luns, 28 de xullo de 2008

O Camelle do Alemán


"De Camelle os baixos son
mui garridos ó mirar,
nun día craro de inverno,
cando o vento en calma está:
o pescador desde lonxe,
con doce e secreto afán,
de bruzos sobre da proa ,
os está vendo branquear..."

Eduardo Pondal

De Arou a Camelle, divisando de fite o segredo celta que se plasma nos penedos da Xandriña e as ribeiras de bolos, refuxiámonos entre as mariñeiras rúas da xeitosa e anterga vila de Camelle. Esta terra e a súa enseada foron testemuñas de moitos naufraxios, lustrando desgraciadamente, o nome da Costa da Morte que portan. Os traizoeiros cons que protexen e dan vida ao bo percebe, teceron meticulosas trampas a compás co mar para numerosos navíos coma o Boris Sheboldaef, o Natalia ou o Yeoman. A historia de Camelle nace coa chegada de mariñeiros vascos que faenaban na captura de baleas, unha costume moi común na Costa da Morte. A vila de Camelle contaba cunha baleeira e algunha que outra pequena casa pertencente ás familias que traballaban na mesma. Estas antigas factorías procesaban a materia para a súa conservación e salazón. Tamén se instalaron estas baleeiras en Fisterra, (nun extremo da Praia da Langosteira, en concreto, no Areal de San Roque), en Gures, no Concello de Cee, (Factoría de Caneliñas) a cal aínda segue en pé, pero sen actividade, e noutros moitos puntos da nosa xeografía.


De Camelle temos que destacar a súa coidada estrutura mariñeira que está total e constantemente presente ó longo do seu territorio; trasmallos e nasas, chalanas e remos, roupas de auga a remollo. Xentes que ollan o mar coma ó propio futuro, coma un salitroso e inevitable pasado. Tralos pedregosos montes e fronte ao mar aberto, refúxiase esta humilde e pintoresca vila. Non se pode falar de Camelle sen lembrarnos dunha das figuras artísticas, ecolóxicas e reivindicativas máis importantes da Galiza das últimas décadas. A súa vida, obra e protesta foron recoñecidas por milleiros de persoas, emitidos por medios de comunicación e filmados e fotografados por documentalistas de tódalas partes do planeta. Refírome a Manfred Gnadinger, alcumado O Alemán de Camelle, e semella que ninguén escoitou o seu derradeiro laio nin apreciou a súa obra; a incompetencia política, ao igual que a indiferencia de moitos calou o seu berro, mais pola miña banda é ben recoñecida e non dubido que tamén o será para os milleiros de persoas que o escoitaron falar dende o seu sinxelo fogar de pedras cos pés mergullados baixo o seu mar.


Quizais moitos artistas que presumen de galegos non lembran nin lembraron a súa arte á hora de vivir e de morrer. O arte non é só unha procesión de feitos, senón un modo de vida e a eterna procura do sendeiro no cal satisfacelos nosos propios soños, os nosos obxectivos. A arte é arte cando forma parte da propia vida, e polo tanto considero e reitérome que non se apreciou verdadeiramente a vida e obra deste magnífico artista. Dende aquí fago un chamamento e reclamo xustiza para Manfred Gnadinger, o artista apreciado polo pobo e a xente, e ignorado polos nosos propios dirixentes.


O seu museu, a día de hoxe está completamente abandonado e deixado pola Administración, por este motivo resumo que a Consellería de Cultura decepcionoume enormemente por dar as costas á figura de Man e, sen embargo, facer arte en Cuba; falo do arte de malgastar os fondos públicos en facturas de perrucaría. Na morna visita a Camelle saquei a conclusión que acabo de expoñer; mentres tanto, a obra de Man segue deixada. Eses "trazos de negro cuspe" que por esas datas tan ben definiu o poeta do mar, Alexandre Nerium, ante o  fatídico desastre ecolóxico que supuxo a traxedia do Prestige, foron os mesmos que atentaron contra a vida deste amante da natureza: ese simbólico e repugnante lodo capitalista. O seu derradeiro laio: «yo decir que esto no debe limpiarse nunca..., porque hombre no querer a hombre, ni a mar, ni peces ni playa»

martes, 22 de xullo de 2008

Vai de morto quen non foi de vivo


"Camiño, camiño branco
Non sey para dónde vás,
Mais cada vez que te ve o
Qui era podert'andar.
Xa collas para Santiago,
xa collas para ó Portal,
xa en San Andrés te deteñas,
xa chegues á San Cidrán,
xa, en fin, te perdas... ¿quén sabe
En donde? ¡qué mais me dá!"

Rosalía de Castro

De fronte ó mar, agóchase o místico lugar de Santo Andrés de Teixido. Esta fermosa aldea de corenta e nove habitantes resístese a morrer no esquecemento, e comparte co visitante a súa fe i espranzas. As herbiñas de namorar, os sanandresiños, a fonte dos tres canos ou os cruceiros, fan de San Andrés, un punto importante de peregrinación. As pequenas e brancas casas de pedra imprimen un sentimento de sosego e as súas estreitas rúas fican percorridas por romeiros que, dende lonxe ou preto, camiñan ata San Andrés. Resulta estraño e sorprendente ver a contraposición da terra e do mar tan de preto, facendo de San Andrés unha pequena aldea mergullada nun val e pendurada duns dos cantís máis altos de Europa continental. A súa situación facía de Santo Andrés un lugar de complexo acceso para os romeiros, e por este motivo foi coñecido como “Santo Andrés de Lonxe” ou “Santo Andrés do Cabo do Mundo”. O lugar é húmido, polo tanto conserva unha inmensa e admirable riqueza ecolóxica. É importante, tamén, visitalo Miradoiro de Vixía de Herbeira, a uns aproximados 600 metros de altitude, e dende o cal podemos observar unha espléndida panorámica dos cantís nos que se localiza o Santo Andrés. De camiño, ben seguro atoparemos cabalos e bestas salvaxes, así como gando pastando ceibo; e poderedes observar tamén, na mesma Capelada, un dos parques eólicos máis importantes de Galicia. O camiño é a obriga para visitar o singular e feiticeiro Santo Andrés de Teixido, para ollar o mar dende un recuncho distinto e para esquecer as presas alén do Cabo do Mundo.

mércores, 16 de xullo de 2008

Coa Luz Bohemia de Lisboa


"Nem rei nem lei, nem paz nem guerra,
Define com perfil e ser
Este fulgor baço da terra
Que é Portugal a entristecer--
Brilho sem luz e sem arder,
Como o que o fogofátuo encerra.
Ninguém sabe que coisa quere.
Ninguém conhece que alma tem,
Nem o que é mal nem o que é bem.
(Que ânsia distante perto chora?)
Tudo é incerto e derradeiro.
Tudo é disperso, nada é inteiro.
Ó Portugal, hoje és nevoeiro...
É a Hora!"
Fernando Pessoa

Neste caluroso mes de xullo, recibeunos con 27 grados esa Lisboa das bohemias rúas, a Lisboa dos tranvías, o berce das fadistas.

A ponte do 25 de Abril deunos a benvida nesta perfecta capital do noso país veciño e irmán, mostrándonos o encanto da súa luz, tanto de día como de noite, as xentes, a paisaxe de teitos e antenas, as fontes, o café, os deambulantes e silandeiros tranvías…
Nesta viaxe ao Olimpo dos descubridores, as lousas -coma libros- ensináronnos as historias que fixeron de Portugal un barco cunha bandeira vermella e verde ondeante, con rumbo e camiño das especias, dos metais, das culturas virxes, con cartas de navegación, compases, con Vasco Da Gama e Fernão de Magalhães.
No percorrido de volta paramos en Fátima, no Aveiro das canles, no Porto, Viana do Castelo (importante subir a Santa Luzia), e na estremeira fortaleza de Valença do Minho.

A viaxe non defraudou: o noso país irmán ten tamén moito que ensinar e contar. Quen non escoitou falar do Zeca Afonso, e o seu eterno laio: "Grândola, Vila Morena?". Foi o berro que agochaba un caravel por cada bala. Foi un 25 de Abril e, como lembranza, a súa vermella e impoñente ponte despideunos coa luz bohemia de Lisboa.

martes, 8 de xullo de 2008

A Mariña Lucense



"...mas as paixóns que neste drama ferven, [...], interesan en calquer clima; e na Ribeira do Eo e a Mariña galego-oriental, onde o amor e o mar, como nos versos do Almirante Chariño, misturan e confunden as súas ondas..."
Ricardo Carvalho Calero. Beiramar, Escritos sobre o teatro

Amor e Mar, unha boa menciña que na Mariña resoa. Formada polos concellos de Ribadeo, Cervo, Burela, Foz, Viveiro, Barreiros, Xove, Mondoñedo, Ourol, Valadouro, Vicedo, Trabada, Lourenzá e A Pontenova; A Mariña Lucense abrangue un extenso litoral dende a Ponte do Río Sor, en O Vicedo, ata a fronteiriza e fermosa vila de Ribadeo. Esta terra caracterízase polos seus escarpados cantís, aportándolle misterio e admiración. A de sobra coñecida e transitada Praia das Catedrais (Ribadeo), de fina e branquecina area, sorprende aos visitantes con máis de 300 metros de cantís que a natureza foi pulindo grazas á erosión do vento e do mar, conformando uns arcos que se poden visitar cando a marea baixa. Está catalogada como Rede Natura. É interesante visitar os faros desta costa cantábrica, nos que destacan o de Illa Pancha, en Ribadeo; o Faro de Punta Atalaia, en San Cibrao; ou o de Punta Roncadoira, sito nun encrave de gran altitude, onde escoitar o asubío do vento. Tamén a costa de Lugo ten un importante legado celta, como é o caso do Castro de Fazouro, un asentamento de lousa moi representativo e ben conservado. Atópase na Parroquia de Fazouro, moi preto de Foz. Na Mariña pódense ver multitude de casas coloniais e outros moitos fogares que deixan ver un estilo arquitectónico semellante á popular casa chairega. Visita obrigada a Mondoñedo, antiga capital de provincia e importante foco eclesiástico e artístico, no que cabe destacar a súa catedral, construida en bases románicas e sufrindo ampliacións barrocas, cun rosetón e un cruceiro de estilo gótico. Esta antiga capital deixou escritos na historia, tamén, os nomes de grandes escritores da Literatura Galega, como Noriega Varela, Pardo de Cela, Pascual Veiga, Leiras Pulpeiro e, como non, Don Álvaro Cunqueiro, a quen atopamos na Praza da Catedral observando como o fixera en vida, a súa xente e a súa catedral.