, nos freixos,
nos carballos.
A túa palabra soa
na Serra do Rebolo,
ascende ós cumes
do Pía-Páxaro, do Pinza
e da Boca do Faro,
onde ouvea o lobo
e roña senlleiro o xabarín.
A túa palabra
vai e vén por Penaboa, Seara, Murelos,
anda por montes e devesas,
e á voz do camiñante que se recoñece
en cada peneda, en cada gabia,
en cada volta de corredoira,
e ata no paxariño que garula
eidos adiante
no "bicarelo do bico do brelo".

Xosé Neira Vilas, Elexía para un poeta

O ouvido do lobo racha o silencio nas escuras e frías noites do Caurel. O sol comeza a alborexar por riba dos nevados cumios de Formigueiros, e as raiolas matinais van esgazando as brancas teas que cobren de xeo os vales do Lor. As montañas súan auga eternamente, sangue vital que escorrega polas verdescentes e húmidas ladeiras da Devesa da Rogueira. Atopámonos ante as entrañas do espazo natural máis impresionante, diverso e virxe do país. O vello caudal do Río Lor, que descende impetuoso dende o seu nacemento no Alto do Cebreiro, nutre a inmensa superficie arbórea de máis de vinte mil hectáreas de monte virxe. Dende o máis alto das montañas, innumerables regatos baixan erosionando as ladeiras. 

As intricadas ladeiras do Caurel
Un ecosistema privilexiado
No corazón destas devesas, os carballos e castiñeiros centenarios son os antergos monarcas que vixían, con vella sabedoría silenciosa, a paz e a beleza deste paradiso. As súas inmensas raíces atravesan as corredoiras, e emerxen da terra para vestírense de hedras, liques e musgo. No medio desta fraga de fentos, as faias, freixos, teixos e loureiros, constitúen unha pequena parte deste verxel onde están representadas todas as especies vexetais autóctonas do interior galego. A carón dos numerosos regatos que acompañan ó Lor, as árbores hidrófilas, como as bidueiras ou os chopos, acougan a súa sede. En primavera, as flores das amendoeiras, cerdeiras e abeleiras, salpican de cor e arume, as verdes devesas do Caurel. Baixo as súas árbores, arandos e todo tipo de froitos da fraga constitúen gran parte da alimentación da súa numerosa fauna. No corazón da fraga, enciñeiras, sobreiras e madroños semellan estraños. A súa presenza é unha das consecuencias do choque de climas no que está situada a serra: Aquí conflúen especies mediterráneas, ademais das autóctonas do clima galego. Nas altas cumes, sen embargo, a dureza dos elementos crea un clima de montaña, onde as vellas árbores deixan paso a acivros, xestas, carrascas, toxos, breixos, piornais e todo tipo de coloridas flores dos cumios. Os abetos e outras moitas coníferas marcan a fronteira entre a fraga e a alta montaña. 

Baixo o espeso manto de follas murchas, os micelios de numerosas especies de fungos aproveitan a riqueza destes solos para facer emerxer os seus preciados froitos. A riqueza micolóxica está conformada por diversos tipos de boletus, champiñóns silvestres, linguas de gato e de vaca, e outros moitos cogumelos comestibles ou non.
As montañas derrubadas pola cobiza dos romanos
Xa non se escoita o ouvido do lobo. Ó amencer, as manadas voltan de retirada ás lobeiras, nas intransitables ladeiras desta serra. Os raposos e xabaríns, merodean aínda nestas fragas, na procura de alimento. Namentres os esquíos rebulen por antre as ramas, os porcos teixos voltan ós seus coveiros e os corzos toman posesión do día. Son só unha pequena mostra da gran cantidade de mamíferos que habitan neste lugar, entre os cales tamén se atopan a marta, a xineta, o armiño ou o gato de monte. As águias reais sobrevoan Pía Paxaro. Pouco a pouco, o bruído dos bufos e curuxas deixa paso ó impoñente voo das grandes aves rapaces da montaña lucense. As culebreiras, milanos, falcóns e aguiúchos esculcan as ladeiras na procura de infinidade de pequenos roedores e réptiles.

A lenda da Serra do Ouro
A Serra do Caurel naceu fai 350 millóns de anos. Trátase dunha terra desgastada polo tempo, pero que sufreu multitude de fenómenos xeolóxicos ó longo dos séculos. Nas súas intricadas ladeiras e nas súas profundas covas (Cova de Tras), de centos de metros de lonxitude e repletas de estalactitas e estalagmitas, podemos ollar a historia do noso chan. O Pregamento de Campodola, ou o Penedo de Taro Branco, son impresionantes mostras da riqueza xeolóxica do Caurel.
Foi precisamente esta riqueza agochada no solo, a que provocou a chegada do home a este abrupto lugar. Na Cova do Oso, quedan restos dos primeiros poboadores do país, xunto con vestixios do Oso Cavernario, antepasado lonxano do noso Oso Pardo, que aínda acostuma atravesar as terras fronteirizas de Visuña e de Froxán. Aínda se albiscan, de cando en cando, as pegadas do vello plantígrado que, nun pasado non moi lonxano, tiña nestes riscos o seu fogar. 

O Castro da Torre
Os primeiros antergos da Idade do Bronce, ergueron unha vintena de castros no alto das ladeiras, coma atalaias de vixilancia fronte a posibles invasións. As súas construcións, que aínda se poden atopar nos castros da Torre, de Froxaz e de Vilar, son a primeira mostra da profunda relación entre o home e a lousa dende a noite dos séculos. As montañas de Pía Paxaro (1610 metros) e de Formigueiros (1643 metros) fican rabuñadas pola cobiza das antigas xeracións que habitaron estas terras.  A febre do ouro chegou ó Caurel da man dos romanos, que aplicaron impresionantes métodos de explotación, coma o ruina montium, que esgazou en anacos parte do macizo de Pía Paxaro. Na súa cima, os romanos chantaron o emblema da Águia Imperial, proclamando o seu dominio sobre o Caurel, a Serra do Ouro. Tras de sí quedaron numerosos vestixios do seu paso. Boa mostra delo son as minas de A Toca, Torubio e Millares.

As vellas aldeas da serra
Seoane é unha aldea de non máis de trescentos habitantes. A súa diferenza cos lugares da contorna é que se trata dun núcleo de poboación onde existen uns servicios básicos e certas comunicacións con outras vilas de arredor, como Folgoso ou Quiroga. Aínda así, mesmo os teitos dos modernos supermercados están cubertos coa vella lousa que xa empregaran os seus antepasados para protexerse das inclemencias. Facemos unha parada nesta tranquila vila pola que aínda transita algún que outro vehículo, para saborear os manxares máis exquisitos da mesa do Caurel. 

Aceña no Courel
As troitas do Lor e as lebres silvestres están sempre no menú, aínda que a carne de caza maior continúe sendo o tesouro máis prezado. As gornicións están sempre ben surtidas dos mellores productos da serra: patacas, ovos, grelos ou repolos, pan e, como non, o viño de Quiroga. De postre, o queixo con marmelo ou o inmellorable mel; resultado da diversa flora que, co seu recendo, atrae ás rebuldeiras abellas. Mais non debemos esquecer a que antano foi a base da nosa alimentación, as castañas. A importancia deste producto queda reflectida na Festa da pisa da castaña, no Lugar de Froxán, onde cada mes de decembro se degusta de múltiples maneiras este excelente e saboroso froito das nosas Fragas. Descubrindo as rúas de Seoane, adentrámonos nunha corredoira que baixa ata o río. Ó chegar á beira do Lor, dámonos conta de que o bosque asedia constantemente a vella ferrería, antano unha pequena pero próspera industria metalúrxica. Estes antergos edificios seguen as directrices dos coñecementos dos romanos, que trouxeron por primeira vez esta tecnoloxía. Os invasores sacaron destas terras multitude de metais, coma o ferro, o ouro ou o antimonio, facendo da mineiría unha próspera actividade. Hoxe esas tradicións están practicamente perdidas, e os vellos batáns fican asolagados polas augas e pola vexetación. Unha píntega atravesa os humedais. Son os últimos habitantes da vella ferrería de Seoane.

A anterga aldea de Visuña
Visuña
Seguimos as pegadas do oso pardo a través das esgrevias ladeiras da impoñente serra, e acadamos a vella aldea de Visuña. Alí, no fondo dun val baixo a sombra do Formigueiros, os poucos veciños que quedan abren as contras e ollan á montaña. Dentro de pouco, as neves asolagarán os teitos e os campos, e o illamento, a soidade e a fame voltarán a ser unha realidade. No río que atravesa a aldea, varios muíños resisten a pegada dos anos. Son as vellas testemuñas de tempos nos que o pan supoñía o alimento máis necesario. Hoxe son parte da paisaxe, mais poucos están en funcionamento. A intricada estrutura das rúas de Visuña, de aspecto medieval, transpórtannos ós tempos nos que o rei Afonso II (finais do século VIII a comezos do IX) estudaba na vella igrexa monacal da antiga Visonia.

O Castelo de Carbedo
Ós pés da maxestosa Devesa de Rogueira, unha antiga fortaleza semella emerxer entre os vales. Alí, no alto dun xigantesco risco, fican aínda as súas vellas ruínas, derradeiros anacos que restan dun pasado, antano glorioso. Aínda se albiscan as troneiras dende as que tiveron lugar tantas batallas esquecidas. Hoxe, a natureza é a dona e señora do vello Castelo de Carbedo.

O Castelo de Carbedo
A vida sempre foi difícil por estes lugares tan remotos. O "Caurel cruel" segue a ser un entorno implacable, no que os poucos seres humanos que quedan loitan por sobrevivir seguindo o ritmo vital de sempre. Cunha densidade de poboación de quince habitantes por quilómetro cadrado, esta serra é un dos lugares máis illados e solitarios do chan galego. A veciñanza de aldeas como A Seara, situada entrámbolas beiras dun dos moitos afluentes do Lor, demostran que aínda se pode vivir na montaña luguesa, adaptándose ós novos tempos. En Parada, berce da gran figura poética do Caurel, Uxío Novoneyra, unha eira danos a benvida á praza comunal. Aínda que xa pouco trigo se malla aquí, estos vellos vestixios da antiga prosperidade seguen a garda-los rachóns, os madeiros, e as ferramentas das labouras máis tradicionais.

Nalgunhas aldeas somentes quedan os vellos. É o caso de Vilamor, onde todos eles aproveitan as raiolas do sol para reunirse na vella praza, que se resiste a morrer. En Campodola ou en Mercurín, somentes quedan un par de familias, e os fogares abandonados serven de galpón nunhas aldeas que nunca deixaron de ser comunitarias. É precisamente esta característica, a que fai que sexan lugares tan hospitalarios e acolledores, a pesares do illamento e da falta de comunicación co resto do mundo.
O río atravesa a supervivinte aldea de A Seara do Río
As vivendas únense unhas a outras a través de auténticos corredores de madeira e cristal, e locen as esquinas redondeadas, as balconadas de madeira, e por suposto os teitos de lousa, que son os elementos básicos da arquitectura popular do Caurel.

Abandonamos o corazón da serra. De camiño a Quiroga, atopamos unha auténtica puñalada no medio do bosque. Varias canteiras de lousa aproveitan aínda a importancia desta pedra para o enriquecemento duns poucos. O home segue a cobizar os tesouros da terra do Caurel, pero os métodos de extracción actuales son moito máis dañinos que os tradicionais. É unha triste mostra do desprezo que o home demostrou sempre cara este verxel da natureza. A presenza constante dos seres humanos pon en serio risco a pervivencia deste espazo único, auténtico pulmón do país galego. Toda protección é pouca, pois, para este paradiso. O sol agóchase á fin tralos cumios da serra, e tinta de vermello as prácidas augas da Lagoa de Lucenza, no alto de Formigueiros. As aldeas recóllense nos fogares, e o fume das lareiras esténdese polos vales. Pronto o lobo voltará a ouvear no alto dos riscos, polas ladeiras mesmas de Pía Paxaro, e a noite envolverá as aldeas e as fragas. 

sábado, 14 de xaneiro de 2012

Capelas de beiramar, da Toxa á Lanzada


"En Estorde, as furnas enmeigadas
mostráronme os teus ollos;
agardei o tracexo das túas coxas
no voo dubidoso
dalgunha ave noitébrega en Ancares;
o teu alento quente
nos vágados da ondaxe na Lanzada"

Vítor Vaqueiro,  A Cámara da Néboa

A extenso areal da Lanzada
Ergueito fica aínda o derradeiro muro da antiga fortaleza da Lanzada. As súas vellas pedras, desgastadas polo mar e polo vento, levan séculos custodiando a esgrevia península onde se ergue a anterga Capela da Nosa Señora da Lanzada. As gaivotas pousan nos poucos pero contundentes vestixios. Esta capela está asentada nun alto protexido dende antano pola súa estratéxica situación de atalaia sobre a entrada da Ría de Arousa. Xa no século X, a Igrexa ordeou erguer aquí unha torre de vixilancia sobre as ruínas dun antigo faro fenicio. Durante as invasións viquingas, os sentinelas prendían enormes fachos para alertar ás veciñas torres de Cambados e de Catoira. Nas entrañas desta pequena península, sobrevive dende o Medievo a garrida Capela da Lanzada. Este pequeno santuario, de estilo románico, foi construido a finais do século XII con planta de salón, e amosa pequenos detalles coma un fermoso rosetón na fachada occidental, e un elegante ábside circular. A vella capela preside a mítica Praia da Lanzada, un dos areais con máis sona do país, e un dos primeiros de Europa en obter a distinción da Bandeira Azul. Os seus dous quilómetros de fina area, protexen un espazo natural de primeira; as marismas e humidais que unen a Península do Salnés co Concello de Sanxenxo. Estas lagoas son o fogar dunha ampla variedade de especies vexetais coma xunqueiras, cardos e ammófilas de area. As aves de paso fan parada nas finas areas destas dunas para descansar e alimentarse de nutrida variedade de insectos, anfibios e réptiles.

Embarcacións no Peirao do Grove
A marisqueira vila do Grove
O Concello de O Grove ocupa a fértil e rica península do Salnés, situada ás portas da Illa de Arousa e inmersa de cheo no Océano Atlántico. A súa estratéxica situación fixo que estivese habitada dende a noite dos tempos. Hai vestixios dos primeiros poboadores da Idade do Bronce, mais a vila do Grove data da época romana. A vida dos seus habitantes estivo vencellada dende sempre ás actividades do mar. As tradicionais artes pesqueiras e marisqueiras foron e seguen a ser o sustento vital dos seus veciños.  No século XVIII, os  fomentadores cataláns descubriron a riqueza destas augas e instalaron diversas factorías pesqueiras e de salazón, as primeiras conserveiras do noso país. As tradicionais artes dos grovenses non podían competir cos métodos preindustriais que trouxeron os cataláns, e o Grove sumiuse, durante moito tempo, nunha grave crise.

As augas termais da Illa da Toxa
No século XIX, un feito cambiaría o rumbo da historia do Grove. Os turistas descobren o poder das augas termais dunha pequena illa situada a carón do porto. Alí, na Illa da Toxa, deu comezo, por aquela, unha das pioneiras experiencias turísticas da nosa terra. Os seus xardíns, repletos de especies de orixe colonial, escoitaron, dende fai máis dun século, as pegadas da fachendosa burguesía. 
Capela de San Caralampio
da Illa da Toxa
Hoxe en día, A Toxa é un espazo reservado ó luxo, con campo de golf, casino, palacio de congresos, e hoteis centenarios con todo tipo de posibilidades no referente ó turismo termal. Entre as súas palmeiras e roseiras, atopamos unha curiosa e pintoresca edificación, recuberta completamente con cunchas de vieiras. Trátase da Capela da Toxa, un pequeno santuario sitiado por experimentadas vendedoras de todo tipo de recordos ou colares de cunchas, que asedian á multitude de turistas que veñen a toma-las augas. Mais non toda a riqueza potencial da Toxa reside nas súas beneficiosas augas termais: as vellas gamelas que descansan nas prácidas ribeiras desta illa de augas bendecidas, son as derradeiras testemuñas dunha actividade pesqueira e marisqueira que se remonta ás orixes do Grove. 

Pequenas embarcacións na Illa da Toxa
Hoxe en día, o turismo e o marisqueo, ademais da pesca e das industrias conserveiras, compoñen a base sobre a que se sustenta a vida dos seus veciños. As actividades mariñas máis tradicionais, coma a laboura bateeira, conviven en perfecta harmonía co moderno turismo, boa parte do cal se achega na procura do mellor marisco do planeta. Toda esta gama de suculentos froitos do mar é degustada cada ano na recoñecida Festa do Marisco, que se ven celebrando dende o ano 1963. É unha mostra de como un sector tan fundamental coma o do mar loita por sobrevivir, apoiándose no turismo. Deste xeito, a vila non perdeu a súa esencia.

Que as aves de paso traian boas novas a estas terras do Salnés, dende a Toxa ata a Lanzada.

martes, 10 de xaneiro de 2012

As cepas do Santuario das Ermidas


"Do meu vale, de combas e relanzos,
espellado de louxas e de xeixos,
rañado de amieiros e caborcos,
garnido de mimosas e milleiras,
barroco de cepeiras e castiros,
recendente de ourego e cabrinfollo,
tinguido de cireixas e de amoras,
polos cachois roscido e as pincheiras,
arrolado dos carros, que se afastan
antre a poeira da silvosa corga.
No soalleiro louro de laranxas,
roxo de balsaís e sangradeiros,
dóce de mel, cinsento de oliveiras..." 

Florencio Delgado Gurriarán, Saúdo a Otero Pedrayo, de “Galicia Infinda” 

Aínda poden oírse os latexantes corazóns dos máis fervorosos fieis de camiño á igrexa, e o murmurio omnipresente que acompaña os seus propios pasos. Aínda se escoitan os laios da paixón das freguesas, a misa en latín e o eco que o coro das Ermidas fai penetrar polos resoantes vales do Río Bibei. Aínda semella recender a incenso e cera, a fume mortuorio de velas apagadas. A paisaxe do lugar, aínda adurmiñado, móstrase tinguida pola sanguenta cor das últimas follas e as intricadas ladeiras fican hoxe coma sempre, valorosamente traballadas.

Ladeiras para o cultivo do viño
Atravesámolas montañas do Val de Valdeorras, unha paraxe natural única que antano pertenceu ós Guigurri ("Guigurros" e "Calubrigensis", pobos que procedían das vellas tribos astures. Segundo indican as citas máis antigas, foron os primeiros poboadores da comarca), para percorrer os vestixios das antigas vías romanas que conducían a Braga e Astorga, e polas que circulaban lexións enteiras de romanos. Uns romanos que explotaron estas terras, pero que tamén nos deixaron valiosos tesouros coma as primeiras cepas dun viño de emperadores e unha gran cultura que aínda conservamos. O noso destino, logo de visitar a Ruta do Viño de Valdeorras, non era outro que o Macizo Central ourensán, e máis concretamente; O Santuario das Ermidas, no Concello de O Bolo. Este fermoso lugar, berce tamén do viño da comarca, acolle un dos santuarios máis recoñecidos e importantes do país, e a súa fachada está considerada unha das mellores obras do barroco galego. As vides, pequenos anxos e numerosas imaxes, decoran as columnas salomónicas da súa fachada, namentres as caveiras de ollos cavorcos e tibias cruzadas fican gravadas ó pé do cruceiro.

Vista do lugar dende a ponte
O pavimento do recinto exterior do santuario, onde se sitúa o cruceiro, componse de milleiros de pequenos bolos ou cantos rodados que, nalgún momento, foron subtraídos das ribeiras do Bibei. Hoxe embelecen a entrada do santuario e adormecen os pés dos que ollan a súa fachada. 
A igrexa, encravada na propia rocha da ladeira, domina dende o alto o lugar. Ao seu redor converxen pequenos rueiros que encamiñan ós poucos fogares de veciños que quedan con vida. As ladeiras das montañas fican construídas en bancais para cultivar unhas vides históricas, compartindo o mesmo chan con especies pouco comúns no noso amplo territorio, coma é o caso das oliveiras ou amendoeiras, máis tamén especies autóctonas coma castiñeiros, bidueiros, e outros moitos hidrófilos que procuran as doces augas do Río Bibei, afluente do caudaloso Sil. A carón deste río descansan as ruínas de dous antigos muíños de auga que datan dos séculos XIX e comezos do XX.

Fachada do santuario
O Santuario da Nosa Señora das Ermidas, que hoxe fica cravado na pedra mesma da montaña, desafiando ó terreo e ó tempo, foi construído aló polo ano 1624, por orde do Bispo de Astorga, que por aquela era Alonso Messía de Tobar. Ó templo inicial, dunha soa nave, fóronselle agregando, a posteriori, a capela maior e as dúas torres de cinco tramos; todos eles diferentes. Tamén unha sala de administración, unha pousada para peregrinos e outras moitas obras. Unha das singularidades con máis sona deste santuario é, sen dúbida, o vía crucis barroco formado por uns catorce nichos que conteñen os pasos do Calvario. Nestes nichos consérvanse importantes tallas da época, a tamaño real, que gozan de gran importancia e sona internacional. O lugar foi declarado Ben de Interese Cultural (BIC) pola Xunta de Galicia o  pasado ano 2006. O santuario pertence á diocese de Astorga.Fuximos taciturnos e sen presa para non perturbar a paz nin o silencio, deixando tras de nós este olimpo de fe e natureza, de ladeiras eternamente traballadas. Que as cristalinas augas do Río Bibei non afundan nunca, a historia esculpida nas pedras que erixen o Santuario das Ermidas. 

venres, 6 de xaneiro de 2012

Os muíños de Santo Adrán da Toba


"O rumor da chuva surprendida, no ar abre-se, en flor.
Este verde entreabre a cortiza da realidade. Nunca é
branca a fermosa máscara tráxica que reflecte, mais azul,
un anaco de ceo, esta parede azul que onte á noite
non existia. O ceo existe sen saber no branco da mañá"

Cesáreo Sánchez, A escrita do silencio

A forza da auga move as moas
dos Muíños do Son
Atrás deixamos o rumor das augas salgadas do Areal de Estorde e avanzamos cara o corazón do val de Guimareu. Ós pés desta fermosa fraga, encravada no seo do concello coruñés de Cée, atopamos cultivadas as leiras que surten as aldeas da contorna. Os cabalos do lugar semellan tranquilos ó noso paso. Axiña vémonos invadidos pola sombra das árbores desta fraga da Toba. O noso camiño atravesa de cheo o lugar de Guimareu, sito no embigo dun bosque xeneroso e rico en diversidade natural, onde podemos atopar un amplo número de especies animais e vexetais. A masa forestal está conformada por carballos, castiñeiros centenarios, piñeiros ou loureiros, aínda que lamentablemente, tamén se albisque algún que outro eucalipto. Esta fraga goza de moita sona micolóxica, potenciada, principalmente, pola diversidade das súas árbores e a riqueza e estado dos seus solos. Guimareu conserva o encanto das vellas aldeas case extintas i esquecidas. Recentemente, unha vía rápida perturbou a paz deste lugar, acoitelando as ladeiras destes montes cheos de vida. 
Nas entrañas deste bosque nacen multitude de regatos, entre os cales o máis destacado é o vello Río das Laxes, hoxe coñecido por Río Toba. Este espléndido regato, é recibido por un chamativo conxunto de muíños ó seu paso pola antiga aldea de Santo Adrán de Toba. Os Muíños da Toba constitúen un grupo de sete muíños, cinco deles restaurados a finais do noventa, e que son o centro dunha ampla área recreativa e de lecer de gran valor etnográfico. As pequenas edificacións de granito do país e teito a dúas augas, datan de diferentes épocas entre o século XIX e principios do XX. Están dispostos en ámbalas dúas beiras do río, aproveitándose do desnivel do terreo e de multitude de canles que moldean o río ó seu paso polas moas. A gran cantidade de fervenzas garanten a enerxía necesaria para poñer en funcionamento estas vellas rochas circulares. No interior dos muíños podemos aínda contemplalas e imaxinar as vellas labouras de moído do gran de millo. 
A Igrexa de Santo Adrán de Toba
As canles retórcense entre multitude de especies vexetais que conforman un rico ecosistema. Entre as plantas máis doadas de atopar están a fieita, os musgos, as herbas acuáticas e diferentes algas. Tamén atopamos unha ampla colonia dunha chamativa planta exótica de espigadas flores vermellas que acompaña o curso do río. A cantidade e tamaño destes muíños demostran a importancia e o peso económico que chegou a ter a Parroquia de Toba. As grandes vivendas eclesiásticas e o xigantesco hórreo de vinteseis pés fálannos de grandes almacenaxes de gran e de prosperidade. O templo parroquial de Santo Adrán remóntase ás orixes da aldea (século XII), pero amosa un elegante campanario barroco. Dende o seu adro, circundado por tumbas e cruceiros, contemplamos a grandeza dos bosques que arroupan á parroquia. Neste mesmo lugar celébrase, os días 17 e 18 de xuño, a Romería de Santo Adrán de Toba, na que a tradición máis popular é a poxa de galos; os últimos restos da vella prosperidade. Esta parroquia é un dos lugares máis antigos do concello de Cée, cuia capital municipal está situada no fondo da Ría de Corcubión, e constitúe unha das vilas de maior auxe nos últimos anos. Dende o alto do Monte do Son, que domina a enseada, contemplamos o contraste do progreso que fixo de Cée unha vila chea de servizos. Pero a súa riqueza ven de lonxe: a beleza das antigas vivendas señoriais do seu casco histórico, coma o Pazo de Cotón, e a súa vella tradición baleeira, teñen convertido a Cée nun referente económico na bisbarra. Entre os seus fillos máis célebres destacan Domingo Antonio de Andrade (1636-1712), arquitecto que deseñou a Berenguela compostelá e a igrexa da propia Virxe da Xunqueira, destruída posteriormente durante a invasión francesa. O Castelo de Príncipe, na Ameixenda, é do pouco que queda daquela época.

Vista da Ría de Corcubión dende o Monte do Son
No século XIX destaca a figura de Fernando Blanco de Lema, indiano adiñeirado que doou a súa fortuna, forxada nas Américas, ó benestar e ó futuro da súa vila. Así, fixo construír dous institutos: o Colexio de Nenas (actualmente sede da fundación que recibe o seu nome), e o Instituto Fernando Blanco, fermosa obra de arquitectura historicista do século XIX. 
Entre os persoeiros máis importantes na actualidade, cóntanse algúns precisamente de Toba, coma os irmáns Miro e Rafa Villar, poetas de gran sona en todo o país. Que estas vellas xoias da arquitectura popular galega sigan a xirar as súas magníficas moas neste recanto de paz e de beleza.

martes, 3 de xaneiro de 2012

O vento que acariña a Duna de Corrubedo


“Unha canción é un mapa e tamén unha vía,
un pasaporte, un modo de substento,
unha escada que leva
ó máis alá. Se vas pola túa vía
espantarás o mal.
Tódolos teus encontros serán con irmandiños
e a loita será sempre hospitalaria.
Cada un dos episodios do cantar compartido
é unha zona sagrada,
militar. Pero, ai do que se para
e bebe dunha fonte
ou dun regato
que soan noutro ton,
alleos á epopea salmodiada.

Quizais atope a morte,
ou desentoe coa vida.

Os trazos da canción conectan o invisible que está próximo
co invisible arredado: dunas
de corrubedo”
.

María do Cebreiro, Pérfida Erín (sete visións en terra)

A maxia que acompaña as forzas do vento e do mar dende o alén do Océano Atlántico, moldea e conforma ó seu antollo numerosas marabillas dignas de admirar por calquera ser humano que se prece. Un deses tesouros naturais é, sen dúbida, o Parque Natural de Corrubedo, inmerso na ventilada costa do Concello coruñés de Ribeira, -en concreto, entre Corrubedo e Olveira-, e ós pes da sempre impetuosa sombra da Serra do Barbanza.

Vista da Praia dende o Complexo Dunar de Corrubedo
Este complexo natural comprende numerosos atractivos que se ven acentuados pola diversidade do seu entorno. Marismas, lagoas de augas doces e salgadas, praias, chairas, dunas e moitísimas outras xoias que só un mesmo pode chegar a descubrir,- así coma unha morea de camiños que nos ensinan un espazo onde escoitar o murmurio laborioso do vento e recender o salitre do mar-; son só unha pequena mostra dos agasallos que  agochan estas terras do Barbanza. Tamén é un lugar onde ollar unha flora e fauna tan peculiar coma delicada, singular e innumerable. As dunas de Corrubedo constitúen un lugar onde meditar, aprender e disfrutar dun entorno natural único, dentro e fóra das nosas fronteiras. Este espazo natural protexido, situado entre a Rías de Arousa e a de Muros e Noia, acolle a influencia dos ventos predominates do sudoeste que, gran a gran e día tras día-, van conformando unha xigantesca e espectacular duna móbil de máis dun quilómetro de lonxitude por uns douscentos cincuenta metros de ancho. Mais neste espazo onde se mesturan as augas doces da Lagoa de Vixán coas augas salgadas da Lagoa de Carregal, que recibe o salitre do mar; créase un fascinante escenario de biodiversidade única que paga a pena valorar e urxe protexer. A flora caracterízase pola presenza das xunqueiras, cardos mariños e Ammófilas de area, así coma ranúnculos, carrizos e extensos piñeirais que protexen e acougan a paz das súas fértiles marismas. 

Xunqueiras a carón da Duna de Corrubedo
 A fauna que habita neste rico ecosistema caracterízase principalmente, por unha ampla diversidade de anfibios e réptiles, que compoñen a meirande parte dos presentes en todo o chan galego. No que respecta ó mundo das aves, cabe destacar os mazaricos, as garzas, os lavancos, os pernileiros, os cullereiros, os carráns cristados, as gabitas e as gaivotas. Moitas destas, aves viaxeiras, fan parada no seu itinerante voo para deterse neste paradiso de vento e natureza, na procura de descanso e alimento. Por algo este lugar, dende o ano 2003 é Zona de Especial Protección de Aves (ZEPA) e Zona de Especial Protección dos Valores Naturais (ZEPVN). Este verxel é tamén territorio de numerosas especies de mamíferos como a lontra, o raposo, o porco teixo ou o ourizo cacho. Pero non esquezamos tampoco a riqueza viva que aínda  habita baixo o leito mariño. Estas costas do Barbanza gozan dunha incuestionable fama de tradición pesqueira e dunha riqueza marisqueira coñecida no mundo enteiro, e os seus productos; os máis suculentos praceres do mar. Que o milagre das forzas do vento e do mar siga moldeando a Duna de Olveira, tesouro de nácar acariñado a barlovento.